Cando Galicia foi “outro obstáculo” para un Goberno en España: A visión de Pedro Sánchez no seu libro

Pedro Sánchez na presentación do seu libro, 'Manual de resistencia' Dominio Público @sanchezcastejon

O presidente do Goberno de España e secretario xeral do PSOE presenta no seu volume as autonómicas de 2016 como un dos desencadeantes da súa defenestración no partido e eloxia que a Xunta se ofrecese a acoller refuxiados do Aquarius fronte a outras administracións do PP

Manual de resistencia, o libro de Pedro Sánchez que na última semana se converteu no foco do debate político a nivel estatal, tamén ten referencias a Galicia, aínda que este xoves o presidente Feijóo dixese que non ten intención de lelo e que prefire o que escribiu Alfonso Guerra. Esas referencias galegas son poucas, pero algunha delas significativa. En particular, o feito de que o socialista presenta as eleccións autonómicas do 25 de setembro de 2016 como un dos desencadeantes da súa defenestración no PSOE uns días despois.

O libro de Sánchez centra o seu relato na última década, no seu ascenso en 2014 a secretario xeral do PSOE, a súa caída en 2016 e o posterior renacemento ata facerse novamente co liderado do partido e coa presidencia do Goberno central. Da década anterior pouco máis conta que a súa traxectoria previa como concelleiro en Madrid ao tempo que o compaxinaba co mundo académico, deixando simplemente constancia de que, no partido, limitárase a “axudar” a, entre outros, o daquela secretario de Organización José Blanco, pero sen dicir nada dos seus cometidos daquela que o levaron a facer de fontaneiro para o PSdeG en 2005.

Sánchez reprocha que en xaneiro de 2016 Pablo Iglesias anunciase un Ministerio da Plurinacionalidade e que En Marea "se apuntase con rapidez" a pedir un referéndum de autodeterminación para Galicia

Tras dar a súa visión do seu ascenso á secretaría xeral do PSOE en 2014 e lamentar o poder dos baróns territoriais socialistas, a primeira referencia a Galicia no libro de Sánchez non chega ata despois das eleccións xerais de decembro de 2015 que gañou Mariano Rajoy pero sen lograr unha maioría suficiente para gobernar. Das negociacións que se abriron despois para formar goberno, Sánchez lamenta que o líder de Podemos, Pablo Iglesias, divulgase en xaneiro de 2016 un suposto pacto con el no que, entre outras cousas, “anunciaba a creación dun Ministerio da Plurinacionalidade, que sobre a marcha adxudicou tamén a Xavier Domènech, líder dos Comunes cataláns, e seguía insistindo en que habería de celebrarse un referéndum de autodeterminación de todos os pobos de España que así o desexaran”. “As confluencias en Galicia apuntáronse con rapidez”, engade xusto a continuación, en referencia ás declaracións públicas que daquela fixeran representantes de En Marea reclamando ese dereito para Galicia. 

Pero a gran referencia do libro de Sánchez a Galicia atópase uns meses despois, tras as segundas eleccións xerais que se viviron daquela en medio ano, as de xuño de 2016 que volveu gañar Rajoy e tras as que Pedro Sánchez acabou deixando en outubro a secretaría xeral do PSOE por negarse a facilitar o goberno do popular cunha abstención.

“Había que deixar pasar as eleccións galegas e vascas para afrontar a situación”, di Sánchez sobre a súa debilidade interna no PSOE a mediados de 2016

Pouco máis dun mes despois das xerais de xuño de 2016, e en medio das negociacións para formar goberno, o 29 de xullo o lehendakari fixaba no 25 de setembro as eleccións autonómicas vascas que se debían celebrar nos meses seguintes e tres días máis tarde o presidente Feijóo asumía a mesma data para as galegas. Iso supuxo para Sánchez un problema á hora de fixar o Congreso ordinario pendente do PSOE no que aspiraba a ver reforzada a súa postura. Así o relata o libro: “Outro obstáculo veu poñerse no camiño da consecución dun Goberno para España: a convocatoria adiantada de eleccións autonómicas en Euskadi e Galicia. Iso obrigoume a postergar o Congreso de novo, pois non podiamos celebralo cunha campaña electoral transcorrendo ao mesmo tempo. Foi un momento moi duro para min: por un lado non quería levar ao país a unhas terceiras eleccións, pero, por outro, que o partido regresara a unha situación de normalidade resultaba vital”. “Había que deixar pasar as eleccións galegas e vascas para afrontar a situación”, conclúe. O resultado desas eleccións, conta a continuación, sería un dos desencadeantes da súa saída da secretaría xeral do PSdeG. 

Fragmento do libro de Sánchez no que fala do obstáculo que supuxeron para el as autonómicas de 2016 en Galicia e Euskadi CC-BY-SA Praza Pública

Sánchez di que xa agardaba un mal resultado nas autonómicas de 2016 en Galicia "porque cambiaramos de candidato poucos meses antes", en referencia á dimisión de Besteiro e a elección en primarias de Leiceaga

“Ao longo do mes de setembro as filtracións aos medios contra min proseguiron. A imaxe de división interna ía aumentando, o cal prexudicounos enormemente nas eleccións galegas e vascas”, prosegue o relato. “Todo conspiraba contra o cambio, incluídas as marusías internas. Sabía de antemán que os resultados nas eleccións de Galicia e Euskadi non ían ser bos, porque na primeira cambiaramos de candidato poucos meses antes [a finais de maio Leiceaga gañara as primarias para esa candidatura tras dimitir en marzo José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral do PSdeG] e na segunda o PNV estaba moi forte”.

Coa vitoria do PNV descontada, o resultado do PSdeG daquelas eleccións galegas presentouse clave para o futuro inmediato de Sánchez. Os socialistas galegos non aguantaron como segunda forza tras o PP de Feijóo e foron superados por En Marea. “Unha curiosidade que aprendín daquela é que os bos resultados nunha comunidade autónoma son mérito do dirixente autonómico, mentres que se son malos a responsabilidade atribúese ao secretario xeral”, di Sánchez. “Cousas da vida, aquelas eleccións volveron servir para acusarme de perder desde a mesma noite electoral, o 25 de setembro de 2016. Despuntaba o que algúns chamaron a 'semana tráxica do noso partido”, remata Sánchez o seu relato sobre aqueles comicios enlazándoo coa sua dimisión da secretaría xeral do PSOE unha semana despois, o 1 de outubro, presionado polos baróns.

Sanchez salienta como, fronte á oposición dos populares a acoller refuxiados, "a Xunta de Galicia, en cambio, si que colaborou pese a estar gobernada polo PP"

Tras o relato de como seis meses despois, en maio de 2017, se volveu facer coas rendas do partido co voto da militancia -non hai ningunha referencia expresa aos apoios mutuos ese ano entre Sánchez e quen uns meses despois se faría coa secretaría xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero- as citas máis claras a Galicia no libro de Sánchez non volven ata que xa preside o Goberno central tras gañar a moción de censura do pasado maio contra Mariano Rajoy. Xa en La Moncloa, Sánchez gábase da súa xestión da crise de refuxiados do barco Aquarius e eloxia de paso á Xunta de Feijóo.

Segundo Sánchez, “unha inmensa maioría da cidadanía” sentiuse reflectida na súa decisión de acoller aos refuxiados do Aquarius fronte á postura do PP e Ciudadanos que o rexeitaban. Porén, engade, “houbo outras institucións, como a Xunta de Galicia, en cambio, que si colaboraron pese a estar gobernadas polo PP".

“O reto da socialdemocracia hoxe é saber entenderse con outras forzas progresistas. O mellor exemplo diso é Portugal", di Sánchez, que considera ao primeiro ministro António Costa un referente

Non hai máis referencias directas a Galicia no libro de Sánchez, que si dedica uns cantos parágrafos máis a referirse a Portugal e o seu Goberno socialista encabezado por António Costa apoiado por outras forzas de esquerdas, do que eloxia que foi posible grazas ao “pragmatismo dos comunistas”. Ese goberno luso permítelle reflexionar sobre o futuro da socialdemocracia e xustificar as súas propias posturas ante o exercicio do goberno, Podemos e outras forzas de esquerda: “O reto da socialdemocracia hoxe é saber entenderse con outras forzas progresistas. O mellor exemplo diso é Portugal. Hai que saír do exclusivismo, e esa é a gran lección que nos deron os nosos veciños: as esquerdas pódense entender, coa socialdemocracia como gran vector. Un punto de vista interesante de António Costa é a súa convicción de que o socialismo debe recuperar a través das institucións moito do crédito perdido. A nova política hoxe son máis feitos que ditos: facer e non dicir”.

Imaxes de Sánchez recollidas no seu libro CC-BY-SA Praza Pública

Sánchez remata o libro facendo unha aposta por reformar a Constitución en clave federal

O libro de Sánchez, tras valorar as súas relacións con Mariano Rajoy, Pablo Iglesias ou Albert Rivera, remata cun último capítulo apelando a unha reforma da Constitución. Sánchez, que xa ten evidenciado o carácter nacional de Galicia recibindo por iso críticas do PP, aposta por un Estado federal. 

“¿Por que falla o título VIII, o referente ao Estado autonómico? En 1978 deseñouse, pero había que construílo e foise facendo bilateralmente. Os pais da Constitución abriron esa porta, pero non sabían exactamente a onde iamos chegar. Agora xa sabemos onde estamos: estamos nunha Europa federal onde as rexións teñen un papel determinante que desempeñar”, di Sánchez. “Cando falamos da España autonómica e propomos o federalismo, aquí moita xente, pola nosa historia, asóciao a disgregación. Sen embargo, cando se fala de federalismo europeo resulta ser todo o contrario: é integrador”, conclúe. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.