Os deputados de En Marea toman posesión reivindicando o grupo propio: "Non cabe outra opción"

Os deputados e deputadas de En Marea tralas eleccións de 2015, ante o Congreso CC-BY-SA En Marea

Os seis deputados galegos de En Marea acudiron na mañá deste venres ao Congreso dos Deputados para se acreditar e recoller as súas actas. Nun acto protocolario, os parlamentarios da coalición de esquerda reivindicaron o seu dereito a conformar un grupo propio xusto nos mesmos días nos que sobre todo PP e Ciudadanos amosan o seu frontal rexeitamento a que tanto esta formación como En Comú Podem e Podem-Compromís funcionen de maneira independente a Podemos na Cámara Baixa. "Fixemos os deberes, non cabe outra opción", advirten. 

En Marea cumpriu os requirimentos básicos que determinan se unha formación acada ou non o grupo parlamentario ao obter, como establece o artigo 23 do regulamento do Congreso, "un número de escanos non inferior a cinco e, polo menos, o 15% dos votos correspondentes ás circunscricións nas que tivesen presentado candidatura ou o 5% dos emitidos no conxunto da Nación". 

"En Marea fixo os deberes, non cabe outra opción", asegura Alexandra Fernández, voceira da coalición

"En Marea fixo os deberes e superou a barreira dos cinco escanos e do 15% dos votos, non cabe outra opción", insistiu Alexandra Fernández, a que será primeira voceira da formación no Congreso. A coalición obtivo o 26,6% dos votos na Coruña, o 19,3% en Lugo, o 17,8% en Ourense e o 28% en Pontevedra. 

Pero é ao punto 2 deste mesmo artigo ao que se agarran Ciudadanos, PP e mesmo parte do PSOE para poñer atrancos. Nel aclárase que "en ningún caso poden constituír grupo parlamentario separado deputados que pertenzan a un mesmo partido. Tampouco poderán formalo os deputados que, no tempo das eleccións, pertencesen a formacións políticas que non se tivesen enfrontado ante o electorado". 

Habendo na lista de En Marea candidatos de diferentes partidos e mesmo independentes, a coalición defende que, tal e como aclararon en campaña, a súa formación ten entidade xurídica propia e os parlamentarios representan esta e non as forzas onde militan. Deixaran claro que o seu obxectivo era o grupo parlamentario e o Ministerio do Interior, na súa web electoral oficial pero tamén na mesma noite das eleccións, presentara os seus resultados como unha forza independente e por separado de Podemos. 

En Marea esíxelle ao PP que permita que o Congreso reflicta a "maior pluralidade" do "novo escenario"

Fernández lanzou unha mensaxe ao PP para esixirlle que permita que o Congreso reflicta a "maior pluralidade" do "novo escenario" tras o 20D porque esa maior pluralidade "significa a coralidade de voces, que é o que a cidadanía reclamou nas urnas". "Nós presentámonos coa vontade de conseguir un grupo propio; iso é o que está enriba da mesa e non entendemos outra posibilidade", dixo a voceira de En Marea, que non aclarou se o posible apoio a un presidente do Congreso socialista depende da aceptación por parte do PSOE deste grupo parlamentario galego. "É un día histórico para Galicia porque os galegos teremos por primeira vez un grupo propio", insistiu. 

Feijóo, ademais, uniuse ás voces contrarias ao grupo propio de En Marea e asegura que "as prioridades desa coalición é facer unha defensa dun referendo de independencia" e permitir "dividir en catro grupos" a mensaxe de Podemos e "ter máis tempo para actuar". Así, advirte que, "de seguir as cousas así, probablemente PP e PSOE podería presentar diferentes candidaturas en cada autonomía".  

PNV, CC, ERC, UPyD ou IU tiveron grupo propio sen cumprir os requirimentos básicos do regulamento que si cumpre En Marea

A amplísima e flexible interpretación que se leva feito sobre o regulamento do Congreso nos últimos anos para favorecer os grupos doutros partidos é o que fai ver a En Marea nos posibles atrancos unha decisión puramente política e non xurídica. Na última lexislatura, UPyD, co 4,7% dos votos a nivel estatal, puido ter grupo parlamentario grazas á cesión momentánea dun deputado de Foro Asturias. O mesmo ocorrera noutras ocasións con Coalición Canaria ou IU e grazas ao préstamo de parlamentarios do PSOE ou ERC. 

Tamén nesta última lexislatura, a Mesa do Congreso impediulle a Amaiur formar grupo propio por non ter sumado o 15% dos votos en Navarra malia ter superada esa porcentaxe nas provincias da autonomía vasca. Anos antes, ERC puido ter grupo propio malia non chegar ao 15% en Valencia, onde tamén se presentara. Ademais, durante moito tempo, o PNV tivo grupo parlamentario malia non superar tampouco ese limiar no territorio navarro.  

 

Política social e dereito a decidir, criterios para un pacto co PSOE

Por outra banda, Fernández tamén lanzou unha mensaxe para o PSOE para que decida se quere un goberno "alternativo de esquerdas" ou seguir sendo "a parella de baile do PP". Para a voceira de En Marea, a política social e a defensa do dereito a decidir son os dous criterios clave para un posible apoio, pero advertiu que a "única liña vermella" é a que divide o PSOE en dous

En Marea insta o PSOE a elixir entre "o proxecto socialdemócrata e a defensa do dereito a decidir" ou "seguir sendo a parella do PP"

A un lado desa liña están "os que queren continuar o proxecto político do PP, o das privatizacións e os recortes", que pactan unha reforma da Constitución "da noite para a mañá de costas á cidadanía". No outro, na súa opinión, está un PSOE que "quere recuperar o seu proxecto socialdemócrata" e outras cuestións como a defensa do dereito a decidir dos pobos, "pola que apostaba o PSC en 2012".

A coalición aclara que defenderá Galicia "como suxeito político propio, con especificidades" e con dereito a decidir

É, en definitiva, "a liña vermella que ten o PSOE entre Susana Díaz e Pedro Sánchez", engadiu, porque asegura que hai socialistas que estarían a favor do referendo en Catalunya. "Os socialistas terán que decidir por que proxecto van apostar", insistiu Fernández, quen subliñou que En Marea defenderá a Galicia como "un suxeito político propio" que, "como nación periférica do Estado ten unha serie de especificidades" que se porán enriba da mesa, incluído o devandito dereito a decidir.

Os seis deputados de En Marea, no Congreso Dominio Público @En_Marea
Os seis deputados de En Marea no Congreso Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.