Pedro Sánchez óllase no espello portugués

Xuntanza de Sánchez e Costa en Lisboa © PSOE

É estraño que a política española, como a galega, olle cara a Portugal malia á súa cercanía. Este xoves o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, mudou por unhas horas esa actitude para realizar unha simbólica viaxe a Lisboa. Alí agardábao António Costa, cuxo partido, como o PSOE o 20-D, ficou en segunda posición tras as eleccións do pasado outubro, se ben un acordo co Bloco de Esquerda e o Partido Comunista lle permitiu tombar o Goberno da dereita once días despois de que se formase, converténdose así no novo primeiro ministro socialista. Ese espello é no que Sánchez comeza a se ollar.

Tras semanas de duras tensións internas que mesmo deixaron en segundo plano político e informativo as dificultades do PP para tecer consensos en torno a si e, nomeadamente, en torno a un Executivo encabezado novamente por Mariano Rajoy, o líder dos socialistas semella decidido, cando menos nos xestos, a mudar o paso. Na xornada en que algunhas das voces máis progresistas do PSOE o instaban a dar a batalla por unha coalición de esquerda Sánchez estreitou a man de Costa como mostra, dixo, de que "os ventos de cambio chegaron para quedar".

Nun sentido contrario ao manifestado por voces como as da andaluza Susana Díaz, Sánchez eloxia o "acerto portugués de ter un goberno progresista", porque esta, afirma, é a caste de gobernos que "teñen como principais finalidades o crecemento, a creación de emprego" e "loitan contra a desigualdade e a precariedade". Mostra disto, afirma, son decisións xa tomadas polo gabinete de Costa como a revalorización das pensións ou a suba do salario mínimo, así como a aposta por aprobar unha "fiscalidade máis xusta". "Se algo quedou claro" en Portugal, afirma, é que "cando as forzas do cambio se unen, multiplícanse os beneficios para os cidadáns".

Sánchez eloxia o "acerto portugués de ter un goberno progresista"

Isto non quere dicir, no entanto, que o PSOE se lanzase xa á procura dunha coalición. Agora é o "tempo do PP e de Rajoy", pero "estou convencido de que España precisa un cambio cara a un goberno forte, progresista e con capacidade de diálogo, que é o que non ten Rajoy". Así as cousas, explica, deixará que os conservadores procuren acordos dende a advertencia de que "dicimos non á gran coalición entre PP e PSOE". Se Rajoy "fracasa e non forma goberno, diremos si a unha gran coalición dun goberno con forzas progresistas que una todas as fracturas que provocou o PP".

O líder socialista indica que, se Rajoy "fracasa" na formación de goberno, "diremos si a unha gran coalición con forzas progresistas"

Neste contexto, o rexeitamento a unha consulta de autodeterminación en Catalunya -a súa aposta, afirma, segue a ser unha reforma constitucional que posteriormente sexa "votada polo conxunto dos españois", reforma sobre a que o PP tería dereito de veto no Senado-, Sánchez coida que unha eventual repetición das eleccións non implicaría máis que "adiar o problema". Por todo isto, se a Rajoy non lle dan as contas "as forzas do cambio téñense que entender".

Os eloxios de Sánchez ao pacto portugués e a súa aposta por exportalo ás Cortes españolas foron rexeitados por PP e Ciudadanos mesmo antes de que se producisen. En diversos ámbitos o eventual entendemento de PSOE e Podemos -precisarían, ademais, do apoio dalgunha forza máis- é lido non só como negativo para os intereses da dereita no Goberno de España, senón tamén como unha porta aberta para posibles alianzas de esquerda en vindeiros comicios, a comezar polas eleccións galegas deste mesmo ano. Así, tanto os populares como os de Albert Rivera afirman xa que o entendemento con Podemos e as forzas coas que este partido está aliado supón pactar con quen queren "romper España".

Sánchez, fronte ao primeiro ministro portugués, este xoves en Lisboa © PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.