Rueda aspirará a presidir o PP de Pontevedra e deixará a secretaría xeral do partido

Alfonso Rueda anuncia a súa candidatura a liderar o PP de Pontevedra © PPPontevedra

Alfonso Rueda anunciou este sábado a súa candidatura para presidir o PP de Pontevedra e aclarou tamén ante os medios que deixará a secretaría xeral do PPdeG, aínda que se manterá no cargo ata o vindeiro congreso autonómico dos populares. 

Rueda desliga esta decisión dunha posible sucesión de Feijóo

Rueda, segundo aclarou, consultou a súa decisión con Rafael Louzán, a quen presumiblemente substituirá á fronte da formación en Pontevedra, e tamén a pactou co presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo. “Díxenlle que a miña vocación era serlle útil ao partido e serlle útil, tamén, á persoa que confiou en min hai dez anos. Díxenlle que aprendín con el a revitalizar un partido que acababa de pasar á oposición e que aprendín con el devolverlo ao Goberno", insistiu Rueda,  que manifestou que segue "á súa disposición". 

O vicepresidente da Xunta asegurou que non considera este paso unha degradación na súa carreira política. Ademais, e ante o ruxe-ruxe que ve neste movemento unha posible sucesión do actual líder do PP galego asegurou que "o mellor candidato para suceder a Feijóo é Feijóo"

O congreso provincial do PP de Pontevedra celebrarase o vindeiro 13 de marzo e buscará substituto a Louzán, a quen gabou Rueda tras "14 anos de triunfos electorais". O aínda secretario xeral do PPdeG dixo ter "aprendido moitísimo" de Feijóo logo de dez anos á fronte da formación conservadora. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.