O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra vén de condenar a delegada territorial da Xunta en Pontevedra dende setembro de 2020, Luisa Piñeiro, a dous anos de prisión e oito de inhabilitación ao considerala "cooperadora necesaria" dun delito de prevaricación e autora doutro de fraude en 2013, na súa etapa como alcaldesa de Moraña polo PP. A sentenza, ditada este 5 de febreiro, considera probado que colaborou para cometer estes delitos co daquela presidente da Deputación pontevedresa e actual máximo responsable da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, a quen a xuíza lle impón a mesma condena, igual que ao funcionario que na altura exercía como director de Infraestruturas da institución provincial.
A xuíza ve probado que Louzán e Piñeiro participaron nun "plan" para pagar 86.000 euros á construtora dun campo de fútbol subvencionado pola Deputación por obras fóra do proxecto e, para facelo, subvencionaron traballos xa feitos como se fosen novos
O caso agora axuizado é unha peza separada da operación Patos, unha investigación de suposta corrupción que tiña na súa cerna á empresa construtora Eiriña. Esta empresa foi a adxudicataria das obras de construción dun campo de fútbol de herba artificial en Moraña -Louzán impulsou na Deputación ducias destes campos antes de acabar presidindo a Federación de Fútbol- que a Deputación acordara realizar mediante un convenio co Concello da vila, con Piñeiro como rexedora. O goberno de Louzán asumía o custo dos traballos mediante "unha subvención do presidente" por importe de case un millón de euros.
Segundo defendeu a Fiscalía na súa acusación e a xuíza dá por probado, a construtora "realizou obras non contempladas no proxecto" e a finais de 2013 presentou na Deputación unha certificación "por importe de 86.816,47 euros" para cobralas. Pero "como se trataba dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía rebasar o importe subvencionado" e a funcionaria encargada "sinalou que era ilegal", relata a sentenza, "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa Eiriña o importe que reclamaba".
Foi así como, di o ditame xudicial, Louzán e Piñeiro, xunto co director de infraestruturas da Deputación, o administrador da construtora, un empregado e un arquitecto (todos eles tamén condenados na mesma sentenza), "elaboraron" e "executaron" un plan consistente en adxudicar á empresa un proxecto de "mellora de vestiarios e bancadas" do mesmo campo de fútbol. Todo, a cargo dunha nova subvención da Deputación, por importe de 86.311,84 euros, importe practicamente idéntico ao que a construtora pedía polo sobrecusto da primeira obra.
A sentenza, que é recorrible, ve "un verdadeiro fraude" a creación da nova subvención e a adxudicación dos supostos novos traballos á mesma construtora tentando "dar apariencia de legalidade á contratación"
Indica a xuíza que, á luz da documentación do caso e tamén das escoitas telefónicas practicadas, queda claro que esas supostas melloras no campo non eran máis ca un proxecto feito ad hoc para cobrar as devanditas cantidades. Ademais, considera comprobado que boa parte das obras incluídas no novo proxecto "xa estaban executadas con anterioridade" e isto é "apreciable a simple vista". Así, especifica a sentenza, Louzán "coñecía sobradamente non só que a maior parte das obras estaban executadas, senón tamén que as executara a empresa Eiriña". A xuíza agrega como proba o feito de que o daquela presidente da Deputación estivo presente "tanto nunha visita institucional como no acto de inauguración" do campo xunto co administrador da construtora. "Tal afirmación é extensible" á actual delegada da Xunta "polas mesmas razóns", conclúe.
As condenas veñen dadas pola concesión dunha nova subvención para obras que parcialmente xa estaban feitas, o cal a xuíza considera "un verdadeiro fraude", pero tamén polo xeito en que os supostos traballos foron adxudicados a Eiriña. "Xa dende a creación da subvención (...) o propósito era que a empresa adxudicataria fose Eiriña" e por iso se tentou "dar apariencia de legalidade ao procedemento de contratación" ao que concorreron outras dúas empresas -como corresponde a unha contratación negociada sen publicidade-, se ben "todos os intervintes no mesmo estaban concertados para que se adxudicase á empresa Eiriña". Os responsables das outras dúas construtoras tamén son condenados, no seu caso a un ano de prisión e dous de inhabilitación.
A sentenza do xulgado pontevedrés é recorrible ante a Audiencia Provincial. No caso de adquirir firmeza, a Xustiza tamén tería que ditaminar sobre o ingreso ou non en prisión dos condenados a dous anos de cadea, Piñeiro e Louzán, para quen a Fiscalía pedía cadanseu ano máis de cárcere, un total de tres.
En casos semellantes de condenas a inhabilitación, cargos políticos tiveron que abandonar os seus postos cando a sentenzas aínda non eran firmes en aplicación da reforma da lei electoral de 2011; Piñeiro non agardou a dirimir esta cuestión xurídica e dimitiu
Resta saber tamén o que acontece coas condenas de inhabilitación, de 8 anos. A modificación da lei electoral, aprobada en 2011 para desenvolver a lei de partidos de 2002 converteu en "inelixibles" aos "condenados por sentenza, aínda que non sexa firme , por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a Administración Pública ou contra as Institucións do Estado" cando nestas sentenzas se establecese "a pena de inhabilitación para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo ou a de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público".
En aplicación deste precepto, cargos políticos inhabilitados tiveron que abandonar os seus cargos cando a sentenza non era firme -así lle sucedeu, por exemplo, a sete edís do PP de Santiago condenados en 2014 por unha sentenza que a Audiencia Provincial da Coruña revogou ao ano seguinte-. Se así fose neste caso, Piñeiro tería que abandonar o cargo de libre designación na Xunta para o que a seleccionou Alberto Núñez Feijóo hai menos de medio ano, cando en virtude dos estatutos do partido tiña que ter aberto un expediente interno e estar suspendida de militancia.
Non obstante, a ex-alcaldesa de Moraña non agardou á dirimir esta cuestión xurídica e a últimas horas da tarde deste 5 de febreiro anunciaba a súa dimisión. Na mesma rolda de prensa anunciaba a súa baixa como militante do PP. Fíxoo despois de que o PP de Galicia asegurase a Praza.gal que xa se dera de baixa en vésperas do xuízo celebrado o pasado novembro, apenas un mes despois de ser nomeada delegada da Xunta en Pontevedra.