O caso Patos, que investiga unha suposta trama para facerse con contratos públicos a través do pago de subornos, seguirá en instrución, pero das 36 persoas que ata agora estaban imputadas só permanecerán como investigadas 13. Delas, só un é político, o ex-presidente da Deputación e do PP de Pontevedra e agora da Federación Galega de Fútbol Rafael Louzán, contra o que xa se decretou, por outra imputación distinta, a apertura de xuízo oral por un suposto suborno obtido a través do alugueiro duns baixos. O resto de políticos imputados no caso Patos, entre eles o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero; a anterior delegada da Xunta na cidade, María José Bravo Bosch; e quen foi home forte do PP en Vigo nas últimas dúas década, José Manuel Figueroa, ven como a xuíza instrutora acaba de sobreser a causa respecto deles.
A investigación “non permitiu corroborar os indicios inicialmente apreciados” contra Caballero, Bravo Bosch ou Figueroa
A maxistrada María del Carmen García Campos, xuíza do xulgado de Instrución número 7 de Vigo, vén de emitir un auto no que acorda o sobresemento da investigación do caso Patos no que se refire a 23 persoas que ata o de agora estaban sendo investigadas. Xunto con Caballero, Bravo Bosch e Figueroa, a xuíza tamén acorda o sobresemento para os concelleiros socialistas David Regades, Ángel Rivas e Isaura Abelairas, así como para o ex-deputado e ex-director xeral popular Juan Pedrosa.
No escrito previo do fiscal no que agora a xuíza basea o sobresemento, este consideraba que non son tipificables penalmente diversos regalos que recibiron algúns políticos como Caballero
Con respecto aos outros 13 investigados, entre os que xunto con Rafael Louzán están empresarios e funcionarios da Deputación de Pontevedra, do Concello de Vigo e da Autoridade Portuaria de Vigo, a xuíza decide a apertura de pezas separadas e a continuación das investigacións. No seu curto auto, de só seis páxinas, a xuíza remítese aos argumentos cos que o fiscal xa pedira o sobresemento para estas persoas e limítase a reiterar que había indicios suficientes para realizar a investigación que agora propón dar por rematada pero que esta “en numerosos casos non permitiu corroborar os indicios inicialmente apreciados”. A causa xira en torno a Enrique Alonso Pais, representante de varias empresas, en particular de Eiriña SL, por supostamente “conseguir concurso públicos co conseguinte pago a políticos locais do Concello de Vigo e tamén provinciais”.
No escrito previo do fiscal no que agora a xuíza basea o sobresemento, este consideraba que non son tipificables penalmente diversos regalos que recibiron algúns políticos como Caballero, comportamentos “sospeitosos” como conversas do empresario con funcionarios, ou enchufes do socialista Rivas nunha empresa dos que segundo o fiscal este non se beneficiou.