Uns 676.000 euros en Marín, 442.000 en Vilaboa, 342.000 en Cotobade, 354.000 en Covelo, un millón en Moraña e outro en Cuntis. Son algúns dos concellos da lista na que figuran nomes como A Sangriña, San Amaro, O Pombal, Monte da Lomba, O Salgueirón, Camballón, A Bouza ou A Seca, uns poucos exemplos dos campos de fútbol que, durante os últimos anos, foron tapizados con herba artificial grazas aos fondos públicos da Deputación de Pontevedra, a institución dirixida por quen dende este xoves é tamén presidente da Federación Galega de Fútbol, o popular Rafael Louzán.
Calcúlase que arredor de 40 millóns de euros da administración provincial pontevedresa foron parar xa nos últimos anos a estas instalacións deportivas. A súa construción e financiamento responde a unha estratexia exposta abertamente pola Deputación: "Dispoñer de, cando menos, un campo na práctica totalidade dos concellos", o que non impide que en municipios como Ribadumia, concello natal de Louzán, se acumulen xa catro destes campos. Entre acusacións de "clientelismo" ou "amiguismo" Louzán defende a idoneidade destes investimentos e a satisfacción dos clubes deportivos aos que agora presidirá dende a FGF. Ademais, chegou a alegar ante o Parlamento, a existencia dos campos permite que "mentres os rapaces están aí, ocupados, non están noutras circunstancias que nos preocupan aos que temos fillos".
Calcúlase que a deputación pontevedresa destinou uns 40 millóns de euros a campos de herba artificial
For afán de clientelismo ou aposta pola vida saudable, o certo é que estas obras e as subvencións aos equipos futbolísticos da provincia non precisamente un obstáculo para que Louzán se impuxese ao seu rival, o ata agora presidente e alcalde socialista de Cerceda José García Liñares. O tamén presidente do PP de Pontevedra logrou 80 votos da asemblea, compostos por representantes de todos os ámbitos do fútbol, fronte a 65 de Liñares. O cómputo completouse con catro votos nulos.
Na contorna da FGF xa se fala da posibilidade de que Louzán queira aspirar a dirixir a Federación Española
Tras ratificar a vitoria Louzán asegura que o que se produciu foi "un triunfo do fútbol galego en xeral", que "entendeu que era o momento de abordar un cambio que nós, dende a nosa candidatura, propoñiamos". Nos cambios non figura, no entanto, a recuperación da selección galega de fútbol. Mentres, fontes do fútbol galego consultadas por este diario sinalan que, ante as máis que razoables dúbidas sobre a continuidade de Louzán á fronte da Deputación -con independencia de que o PP a conserve ou non tras as municipais de maio-, as súas aspiracións poderían non limitarse a presidir a FGF. No seu horizonte, manteñen, xa está a posibilidade de ser a remuda para o veterano e controvertido Ángel María Villar na presidencia da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).
Acusacións durante a campaña e preguntas á Xunta
O triunfo do popular na FGF chega despois dunha dura campaña na que quen era aspirante á reelección chegou a reclamar que a Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta, investigase se Louzán incorreu en "conduta delitiva" durante a carreira electoral ao utilizar, asegura, medios da Deputación, e "armas de convicción poderosas". Segundo Liñares, "houbo presións aos asembleístas exercidas dende a candidatura de Louzán a través da Deputación". A institución provincial, subliña, "estívose utilizando para todo, mesmo para maner xuntanzas cos clubes". Asemade, "cargos e persoal da Deputación foron interventores no proceso electoral despois de que, en moi poucos días, pasasen a formar parte de directivas de clubes como o Ribadumia e o Umia. "Teño a miña opinión, pero se esa conduta é delitiva ou non, non me toca a min decidilo", afirma.
"Houbo presións a asembleístas exercidas a través da Deputación", afirmou o ata agora presidente
Tamén dende o grupo do PSdeG no Parlamento se expresaron dúbidas no mesmo sentido durante o proceso. Segundo a súa voceira en materia deportiva, Carmen Cuña, os representantes de "clubes, técnicos, árbitros e xogadores" con dereito a voto na asemblea foron "sucesivamente convocados a amables encontros co presidente da Deputación", que "utilizou de forma espuria o seu cargo institucional para facer campaña electoral con toda naturalidade, total impunidade e ilimitado descaro". Tamén como presidente do ente provincial, Louzán celebrou en apenas dous meses múltiples actos ligados ao fútbol en localidades como Cerponzóns, Ribadumia, Barro ou Cotobade. Segundo o novo líder da FGF estas acusacións só responden a un intento de realizar unha campaña sucia.