- XANEIRO 2021 | Pachi Vázquez é absolto na causa por prevaricación pola que deixou o Parlamento
- FEBREIRO 2021 | A delegada da Xunta en Pontevedra e Louzán, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevariación e fraude
O ex-presidente da Deputación de Pontevedra senta no banco este venres xunto á ex-alcaldesa de Moraña polas obras dun campo de herba artificial, e o ex-secretario xeral do PSdeG faino o luns por contratar persoal cando era rexedor do Carballiño
Tras anos de investigacións xudiciais que lles supuxeron a saída dos postos máis significativos das súas carreiras políticas, este venres o ex-presidente da Deputación e do PP de Pontevedra Rafael Louzán, e o luns o ex-secretario xeral do PSdeG e ex-conselleiro Manuel Pachi Vázquez, sentan no banco dos acusados para afrontar senllos xuízos por prevaricación. A relevancia política que chegaron a ter os dous resta visibilidade ao feito de que xunto co primeiro tamén será xulgada a actual delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro. Piñeiro foi nomeada hai só dous meses por Feijóo para un posto público de libre designación que pasou a ocupar malia ter aberto un expediente aberto polo PP e obrigar os estatutos do partido a suspendela provisionalmente de militancia. Segundo fontes do PPdeG, ela mesma deuse de baixa como militante o pasado outubro.
No caso de Louzán e Piñeiro, son xulgados por unha peza separada da operación Patos xunto con catro empresarios, un arquitecto e un técnico da Deputación. Segundo a Fiscalía, en 2011 Deputación e Concello de Moraña, onde era alcaldesa Piñeiro, asinaron un convenio dun millón de euros para a construción dun campo de fútbol de herba artificial -Louzán impulsou ducias deles desde a Deputación por toda a provincia antes de acabar presidindo a Real Federación Galega de Fútbol- que foi adxudicado polo ente provincial á empresa Eiriña.
Segundo a Fiscalía, Louzán e Piñeiro participaron nun "sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a aboar á empresa o importe que reclamaba” por obras non contratadas
A construtora realizaría obras a maiores non contratadas que posteriormente reclamaría por importe de 86.000 euros, pero ante a negativa da funcionaria provincial encargada da tramitación por velo ilegal “ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a aboar á empresa o importe que reclamaba”, segundo a Fiscalía. Ese sistema supuxo que a Deputación concedeu ao Concello esa contía a través dunha nova subvención con cargo a unha partida de libre disposición do presidente provincial e adxudicouse un novo contrato novamente a Eiriña, pero parte deses supostos novos traballos xa estaban executados. Segundo a Fiscalía, aínda que a decisión de conceder a segunda subvención foi da Deputación, “a mesma non tería sido posible sen a solicitude da señora Piñeiro Arcos”.
A Fiscalía considera que Louzán é autor dun delito de prevaricación e outro de fraude, mentres que a Piñeiro atribúelle un delito de cooperación necesaria no delito de prevaricación e outro de fraude. Para cada un pide tres anos de cadea e nove de inhabilitación para emprego ou cargo público.
Louzán deixou a Deputación tras ser elixido presidente da Federación de Fútbol en 2015 e un ano despois tamén era substituído á fronte do PP provincial, o que non impediu que o partido seguise recorrendo a el para captar votos. O seu paso atrás da primeira liña política produciuse no momento máis álxido das investigacións contra el que tamén o tiveron imputado noutro caso por supostamente cobrar alugueiros máis altos do normal como “agasallo en consideración ao seu cargo”. Pero esa causa acabou arquivada tras anular o TSXG probas da Fiscalía.
Os estatutos do PP establecen a suspensión provisional da afiliación ao partido cando se abre xuízo oral por corrupción; a formación di que Luisa Piñeiro se deu de baixa o pasado outubro
Pola súa banda, Luisa Piñeiro deixou a alcaldía de Moraña ao ser nomeada o pasado setembro por Feijóo delegada territorial da Xunta en Pontevedra. Ocupa ese posto malia que o PP lle abriu un expediente informativo, como esixen os seus estatutos cando algún cargo resulta imputado nun caso de corrupción.
Os estatutos da formación contemplan que dito expediente se transforme en disciplinario “no momento en que se teña coñecemento da apertura do xuízo oral no procedemento xudicial correspondente”, momento no que tamén determinan a "suspensión provisional de afiliación", que se convertería en expulsión no caso de sentenza firme. Consultado por este diario, o PP asegura que Piñeiro se deu voluntariamente de baixa o pasado outubro.
Vázquez, por enchufismo como ex-alcalde do Carballiño
A Fiscalía considera que Vázquez contratou persoal no Concello do Carballiño “con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública" e malia que "foron informados por escrito e de xeito verbal"
Tras o xuízo contra Louzán e Piñeiro deste venres, o luns está fixada a vista oral contra Pachi Vázquez por contratacións de persoal cando era alcalde do Carballiño, desde 1995 e ata ser nomeado conselleiro de Medio Ambiente en 2005. Segundo a fiscalía, tanto el como o seu sucesor e tres ex-concelleiros asinaron ou autorizaron diversos contratos con 60 persoas “con conciencia de que faltaban os requisitos básicos de toda contratación pública, como é a publicidade, para que calquera persoa puidera acceder á mesma de acordo aos principios de mérito e capacidade” e a pesar de que “foron informados, cando desempeñaban os seus postos no Concello, con informes escritos e de xeito verbal, do incumprimento, durante a tramitación dos procedementos de contratación dos traballadores, dos trámites necesarios para constatar o cumprimento dos principios constitucionais que deben rexer os mesmos”.
A Fiscalía considera que Vázquez e o resto de acusados son autores de delito continuado de prevaricación e pide para cada un dez anos de inhabilitación para emprego ou cargo público.
Vázquez, nomeado secretario xeral do PSdeG tras a derrota electoral do bipartito en 2009, deixou ese posto en 2013, o escano no Parlamento de Galicia en 2015 e o PSdeG en 2019, cando se volveu presentar, cunha formación independente, Espazo Común, ás eleccións municipais no Carballiño, onde é concelleiro na oposición.