Pachi Vázquez é absolto na causa por prevaricación pola que deixou o Parlamento

Pachi Vázquez foi novamente candidato no Carballiño en 2019 pola formación independente Espazo Común, pola que é concelleiro na oposición Dominio Público @espazo_comun

A xuíza que xulgou os procesos de contratación de persoal cando era alcalde do Carballiño di que nin se puido probar que fosen ilegais nin que os acusados fosen advertidos e actuasen sendo conscientes de ningunha arbitrariedade

O 4 de maio de 2015 Pachi Vázquez, ex-secretario xeral do PSdeG, ex-conselleiro de Medio Ambiente e candidato á presidencia da Xunta en 2012, anunciou a súa renuncia ao escano que ocupaba no Parlamento de Galicia “para que ninguén diga que me agacho” nese posto fronte a unha querela que a Fiscalía presentara meses antes contra el por suposta prevaricación na contratación de persoal cando era alcalde do Carballiño, entre 1995 e 2005. Este venres, case seis anos máis tarde daquela dimisión, con Vázquez tamén fóra do PSdeG, ocupando un posto de concelleiro na oposición novamente no Carballiño por unha formación independente propia, Espazo Común, foi absolto.

Fragmento da sentenza que absolve a Pachi Vázquez de prevaricación cando era alcalde do Carballiño CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza emitida agora polo xulgado do Penal número 2 de Ourense tras o xuízo oral celebrado o pasado novembro contra Vázquez, o seu sucesor na alcaldía e tres ex-concelleiros por asinar ou autorizar contratos con 60 persoas conclúe que “non puido probarse” que os acusados “ditasen resolucións arbitrarias e con coñecemento da súa ilegalidade”. A xuíza comeza sinalando que debera ser a vía contencioso-administrativa e non a penal a que determinase se as contratacións do persoal foron arbitrarias e contrarias a dereito, pero aínda así analízaas e conclúe que non pode establecerse tal cousa porque os procedementos de contratación de persoal temporal non estaban regulados claramente.

A sentenza di que non houbo "a máis mínima proba" de que se contratase a 60 persoas por afinidades políticas ou persoais

A sentenza tamén sinala que “se ben na querela que deu orixe ao presente procedemento expresamente se recollía que as contratacións realizadas eran exclusivamente debidas a afinidades de tipo político, persoal, ou doutro tipo, o certo é que non se mantivo esa concreta imputación no escrito de acusación finalmente presentado. E en calquera caso, efectivamente, tampouco se practicou a máis mínima proba de que a contratación desas persoas respondese a esas motivacións”.

A xuíza sinala que, en contra do defendido pola Fiscalía, si hai constancia documental dos procedementos de contratación seguidos, mentres que non a hai das supostas advertencias verbais de posibles eivas nos procesos que supostamente realizou aos acusados unha secretaria municipal. A “contundencia” coa que a secretaria declarou en fase de instrución, di a sentenza, “xa non foi mantida no acto do xuízo, pois, á marxe de que non lembraba practicamente ningún aspecto acerca dos que foi preguntada, o certo é que acabou admitindo que puidera ser que non se atopasen os expedientes de contratación porque non se arquivaran dentro dos expedientes persoais de cada traballador que foi onde se buscou”. Posteriormente, di a xuíza, acabou aparecendo documentación deses procesos que lle permite concluír que non foron contrarios á lei.

Pachi Vázquez cando anunciou a súa renuncia ao escano no Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

Por outra banda, e tendo en conta a data de presentación da querela por parte da Fiscalía, a xuíza tamén sinala que, ademais de non atopar nelas delito, “estarían prescritas todas as contratacións que tiveron lugar con anterioridade a novembro do 2004”. A sentenza pode ser recorrida ante a Audiencia Provincial de Ourense.

Vázquez, nomeado secretario xeral do PSdeG tras a derrota electoral do bipartito en 2009, deixou ese posto en 2013, o escano no Parlamento de Galicia en 2015 e o PSdeG en 2019, cando se volveu presentar, cunha formación independente, Espazo Común, ás eleccións municipais no Carballiño, onde é concelleiro na oposición.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.