A xuíza ve indicios de prevaricación por enchufismo en Pachi Vázquez sendo alcalde do Carballiño

Pachi Vázquez, atendendo á prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Carballiño deu por finalizada a investigación sobre as contratacións realizadas entre 1999 e 2011 polos ex-alcaldes Pachi Vázquez e Carlos Montes e por tres ex-concelleiros. A maxistrada acordou que siga a causa contra os cinco investigados por se os feitos fosen constitutivos de delitos de prevaricación continuada. 

Segundo a xuíza, hai indicios de que os investigados subscribiron "un gran número de contratacións de persoal laboral de duración determinada para o desempeño de labores de competencia municipal" para 60 traballadores. Eran contratos temporais que viraron en indefinidos feitos polos imputados en representación do Concello do Carballiño e, presuntamente, "sen atender aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade que deben inspirar a contratación pública". Xa que logo, sospeita do enchufismo e advirte de que os investigados coñecían as "advertencias e reparos de legalidade realizados en ocasións pola interventora e o secretario". 

A xuíza ve indicios de enchufismo e advirte de que os investigados coñecían as "advertencias e reparos de legalidade realizados en ocasións pola interventora e o secretario"

"En ningún caso pediron informes sobre a legalidade das contratacións que efectuaban", di a maxistrada, que asegura que malia requerilos, non se atoparon expedientes "da inmensa maioría dos contratos obrantes na causa". 

Con todo, a xuíza tamén admite que hai indicios que apoiarían algúns dos argumentos das defensas, que advertían que até 2007 non había regulación específica dos procedementos de selección de persoal laboral temporal ao servizo da administración local, ademais de aludir a que os expedientes estarían "dispersos" en diferentes dependencias municipais. 

A maxistrada aclara tamén que hai indicios que apoiarían algúns dos argumentos das defensas

Agora, corresponderalle ao órgano de enxuizamento "valorar a maior ou meno transcendencia daqueles indicios de cara a integrar os requirimentos xurisprudenciais do delito de prevaricación". A xuíza acorda dar traslado ao Ministerio Fiscal e ás acusacións para que en dez días formulen escrito de acusacións, solicitando a apertura de xuízo oral, o sobresemento da causa ou a práctica de dilixencias complementarias. 

Pachi Vázquez, ex-líder dos socialistas galegos e ex-conselleiro, anunciou hai tan só unhas semanas que se daba de baixa no PSdeG por diferenzas coa direcciópn galega e estatal da formación. Moitos dos seus afíns ameazaron con presentar listas independentes ás eleccións municipais de maio en varias localidades. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.