"Tomo esta decisión para ninguén diga que me agacho por tras do Parlamento de Galicia". O ex conselleiro de Medio Ambiente, ex secretario xeral e ex candidato do PSdeG á Xunta, Pachi Vázquez, oficializou este luns a súa decisión de renunciar ao seu escano na Cámara galega para non mesturar a condición de deputado co procesamento ligado ao primeiro cargo público de relevancia que ostentou, o de alcalde do Carballiño entre 1995 e 2005. A querela da Fiscalía encamiña o ex líder socialista cara ao banco dos acusados pola suposta prevaricación continuada na contratación de 37 persoas no consistorio e, mentres mantén a súa "inocencia", opta polo paso atrás.
Nunca convocatoria realizada con pouco máis dunha hora de antelación e sen previa comunicación á dirección do partido, segundo admitiu, Vázquez compareceu acompañado polas copias de case 3.000 expedientes que, din, acreditan que "sempre actuei de acordo coa legalidade" nas súas actuacións como rexedor carballiñés, tamén á hora de contratar. "En política a coherencia é o principal motor" e por iso, di, "acudirei á defensa da miña honorabilidade como un cidadán máis" e non como aforado, condición que obriga a que o seu caso sexa abordado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Vázquez reitera a súa inocencia e "tranquilidade" e sinala que acudirá "á defensa da miña honorabilidade como un cidadán máis" e non como aforado
Vázquez indica que esta decisión non implica que "deixe a militancia nin a política", se ben todo apunta que a súa baixa no partido se producirá en breve, cando menos temporalmente, toda vez que o TSXG deu por "concluso" o sumario desta investigación. O paso seguinte sería a apertura de xuízo oral, procedemento que, segundo o código ético do PSOE, é incompatible co mantemento da militancia, con independencia de que puidese recuperala no caso de ser exculpado. Esa exculpación, augura, é precisamente o que se vai producir. Afírmao, di, dende a "forza que me dá a tranquilidade da miña conciencia".
Tras anunciarse a súa dimisión o seu sucesor á fronte dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, encadrou esta decisión no ámbito "persoal" e aproveitou para "agradecer" o traballo de Vázquez, en cuxa "inocencia" confía. Esa confianza en que sexa declarado inocente foi manifestada tamén polo voceiro do BNG na Cámara galega, Francisco Jorquera, quen coida que a decisión de deixar o escano por parte do ex líder socialista "dignifica" a vida política.
Secretario xeral e candidato
Pachi Vázquez pecha deste xeito unha etapa que, no que atinxe ao ámbito autonómico, se iniciaba en 2005, cando deixou o Concello do Carballiño para facerse cargo da Consellería de Medio Ambiente do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. En abril de 2009, un mes despois de que Alberto Núñez Feijóo lograse a maioría absoluta, situouse á fronte da secretaría xeral do partido, cargo que revalidou en 2012 nun tenso Congreso Nacional no que se impuxo por pouco máis de 30 votos á ex ministra Elena Espinosa, cuxa candidatura fora avalada por destacados dirixentes da formación.
Na súa etapa como líder do partido acumulou varias vitorias internas
O adianto das eleccións galegas de 2012 imposibilitou a celebración de primarias no PSdeG e facilitou que Vázquez fose designado como candidato á Presidencia da Xunta, unha vitoria interna á que sumou outra, a da confección das listas ao Parlamento. Tras a derrota electoral e xa como deputado o do Carballiño aínda logrou un triunfo interno máis, a de elección do novo secretario xeral a través dun sistema de primarias que pouco despois sería imitado para renovar o liderado do PSOE. Tras meses de incógnitas Vázquez deu en non presentarse a ese proceso, que rematou coa elección por máis do 70% dos votos do actual secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro.