O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, vén de anunciar este venres que non se presentará ás primarias consultivas do partido previstas para o vindeiro 7 de setembro. A tan só uns días de que se abra o proceso para xuntar os avais, o aínda líder do socialismo galego asegura que non será un dos candidatos, logo de meses de incerteza.
Pachi Vázquez di que tomou a decisión de non presentarse "na mesma noite electoral"
A decisión adoptouna, segundo dixo, "na mesma noite electoral" das eleccións autonómicas de outubro do ano pasado e xa llela comunicou a todos os cargos a través dunha carta. Pachi Vázquez confirmou que seguirá traballando "como militante de base" e que esgotará a lexislatura como deputado, logo de presentar as primarias consultivas ás distintas agrupacións socialistas das catro provincias. Ademais, aclarou que manterá a neutralidade no proceso.
A negativa de Pachi Vázquez a concorrer ás primarias deixa o camiño libre a Gómez Besteiro, que recibiu xa o apoio de José Blanco, Francisco Caamaño e o colectivo Novo Socialismo Galego, algo que, segundo Pachi Vázquez, non influíu na súa decisión. O ex ministro de Fomento reafirmouse este xoves -logo de ser arquivada a causa contra el polo caso Campeón- na súa decisión de retirarse da primeira liña política, de non presentarse ás primarias consultivas do PSdeG e de apoiar o presidente da Deputación de Lugo, ao que lle trasladou a súa intención de se converter no seu "primeiro avalista".
Blanco pretende ser "o primeiro avalista" de Besteiro e coincide con Caamaño na idea dunha candidatura de integración
Besteiro expresou a súa satisfacción logo de que José Blanco lle comunicase o seu apoio "para o proxecto de renovación do PSdeG", así como "o seu desexo de asinar o primeiro aval a favor da súa candidatura o vindeiro luns 22, no momento no que se abra o proceso".
O ex ministro e secretario provincial do PSdeG na Coruña, Francisco Caamaño, celebrou tamén o apoio de Blanco a Besteiro e dixo alegrarse de "coincidir" con el na "aposta pola integración" a través da unión arredor do líder da formación en Lugo para se converter no vindeiro secretario xeral do partido. "Blanco é un referente fundamental do socialismo galego; se neste momento entende que a aposta pola interación é o mellor camiño a seguir, como entendemos outros, alégrome de coincidir", dixo.
Novo Socialismo Galego ve no acordo arredor de Besteiro a posibilidade de "poñer fin ao sectarismo desta etapa no PSdeG"
A integración, xa que logo, semella feita. A plataforma Novo Socialismo Galego decidiu tamén sumarse aos apoios de Besteiro e confirma que non intentará presentar candidatura propia á consulta que se celebrará o vindeiro 7 de setembro. O ex alcalde de Fene e un dos principais integrantes desta corrente ve neste acordo co secretario provincial de Lugo o obxectivo de "poñer fin ao sectarismo desta etapa que conclúe e pacificar o PSdeG" cunha aposta polos "valores tradicionais do socialismo e do galeguismo".
Entre as máis de 250 sinaturas que apioaron o manifesto de Novo Socialismo Galego figuran outras importantes figuras do PSdeG como Xaquín Fernández Leiceaga, Antón Louro, Mar Barcón, José Manuel Lage Tuñas ou Guillermo Meijón.
Ademais de Besteiro, o único dirixente socialista que parece disposto a presentarse ás primarias é o alcalde da Illa, Manel Vázquez, que intentará xuntar os máis de 1.000 avais exixidos e que di estar en contra dos pactos.
HABERÁ AMPLIACIÓN