"Non vos estou a propoñer empezar de cero, propóñovos empezar de novo. Sumar dentro, para sumar fóra". Con esta frase definiu José Ramón Gómez Besteiro o inicio da que pretende ser unha nova andaina no socialismo galego. O vencedor das primarias socialistas celebradas o pasado 7 de setembro, foi ratificado este domingo como secretario xeral do PSdeG co 95% dos votos dos delegados do congreso extraordinario. Naquela consulta, máis de 5.500 afiliados (o 77% dos que votaron) apoiaran o presidente da Deputación de Lugo. Nesta xornada, 520 dos 549 compromisarios que exerceron o seu dereito a voto déronlle o apoio á súa candidatura.
"A recuperación do PSdeG comezará polos concellos nas vindeiras muncipais", dixo Besteiro
"Volve o PSdeG", aventurou Besteiro, que cre que "o vindeiro éxito" do socialismo galego "pasa por recuperar o goberno deste país". "Propóñovos empezar de novo, sumar dentro e sumar fóra", asegurou o novo secretario xeral, que cre que "a recuperación" do partido comezará "polos concellos nas vindeiras municipais". Precisamente, a nova executiva proposta e aprobada polo novo líer socialista encheuse de alcaldes nos seus postos clave. Ata seis rexedores compatibilizarán o seu labor municipal co do partido.
Malia que había 607 delegados con dereito a voto, non todos acudiron a votar nun congreso no que 29 persoas optaron polo voto en branco. Un amplo e pechado aplauso do plenario recibiu o resultado destes comicios internos nun Congreso do que sairá elixida número dous do PSdeG a militante socialista da agrupación compostelá Pilar Cancela, segundo adiantaba Europa Press.
Besteiro prometeu "entrega, traballo e decisión" para facer do PSdeG "a única alternativa real de goberno" fronte á dereita. Ademais, -tras agradecer o labor de Pachi Vázquez- apostou por un partido "máis dinámico, máis democrático e máis transparente". "A primeira grande aposta nesta nova etapa debe ser elevar o nivel de compromiso e aumentar a nosa base social", insistiu o novo secretario xeral, que nas súas palabras apostou tanto por fortalecer a formación como pola pelexa para acabar co goberno do PP na Xunta. "O PSdeG volve e volve para se quedar", dixo logo na clausura.
"Tócanos frear a dereita máis fría, máis dura e máis insensible dos últimos trinta anos", proclamou o novo secretario xeral
Así, cargou contra un partido "que nin tan sequera é capaz de condenar con contundencia o franquismo" e centrouse no reto da "terceira xeración dos socialistas galegos": "Tócanos frear a dereita máis fría, máis dura e máis insensible dos últimos trinta anos, á que lle dá igual que os mellores anos para Feijóo sexan os peores para os galegos".
"O plan de Feijóo para Galicia non se basea na austeridade, baseáse na precariedade; unha Galicia precaria en emprego, no mar, no campo, na industria, na paixaxe e na lingua", engadiu Besteiro, que cre que "cada día que Feijóo goberna, Galicia bórrase un pouco máis do mapa. "Os socialistas non imos permitir que os galegos sigan soportando un presidente que pretende ser irresponsable do seu propio desastre", dixo.
"Non imos falar do que se quere ouvir, senón do que se debe de escoitar", finalizou o líder do socialismo galego, que rematou clamando "volve o PSdeG!", logo de insistir en prometer "enerxía e traballo" e lembrar que, "malia que algúns deron o partido por roto", a formación "está máis viva que nunca".
Por outra banda, no congreso Besteiro conseguiu xuntar case todos os secretarios xerais do PSdeG, desde Rodríguez Pardo até Emilio Pérez Touriño, pasando por Francisco Vázquez e Antonio Rodríguez, ademais de Fernando González Laxe, presidente da Xunta a finais dos anos 80.
HABERÁ AMPLIACIÓN