O PP recupera ao imputado Louzán para mitinear en Cambados con Feijóo

Louzán, intervindo no mitin de Cambados ante Feijóo e Rueda CC-BY-SA Praza Pública

Foron só un par de minutos, pero Rafael Louzán volveu por ese tempo este mércores á política pública nun mitin en Cambados. “Non estaba previsto que subira aquí, pero neste partido hai que estar preparado para todo”, dixo no atril que logo empregou Feijóo o ex-presidente da Deputación e do PP de Pontevedra, imputado por dúas causas distintas de corrupción e agora presidente da Federación Galega de Fútbol.

Rueda eloxia o ex-presidente provincial, dobremente imputado por corrupción.

Pouco máis fixo Louzán que pedir o voto para Feijóo, pero o seu sucesor á fronte do PP provincial e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, eloxiou o seu traballo á fronte do partido e salientou que no mitin de Pontevedra do pasado sábado el fose un dos que esperaba pacientemente fóra da praza de touros arriscándose a quedar sen sitio dentro.

Na súa intervención, Feijóo asegurou que “en Galicia queremos continuidade” e non a inestabilidade que hai no resto de España. Na mesma semana na que o Goberno central adiou ou eludiu as súas respostas a polémicas como a do encausamento de Rita Barberá ou o frustrado nomeamento de José Manuel Soria no Banco Mundial, Feijóo prometeu “non estar en funcións nin un minuto” porque “o goberno ten que gobernar todos os días, dar a cara todos os días”.

"Viva o albariño, o rei de todos os viños do mundo!", exclamou Feijóo, case parafraseando a Rajoy

Feijóo tamén reiterou en Cambados diversas propostas para autónomos que lanzara pola mañá, como que non teñan que pagar o céntimo sanitario ou diversas melloras en caso de que teñan fillos. E, en clave local, arrincouse cun “viva o albariño, o rei de todos os viños do mundo”, ao tempo que pediu aos seus que o 25-S acudan a votar aínda que logo teñan que ir vendimar. “É moito mellor que vendimemos nós a que nos vendimen eles”, dixo.

A intervención de Feijóo en Cambados foi nun salón de actos preparado para 300 persoas que encheu xusto o seu aforo, entre outros co “incombustible Telmo Martín”, como foi presentado polo voceiro local do PP o ex-alcalde de Sanxenxo, ex-aspirante a alcalde de Pontevedra, ex-deputado no Congreso e agora líder da oposición na súa vila.

“Cando chegou [Feijóo á Xunta] nesta comarca había 144 persoas cobrando a Risga, hoxe hai case cincocentas persoas cobrando a Risga”, sentenciou eufórico o delegado provincial, Cores Tourís

E foi nun Cambados gobernado desde o ano pasado pola esquerda encabezada polo PSOE logo de 28 anos de dominio popular e onde foi alcalde o agora delegado provincial de Feijóo, José Manuel Cores Tourís. Tamén el falou no mitin e replicou para o ámbito local o discurso que vén repetindo o seu líder a nivel autonómico ao eloxiar o incremento de persoas en situación de necesidade que precisan da Renda de Integración Social (Risga): “Cando chegou [Feijóo á Xunta] nesta comarca había 144 persoas cobrando a Risga, hoxe hai case cincocentas persoas cobrando a Risga”, sentenciou eufórico.

Nesa comarca, nas horas previas, a Xunta Electoral, segundo informou Faro de Vigo, reprendeu o PP pola expansión excesiva dos seus carteis polas rúas ocupando incluso espazos reservados para o resto de partidos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.