No ano 2002 José María Aznar gobernaba con maioría absoluta e o seu Executivo impulsou a Lei de Partidos, unha norma presentada como a vía para "impedir que un partido político poida (...) atentar contra o réxime democrático de liberdades, xustificar o racismo e a xenofobia ou apoiar politicamente a violencia e as actividades de bandas terroristas", pero sobre todo como a ferramenta para "establecer un procedemento xudicial de ilegalización dun partido por dar apoio político real e efectivo á violencia ou o terrorismo", mecanismo co que o Goberno de España excluíu a esquerda abertzale do xogo político durante varios anos. A que foi unha das bandeiras partidarias de Aznar e do PP en xeral beneficia e prexudica a partes iguais os conservadores composteláns no seu transo máis difícil.
O axuizamento e posterior condena de todos os membros da Xunta de Goberno Local que aprobaron pagarlle o avogado ao edil de Deportes, imputado na Pokémon, sen atender aos requisitos legais, derivou nunha fervenza de dimisións. Primeiro abandonou Adrián Varela, a continuación os sete condenados a nove anos de inhabilitación e, xusto despois, a concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, tamén imputada na Pokémon. Estes cesamentos viñéronse sumar ao do ex alcalde, Gerardo Conde Roa, condenado por fraude fiscal, ao do antigo edil de Seguridade, Albino Vázquez, que fora detido no marco da presunta trama corrupta, e ás renuncias de Paula Prado e doutro membro da lista, que non chegou a tomar posesión.
A lexislación que desenvolve a Lei de Partidos entra en xogo en Compostela
O gran número de baixas provoca que tan só continúen no equipo de goberno dúas das trece persoas elixidas en 2011, o alcalde, Ángel Currás, e a súa número dous, Reyes Leis. A outra e máis rechamante consecuencia é o corremento da lista, ata o punto de que nin sequera a entrada de todas as persoas que restan como titulares, incluíndo a deputada no Congreso Marta González e o conselleiro Agustín Hernández, abondarían para completar o equipo. É neste punto onde entra en xogo a Lei de Partidos ou, máis concretamente, a lexislación que a veu desenvolvendo nos últimos anos.
Así os beneficia
Os beneficios deste marco legal chéganlle ao PP compostelán da man da Lei Orgánica para a garantía da democracia nos Concellos e da seguridade dos concelleiros, aprobada en 2003. Segundo o Executivo de Aznar a finalidade desta norma era "facer realidade a decisión de illar os terroristas" e entre as súas intencións implícitas estaba poder completar con maior facilidade os grupos municipais de determinados partidos en Euskadi ou Navarra. Deste xeito, deron en modificar con esta norma o artigo 182 da Lei do Réxime Electoral Xeral (LOREX), que regula o xeito en que se cubren as vacantes "en caso de falecemento, incapacidade ou renuncia dun concelleiro".
En 2003 abriuse a porta a completar as corporacións con persoas alleas ás listas electorais
Mentres que na redacción orixinal, de 1985, a lei abría a porta á creación dunha comisión xestora se a corporación municipal ficaba cun número de edís "inferior aos dous terzos do número legal", dende 2003 a normativa estipula que, no caso de que "non quedasen posibles candidatos ou suplentes a nomear", as vacantes "serán cubertas por calquera cidadán maior de idade que non estea incurso en causa de inelixibilidade". Este é o recurso no que se apoiará Ángel Currás para completar todas ou, cando menos, parte das nove vacantes do seu gabinete ata as municipais de 2015.
Así os prexudica
As leis pensadas para ilegalizar a esquerda abertzale non só benefician o PP compostelán neste contexto. A última norma que, ata o momento, desenvolveu a devandita Lei de Partidos, foi unha modificación da LOREX aprobada en 2011, aínda con José Luis Rodríguez Zapatero en La Moncloa. De novo aludindo a quen "xustifican ou apoian a violencia terrorista" a lei converteu en "inelixibles" aos "condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a Administración Pública ou contra as Institucións do Estado" cando nestas sentenzas se establecese "a pena de inhabilitación para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo ou a de inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo público", isto é, o que lles vén de acontecer aos sete edís de Santiago.
Unha reforma de 2011 obriga a deixar os seus cargos a quen sexan inhabilitados aínda que a sentenza "non sexa firme"
Neste contexto, e á marxe das responsabilidades políticas e partidarias, aos edís condenados por prevaricación non lles queda outro camiño que abandonar os seus cargos, aínda agardando saír finalmente inocentes pola vía do recurso de apelación que prevén presentar ante a Audiencia Provincial da Coruña. Este é o motivo que levou este martes a quen ata agora era voceira do goberno local, María Pardo, a argumentar ante a prensa que ela e os seus compañeiros deixan o cargo "por imperativo legal" e malia á súa "impepinable disconformidade" co ditame xudicial.