O aínda presidente, que segue sen concretar a súa marcha máis alá de que será en maio, tres meses despois de iniciarse a crise no PP, celebrou neste tempo reunións do seu Goberno nas principais cidades, nas que publicitou actuacións non aprobadas formalmente neses consellos
As reunións semanais do Goberno galego, o Consello da Xunta, adoitan celebrarse na sede central de San Caetano, en Santiago, pero nos dous últimos meses o aínda presidente, Alberto Núñez Feijóo, vén facendo "consellos itinerantes", como el mesmo os define, nas outras seis cidades galegas a xeito de xira de despedida do cargo. Esas reunións están a ser empregadas tamén, a un ano das eleccións municipais, para anunciar promesas de futuro para cada unha das cidades ou das súas contornas que xa non executará Feijóo, actuacións que non se corresponden con decisións aprobadas formalmente neses consellos.
De todas as actuacións que vén prometendo Feijóo nestes consellos itinerantes destaca, pola súa reiteración, o anuncio de que a Xunta renovará ducias de marquesiñas en paradas de autobús. Este xoves en Vigo, a cidade que máis se lle resistiu electoralmente polas reiteradas maiorías absolutas do seu alcalde socialista, Abel Caballero, e na que o PP vén sufrindo sucesivas crises internas, Feijóo replicou o feito nas semanas pasadas no resto de cidades e seguiu sen aclarar cando vai deixar a presidencia da Xunta máis alá de reiterar que será ao longo do próximo mes de maio, cando se cumpriran tres meses desde o comezo da crise do PP que o fixo centrarse nos problemas internos do seu partido.
A xira de despedida de Feijóo comezou, cando aínda non era xira de despedida, en Ferrol, o 27 de xaneiro, tres semanas antes de que estourase a crise do PP estatal na que se implicou para acabar sendo o sucesor de Pablo Casado. Aquel Consello foi desprazado a Ferrol para que Feijóo dese a coñecer o nome da nova delegada da Xunta nesa cidade e a súa contorna, cargo que o seu Goberno viña de crear e que suporá un custo de 220.000 euros ao ano só en persoal de apoio directo.
A elixida foi unha concelleira do PP, Martina Aneiros. Xunto coa revelación do seu nome Feijóo tamén aproveitou para facer balance das distintas actuacións do seu Goberno na cidade e anunciar outras futuras, aínda que só aprobou oficialmente un único acordo ao respecto, o de declarar unha área de rexeneración urbana no Ferrol Vello que facilitará a chegada de axudas pero que deberá planificar o Concello.
Durante estes "consellos itinerantes", como os definiu o propio Feijóo, a Xunta foi detallando a renovación dun total de 692 paradas de autobús nas principais cidades e as súas contornas
Feijóo tamén prometeu a futura construción dunha senda peonil e ciclista entre A Ranita e A Malata a través dun acordo coa Autoridade Portuaria, pero ese, como outros anuncios alí ou nas seguintes cidades, non se correspondeu cun acordo formal senón cun informe, un documento propagandístico sen valor legal que os gobernos poden incluír discrecionalmente nas ordes do día das súas reunións, que poden ser mesmo verbais, e cuxo uso vén multiplicándose durante os gobernos de Feijóo. [PDF co contido do Consello de Ferrol do 27/1/2022].
Durante todo febreiro non volveu haber ningún outro Consello desprazado a outra cidade distinta de Santiago, así que a xira de despedida non foi tal xira de despedida ata que Feijóo admitiu que ía deixar a Xunta para facerse coa presidencia do PP estatal. Ese anuncio fíxoo o 2 de marzo e ao día seguinte, xoves 3, celebrou en Ourense o segundo Consello fóra de Santiago. Alí novamente lanzou promesas de actuacións futuras, cargou contra o alcalde co que o PP goberna en bipartito e aprobou como única medida efectivamente tomada para Ourense naquel Consello a creación de dous polígonos agroforestais. [PDF co contido do Consello de Ourense do 3/3/2022].
A xira continuou en Lugo o 17 de marzo, cidade que facilitou o desprazamento posterior de Feijóo a Asturias dentro da súa campaña de mitins internos para facerse co PP que o tivo durante varias xornadas fóra de Galicia. Naquel consello, ademais doutras promesas que non se correspondían con acordos formais tomados polo propio Goberno galego senón con informes, o presidente comezou a anunciar entre outras cousas os detalles para esa cidade e a súa contorna da campaña que xa tiña en marcha a Consellería de Infraestruturas para renovar marquesiñas de autobús en toda Galicia. 96 paradas de autobús foi a cifra que deu Feijóo para Lugo. [PDF co contido do Consello de Lugo do 17/3/2022].
Unha semana máis tarde, o 24 de marzo, en Pontevedra os anuncios de Feijóo supuxeron un lixeiro incremento, a 98 paradas de autobús. [PDF co contido do Consello de Pontevedra do 24/3/2022]. E o 8 de abril, na Coruña, xa foron 300 paradas de autobús. Foi nun consello no que non houbo ningún acordo concreto sobre a Coruña senón que todos os anuncios realizados por Feijóo se corresponderon con informes. Entre eles, o denominado Informe sobre as actuacións da Xunta de Galicia na Coruña para fomento da mobilidade sustentable, no que se incluíu unha pasarela peonil entre a cidade e a praia de Santa Cristina, en Oleiros, que está a provocar polémica polo seu posible impacto na zona e a falta de consultas cos concellos implicados. [PDF co contido do Consello da Coruña do 8/4/2022].
Tras parar a súa axenda oficial pola Semana Santa e centrar novamente a súa actividade pública nas últimas xornadas en cuestións do PP estatal, Feijóo celebrou este xoves o Consello en Vigo tras visitar co resto do Goberno galego o edificio do antigo hospital xeral que acollerá a nova cidade da xustiza.
Na súa intervención posterior ante os medios de comunicación Feijóo anunciou, igual que no resto de cidades, todo tipo de actuacións futuras que non foron acordadas formalmente no consello deste xoves, no que foron incluídas a través dun total de 11 informes sen valor legal dos 12 divulgados neste Consello, unha das cifras máis altas dos 13 anos de gobernos de Feijóo. Entre o realmente aprobado polo Consello, só dous asuntos refírense a Vigo: un acordo co Colexio de Arquitectos para un concurso de ideas para o vello edificio dos xulgados que agora quedará sen uso e outro para investir 3,5 millóns en diversas actuacións de humanización do borde litoral da cidade da man da Autoridade Portuaria. Entre os informes sen valor legal, igual que en cidades anteriores, o anuncio de que a Xunta renovará 198 paradas de autobús. [PDF co contido do Consello de Vigo do 21/4/2022].