O presidente pon en dúbida a violencia vicaria un ano despois de que o parlamento aprobase por unanimidade recoñecer como vítimas de violencia de xénero ás mulleres cuxos fillos ou fillas son asasinados ou agredidos polos pais
Se “por un problema coa parella” un pai mata un fillo “iso non é violencia machista, é violencia intrafamiliar”. Con esa frase textual e outras explicacións semellantes nas que el mesmo se estendeu quixo este xoves o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, restar importancia ás palabras do conselleiro popular de Saúde de Andalucía que prefire falar de violencia intrafamiliar que de violencia machista. Feijóo admite a existencia da violencia de xénero, pero pon así en dúbida o concepto de violencia vicaria, a exercida sobre un fillo ou filla co obxectivo de facer dano á nai, que hai un ano o Parlamento de Galicia, por unanimidade, decidiu incorporar na lei galega de prevención de violencia de xénero.
Tras a reforma introducida hai un ano a proposta do BNG e co voto favorable do PP a lei galega inclúe “dentro do concepto de violencia de xénero a violencia vicaria, entendida esta como o homicidio, asasinato ou calquera outra forma de violencia exercida sobre as fillas ou fillos da muller, así como sobre calquera outra persoa estreitamente unida a ela, coa finalidade de lle causar maior dano psicolóxico, por parte de quen sexa ou fose o seu cónxuxe ou por quen mantivo con ela unha relación análoga de afectividade aínda sen convivencia”.
Malia aceptar hai un ano esa consideración da violencia sobre os fillos e fillas como violencia machista cando o seu obxectivo é facer dano á muller, e posteriormente ampliar as axudas da Xunta para incluír ese tipo de violencia, este xoves Feijóo ofreceu unha argumentación distinta. Fronte ás críticas que recibiu o seu compañeiro de partido en Andalucía por un discurso semellante ao que manexa Vox, que mantén o PP no goberno desa comunidade, o presidente galego amosouse comprensivo.
"Non sei quen quere montar líos con isto pero temos xa bastante problemas como para non ter máis dos necesarios”, di Feijóo
Feijóo admitiu que a violencia de xénero "existe", pero lembrou que nos últimos tempos tamén houbo en Galicia casos de pais que mataron fillos e falou dun, que non identificou, pero do que dixo que o asasinato se producira “por un problema coa parella”. Malia establecer el mesmo esa relación causal, Feijóo asegurou xusto a continuación que “iso non é violencia machista, iso é violencia intrafamiliar”. E pouco despois insistiu con outra formulación similar: “Se un pai mata un fillo iso non é violencia machista, é violencia intrafamiliar”. “Non sei quen quere montar líos con isto pero temos xa bastante problemas como para non ter máis dos necesarios”, rematou.