A concepto da violencia vicaria nace para designar as agresións -físicas ou psicolóxicas- exercidas por un pai contra as súas crianzas co obxectivo de causar dano na nai. Nos últimos anos foron moitos os casos nos que atopamos este comportamento, moi recentemente o das dúas nenas secuestradas e asasinadas polo seu pai en Tenerife. Tamén en Galicia, casos coma o das nenas asasinadas polo seu pai en Moraña en 2015.
A Marcha Mundial das Mulleres está a convocar concentracións todos os xoves do mes de xullo ante os xulgados da cidade para esixir que deixen de concederse custodias compartidas a maltratadores ou a agresores sexuais, protexendo así a nenos e nenas
A pasada semana, o Parlamento galego aprobou por unanimidade a modificación da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero para que se recoñeza como vítimas ás mulleres cuxos fillos son asasinados, como xa sucedía coa Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, de ámbito estatal. Pilar Fernández, fiscal de enlace de violencia de xénero en Santiago de Compostela, salientaba nesta entrevista que a modificación da norma galega vai supor cambios na prestación de asistencia, tanto psicolóxica como económica ou legal ás mulleres vítimas desta violencia.
O feminismo galego leva anos mobilizándose para esixir cambios legais e, sobre todo, de aplicación práctica da lei para protexer a nais e crianzas da violencia machista, tanto no ámbito policial como xudicial. En concreto, a Marcha Mundial das Mulleres está a convocar concentracións todos os xoves do mes de xullo ante os xulgados da cidade para esixir que deixen de concederse custodias compartidas a maltratadores ou a agresores sexuais, protexendo así a nenos e nenas, que son as vítimas directas desta violencia vicaria e lembrando que "un maltratador nunca é un bo pai".
Antía Pousa, da Marcha Mundial das Mulleres, salienta en conversa con Praza.gal que "estes agresores contan coa complicidade do sistema e, en concreto, do sistema xudicial". "Hai un tempo fomos quen de facer ver que as mulleres necesitabamos ser defendidas a través de ordes de afastamento dos nosos agresores pero isto mesmo non chega a asumirse coas crianzas. A xudicatura, baixo a súa perspectiva absolutamente machista, non alcanza a entender que un agresor nunca pode ser un bo pai", di.
"Elas asumían que esas malleiras calquera día podían acabar coas súas vidas, pero cando menos podían protexer as súas crianzas. Porén, despois da separación, o sistema xudicial dilles que as teñen que deixar soas co pai agresor", relata Antía Pousa
"Cando a nai é capaz de saír desa situación, despois de que institucionalmente se lle repita que hai que denunciar, que hai saída, que o sistema está do seu lado, atopa que todo iso non é real, sobre todo no que atinxe ás súas crianzas. Cando decide dar o paso da denuncia, cáelle todo o sistema enriba", alerta Antía Pousa, que tamén fai un labor de acompañando nos xulgados ás nais que sufriron violencia machista. "O 99% destas mulleres dinnos unha e outra vez que se souberan todo o que ía pasar despois da súa denuncia non terían denunciado. Elas asumían que esas malleiras calquera día podían acabar coas súas vidas, pero cando menos podían protexer as súas crianzas. Porén, despois da separación, o sistema xudicial dilles que as teñen que deixar soas co pai agresor", relata.
"Cando aparece algunha nova terrible, coma o asasinato das dúas irmás de Canarias, daquela botamos as mans á cabeza e convocamos concentracións. Eu só pido que a xente que se indigna con isto, mire o que pasa todos os días nos xulgados e vexa as sentenzas desesperantes que saen de aí"
"Se cando vou poñer unha denuncia hai un axente de Policía que non a recolle porque considera que non é para tanto, aí estamos fallando. Se despois de que se tramite a denuncia, esta chega a un xulgado e o meu avogado ten unha nula perspectiva de xénero e o que fai é revitimizarme e resulta que o agresor ten dous avogados da súa parte e eu estou tamén indefensa, aí estamos fallando. Se despois chegamos ao IMELGA e un equipo psicosocial fai un informe que non entende este tipo de violencia, tamén fallamos. E finalmente, se se ditan sentenzas que outorgan custodias compartidas e visitas a agresores que mesmo teñen sentenzas firmes, pois pouco hai que facer", denuncia Antía Pousa.
"Cando se produce un feminicidio ou o asasinato dunha destas crianzas todo o mundo ten moi claro que esa persoa que os asasinou non é un bo pai. Pero antes de que todo isto pase, no día a día, prodúcense unha serie de agresións que tamén o deixan claro", destaca Pousa. "Cando aparece algunha nova terrible, coma o asasinato das dúas irmás de Canarias, daquela botamos as mans á cabeza e convocamos concentracións. Eu só pido que a xente que se indigna con isto, mire o que pasa todos os días nos xulgados e vexa as sentenzas desesperantes que saen de aí", conclúe.
A modificación da norma galega
"Nunca imos estar en contra dos avances lexislativos, pero estes avances lexislativos se non teñen efectos reais no día a día na seguridade das mulleres e das crianzas pois son papel mollado"
Antía Pousa valora positivamente a modificación lexislativa aprobada esta semana no Parlamento galego, pero pide accións que impliquen cambios reais. "Nunca imos estar en contra dos avances lexislativos, pero estes avances lexislativos se non teñen efectos reais no día a día na seguridade das mulleres e das crianzas pois non teñen moito valor, son papel mollado. O problema é que as leis son interpretables e a interpretación que delas se fai está completamente nesgada por unha cuestión de xénero", di.
"Está claro que a materia lexislativa pode ser moi mellorable, pero coa lexislación que temos hoxe e en día vixente en Galicia sería suficiente para interromper as visitas cun agresor se hai unha denuncia por violencia de xénero. A lei galega xa nos di que as crianzas son vítimas de violencia de xénero aínda que esa violencia non recaia directamente sobre elas. O problema son as gafas de quen está mirando e de quen interpreta e aplica as leis. Ao final é un problema social, de perspectiva", engade Pousa.
"Temos que poñer sempre no centro o neno e a nena. Non debemos esquecer que neste tipo de violencia os suxeitos que a sofren directamente son as crianzas"
O mesmo opina Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), que afirma que "nos parece ben que se incorpore o concepto de violencia vicaria, pero debe ir acompañado de medidas. Sería importante, neste senso, que cando un pai ameaza á nai con facerlles dano aos fillos, inmediatamente se tomasen medidas. O problema do aprobado onte no Parlamento é que non se acompaña de medidas", di.
"O que máis costa aos lexisladores e despois aos xuíces é ditar medidas de protección que cuestionen o dereito do pai, aínda que sexa maltratador, a manter relación cos seus fillos e fillas. Ese é o nó gordiano no que ninguén se atreve a entrar a fondo"
Gómez Viñas quere poñer o foco, ademais, nos propios nenos e nenas, que son que directamente sofren esta violencia, ao igual que tamén reciben os efectos negativos da violencia exercida directamente sobre as súas nais. "Temos que poñer sempre no centro ao neno e á nena. Non debemos esquecer que neste tipo de violencia os suxeitos que a sofren directamente son as crianzas, aínda que tamén busque danar ás súas nais. Se non, pode parecer que cando un pai asasina os seus fillos para facer dano á nai, non odia aos nenos. E non é posible asasinar sen odiar", di.
"É necesario poñer por diante a protección dos nenos e nenas e, ademais, é necesaria formación de xénero e sensibilización para os profesionais, xuíces e avogados, para mellorar a situación a medio e longo prazo", di Gómez Viñas. "O problema é que moitas veces se está chamando para impartir esta formación a supostos expertos universitarios vencellados á teoría da Síndrome de Alienación Parental", denuncia.
A protección das crianzas, o primeiro
Gómez Viñas engade que "a reforma lexislativa que necesitamos é a que diga que cando hai indicios de violencia contra as nais ou contra os fillos, de inmediato deben tomarse medidas de protección e os xuíces estarán obrigados a adoptalas. Iso é o que si a normativa europea". A coordinadora de AGAMME salienta que "o que máis costa aos lexisladores e despois aos xuíces é ditar medidas de protección que cuestionen o dereito do pai, aínda que sexa maltratador, a manter relación cos seus fillos e fillas. Ese é o nó gordiano no que ninguén se atreve a entrar a fondo".
"Estou diariamente con nenos e nenas entre 5 e 12 anos con tratamento psiquiátrico por ser obrigadas a ter visitas co seu pai, cando en moitas ocasións estas crianzas foron quen lle salvaron a vida á súa nai, chamando á Policía"
"A lei recolle o dereito do neno a recibir protección cando hai unha situación de violencia de xénero, pero ao tempo permite que o xuíz manteña os dereitos de visita e custodia compartida, se considera que así se responde a un suposto interese superior de que os fillos teñan contacto co seu pai. Considérase prioritario e é moi difícil botar abaixo esa crenza. En situacións normais si, pero non cando hai o máis mínimo indicio de violencia", explica.
O mesmo destaca Antía Pousa, da MMM, que di que "sempre se nos vende que o ben superior é o da crianza, pero isto é mentira". "Estou diariamente con nenos e nenas entre 5 e 12 anos con tratamento psiquiátrico con cadros ansioso-depresivos por ser obrigadas a ter visitas co seu pai, cando en moitas ocasións estas crianzas foron quen lle salvaron a vida á súa nai, chamando á Policía. E agora moitas veces pregúntanlle á súa nai: 'eu salveite a vida, por que me entregas a el sabendo o que fai?'", relata.
A representante da MMM lembra o caso de Juana Rivas "que sempre aparece como unha lousa que lle recorda a todas estas nais que como non entreguen os nenos, mesmo nestas situacións terribles, a consecuencia para elas é o cárcere"
Pousa explica o caso dunha nai e do seu fillo de 13 anos "que leva dende os sete anos denunciando que o seu pai o agride, o insulta e o ameaza e que agora comezou a agredir o seu irmán pequeno, contando mesmo con partes médicos de moratóns". A nai está totalmente desesperada, porque escapou de aí pero agora non é capaz de sacar os seus fillos desa situación. E o xuíz decidiu que este venres estes nenos teñen que ir con este señor, que ademais os odia porque sabe que están contando isto", conta.
"Ti podes mesmo dubidar do testemuño dese neno, pero en caso de dúbida protéxeo, busca máis información, fai que estas visitas sexan supervisadas, suspéndeas ata contar con máis datos, pero protéxeo", pide a representante da Marcha Mundial das Mulleres, que lembra o caso de Juana Rivas "que sempre aparece como unha lousa que lle recorda a todas estas nais que como non entreguen os nenos, mesmo nestas situacións terribles, a consecuencia para elas é o cárcere". "A institución non protexe as crianzas nin permite que as nais o fagan", engade.