A Xunta financia a introdución da criticada figura do coordinador parental nos divorcios con menores

A figura do coordinador parental é impulsada pola Fundación Filia, defensora da 'Síndrome de Alienación Parental', desacreditada pola medicina © Agamme

Nos últimos meses está a poñerse en marcha o denominado Servizo de Apoio Familiar (SAFIM), impulsado pola Asociación Galega de País e Nais Separados co financiamento da Xunta de Galicia e a dirección técnica da Unidade de Psicoloxía Forense da USC. SAFIM busca traballar con familias en situación de divorcio ou separación, sobre todo en procesos denominados "conflitivos" e nos que hai menores de idade implicados e implicadas. 

O apoio do Goberno galego a esta iniciativa e a participación nela da Asociación Galega de Pais e Nais Separados están a recibir unha crítica xeneralizada por parte de entidades feministas

O apoio do Goberno galego a esta iniciativa, a participación nela da Asociación Galega de Pais e Nais Separados, a introdución da figura do coordinador parental e a súa relación co desacreditado 'Síndrome de Alienación Parental' están a recibir unha crítica xeneralizada por parte de entidades feministas, asociacións de loita contra a violencia de xénero e entidades de protección de menores. É tamén rexeitado polo conxunto de forzas políticas da oposición, que demandan o peche deste servizo e a retirada do apoio económico achegado pola Consellería de Política Social. 

SAFIM ofrece servizos de mediación e de coordinación parental, que poden chegar a ter unha enorme relevancia no desenvolvemento do procedemento civil cando se deban tomar decisión sobre o réxime de custodia e/ou visita dos fillos e fillas menores de idade, con consecuencias moi prexudiciais nos casos de agresións machistas e abusos non denunciados.

A figura do coordinador parental é impulsada pola Fundación Filia, defensora da denominada 'Síndrome de Alienación Parental', desacreditada pola medicina

Este luns foi presentado en Ferrol un escrito neste senso asinado pola Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) e outra trintena de colectivos, entre elas a Asociación de Profesionais dos CIM, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, a Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Feminista Galega.

O texto conclúe lembrando que os procedementos de mediación son útiles só cando se accede a eles de forma voluntaria e que non se poden aplicar nunca en situacións nas que existan indicios de violencia. E fai fincapé no rexeitamento da figura do coordinador parental, creada pola Fundación Filia, unha entidade que nos últimos anos "leva aos espazos públicos o seu discurso negacionista da violencia de xénero e o abuso sexual infantil". A Fundación Filia é, ademais, unha das principais defensoras da denominada Síndrome de Alienación Parental (SAP), un termo psiquiátrico creado nos anos 80 por Richard Gardner e que foi rexeitado e desacreditado pola maior parte dos profesionais e institucións médicas, comezando pola OMS. 

AGAMME subliña que "unha actuación inaxeitada neste ámbito pode poñer en risco o benestar dos e das menores" CC-BY-SA Alina Diaz

A SAP vén sendo empregado por numerosos avogados e en bastantes ocasións aceptada por xuíces para rexeitar acusacións de violencia de xénero e de abusos sexuais a menores

A SAP nomea a suposta "manipulación psicolóxica" que un dos dous proxenitores realizaría sobre os fillos ou fillas nos procesos de divorcio e vén sendo utilizado por moitos pais en contra das nais para poñer as disputas sobre a custodia ao seu favor. A pesar de ser rexeitado de forma case unánime polos profesionais e a comunidade científica, a SAP vén sendo empregado por numerosos avogados e en bastantes ocasións aceptada por xuíces para rexeitar acusacións de violencia de xénero e de abusos sexuais a menores. As entidades denunciantes critican neste senso "a formación en favor da SAP que ofrece a Unidade de Psicoloxía Forense da USC" así como o programa Ruptura de parella, non de familia, por considerar que "se trata dunha forma encuberta de aplicar a SAP".

A Xunta anunciou o pasado ano a súa intención de favorecer a introdución da figura do mediador e do coordinador parental para que interveña nos divorcios con fillos co obxectivo de "evitar ou minimizar conflitos" e de reducir a "xudicialización" destes asuntos. E no mes de xaneiro deste ano a figura do coordinador de parentalidade foi proposta para ser debatida no Parlamento. Porén, a proposta foi retirada debido á resposta contundente de colectivos, expertos e expertas as e partidos políticos "contra esta figura de corte misóxino que parte da negación da problemática da violencia de xénero", lembra a Marcha Mundial das Mulleres.

Entidades feministas denuncian que os denominados "divorcios conflitivos" poden estar encubrindo casos de violencia de xénero, xa que o 65% da violencia machista non se denuncia

Hai diferenzas entre a mediación parental e a coordinación parental, de xeito que o coordinador parental intervén cando a mediación fracasou. Mentres que a mediación é voluntaria, a coordinación non o é, e de feito o coordinador é elixido polo propio xuíz. O coordinador debe velar ademais para que se cumpra a sentenza xudicial de custodia e o réxime de visitas

O financiamento do Servizo de Apoio Familiar, impulsado pola Asociación Galega de País e Nais Separados, implica un apoio da Xunta á polémica figura do coordinador parental, moi criticada polas entidades feministas, que denuncian que os denominados "divorcios conflitivos" poden estar encubrindo casos de violencia de xénero, xa que o 65% da violencia machista non se denuncia, segundo os datos do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero. 

O termo coordinador parental véndese como neutro e pretende identificar unha realidade que é inventada para que a súa aplicación sexa lóxica, sinalaban neste artigo Estrela Gómez Viñas e Xabier Ron, no que denunciaban que "a imposición dun coordinador obrigará á muller a ver como o maltratador accede a algún tipo de trato favorecedor con respecto aos seus fillos ou fillas".

As entidades denunciantes lembran o posicionamento da Asociación de Pais e Nais Divorciados "en contra da Lei de Violencia de Xénero e da Lei de Igualdade 

AGAMME e as restantes entidades denunciantes subliñan que a Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galicia "é un colectivo formado en gran parte por persoas afectadas, que son ou foron parte en procedementos xudiciais" e que, polo tanto, "non é adecuado que unha entidade destas características realice este tipo de tarefas que deben ter, como punto de partida, a imparcialidade". 

Critican que este servizo, que pode ser aplicado por calquera xuíz, se deixe en mans dunha entidade de parte. E lembran así mesmo o posicionamento desta asociación "en contra da Lei de Violencia de Xénero e da Lei de Igualdade por considerar que atacan os dereitos humanos", así como "a súa constante intención de minimizar o impacto da violencia de xénero". 

AGAMME subliña que "unha actuación inaxeitada neste ámbito pode poñer en risco o benestar de persoas menores de idade" e denuncia que dende a Unidade de Psicoloxía Forense da USC e o Grupo de investigación en Psicoloxía Xurídica da UVigo, que tamén colabora con SAFIM, se está a difundir a filosofía da Síndrome de Alienación Parental (SAP).

"Non é adecuado que unha entidade destas características realice este tipo de tarefas que deben ter, como punto de partida, a imparcialidade"

A Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galicia está a realizar unha campaña de presentación do servizo en todo o país, con actos en Compostela, A Coruña e Vigo e, igualmente, con entrevistas co Fiscal Superior de Galicia e o Presidente do TSXG, a quen lles presentaron os programas incluídos en SAFIM e a nova figura da coordinación parental, que queren promover entre a xudicatura. Esta entidade foi unha das principais impulsoras da ILP en favor da fracasada Lei de Custodia Compartida, unha norma que de ter sido aprobada tería incrementado a desprotección das mulleres e menores vítimas de violencia de xénero.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.