Custodia compartida: un obxectivo non sempre posible

Cartel da mesa redonda © Fundación Vicente Risco

A Fundación Vicente Risco, en Allariz (rúa San Lorenzo, 3), acolle este xoves ás 20.30 horas a mesa redonda Diálogo sobre a custodia compartida, que analizará as relacións familiares trala ruptura do vínculo de parella, en especial no referente ao coidado dos fillos e fillas. No acto participarán María Pedreira García -titular del Xulgado de Primeira Instancia número cinco da Coruña-, Marta Rivas -psicóloga forense no Instituto de Medicina Legal de Santiago-, e a avogada Celia Pereira Porto, que actuará como moderadora. Ao remate da mesa, haberá un coloquio coa intervención do público asistente. O acto está organizado pola propia Fundación Vicente Risco, coa colaboración do Concello de Allariz e de Praza Pública.

María Pedreira sinala que a xurisprudencia "é clara": "agás situacións excepcionais nas que queda claro que algún dos proxenitores non é apto para coidar os fillos e fillas, o normal é que os nenos e nenas estean de forma igualitaria cos seus pais e nais"

A Xustiza española considera "prioritaria" a custodia compartida, na que tras unha separación matrimonial ou divorcio, ambos os dous proxenitores exercen a custodia legal dos seus fillos e fillas menores de idade en igualdade de condicións e de dereitos. "A legalidade está completamente a favor da custodia compartida, considera que é unha situación ideal para protexer os dereitos dos menores, e tamén para que os pais e nais estean cos seus fillos e fillas en igualdade de condicións", explica María Pedreira. En todo caso, á hora de adoptar unha decisión sobre a quen conceder a custodia, o xuíz ou xuíza teñen en conta non só a opinión dos pais e nais, senón tamén do Ministerio fiscal, de equipos psicosociais e dos e das menores, sempre que estes acrediten suficiente xuízo ou sexan maiores de 12 anos. Entran en xogo, ademais, outros factores, como a distancia entre os domicilios dos proxenitores, as súas respectivas profesións e graos de responsabilidade, ou a existencia de antecedentes de violencia machista e outro tipo de situacións (malos tratos, abusos...).

"O máis importante é velar polos nenos e nenas", destaca Pedreira, que subliña que a xurisprudencia "é clara": "agás situacións excepcionais nas que queda claro que algún dos proxenitores non é apto para coidar os fillos e fillas, o normal é que os nenos e nenas estean de forma igualitaria cos seus pais e nais". "É a situación ideal e desexable para os fillos e fillas pero, en ocasións, non se pode levar a cabo", engade.

"A situación é de mellor adaptación a todos os niveis: evítanse situacións de culpabilización dos e das menores pola situación familiar, evítanse sentimentos de abandono con respecto a aquel proxenitor que ven menos", di Marta Rivas

De igual xeito, a psicóloga Marta Rivas sinala que "cando é posible chegar a unha situación de custodia compartida -que non ten por que ser un reparto do tempo ao 50%- hai moitas vantaxes". "A situación é de mellor adaptación a todos os niveis: evítanse situacións de culpabilización dos e das menores pola situación familiar, evítanse sentimentos de abandono con respecto a aquel proxenitor que ven menos, e evítanse situacións de parentificación nas que o neno ou nena se poñen radicalmente a favor de un dos pais porque o consideran máis necesitado", explica.

Rivas explica que o equipo psicosocial do que ela forma parte realiza unha proposta de solución “sempre baixo o criterio da defensa e a protección dos intereses dos e das menores”, levando a cabo unha “valoración da unidade familiar como un todo”.  “O acceso a ese interese do menor faise a través do neno ou nena, agás cando son moi pequenos. Tamén a través dos e das proxenitoras, tendo en conta que ás veces o que che transmiten os pais e nais sobre o que sería mellor para os seus fillos e fillas é contraditorio”.

 

Obstáculos á custodia compartida

"As dificultades proceden de problemas de comunicación entre os pais e nais, que teñen que facer un sobresforzo, nunha situación na que non se levan ben a nivel persoal"

Ademais dos obstáculos xa sinalados (unha gran distancia física entre os domicilios dun e doutro proxenitor ou a existencia de situacións de violencia machista), os e as maxistradas deben axudar a resolver algunhas outras cuestións, de menor importancia, pero que se repiten con frecuencia, elevándose como atrancos para o exercicio desta custodia compartida. "As dificultades proceden de problemas de comunicación entre os pais e nais, que teñen que facer un sobresforzo, nunha situación na que non se levan ben a nivel persoal. Deben facer un esforzo para conxugar ou compaxinar as súas vidas en beneficio dos fillos e fillas", sinala María Pedreira. Explica, así mesmo que "hai outro tipo de problemas, por exemplo cando se lles atribúe a vivenda familiar aos fillos e fillas, e son os pais e nais quen deben rotar; hai discusións de intendencia, sobre quen é o encargado de limpar, de encher a neveira... Son cousas pequenas, que se non se resolven e se van a máis poden ser moi prexudiciais para o máis importante, que é o interese dos e das menores".

Pedreira destaca igualmente a necesidade de tomar decisións a respecto da asignación de pensións alimenticias en favor dun dos proxenitores, mesmo en casos de custodia compartida. "Anteriormente, en situacións nas que os fillos e fillas pasaban cos dous proxenitores un tempo igualitario empregábase un criterio, de xeito que non se satisfacía ningún tipo de pensión alimenticia en favor de ningún dos cónxuxes. Porén, o Tribunal Supremo sinalou que en ocasións si pode haber dereito a que exista este pagamento, cando existe un gran desequilibrio patrimonial entre un e outro. O obxectivo é satisfacer determinadas necesidades á marxe da propia alimentación: vestido, ir ao médico, outros gastos...", conta.

"É unha cuestión de madurez. Na balanza debe pesar máis o interese dos menores que as discrepancias na parella", di María Pedreira

María Pedreira conclúe que, en xeral, agás casos excepcionais, trátase sobre todo de "problemas cotiáns" que "con bo entendemento pódense solucionar". "É unha cuestión de madurez. Na balanza debe pesar máis o interese dos menores que as discrepancias na parella", di.

"En situacións de violencia ou malos tratos nin se valora" a custodia compartida, sinala Rivas

De igual xeito, Marta Rivas subliña que os casos que chegan aos equipos psicosociais son “situacións conflitivas, nas que existen obstáculos que non permitan chegar a un acordo”. Cando chegan a nós os e as menores, chegan cun vínculo bastante danado con ese proxenitor que ven menos e, as veces, cunha oposición bastante radical a velo”, comenta. Destaca, finalmente, outros casos máis extremos, “con situación de violencia ou con ordes de afastamento e denuncias, ou situacións de malos tratos aos nenos e nenas ou abusos sexuais”. “Nestes casos nin entras a valorar unha custodia compartida, por suposto”, conclúe.

 

Cartel da mesa redonda © Fundación Vicente Risco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.