Enténdese por "violencia vicaria" o "homicidio ou asasinato das fillas ou fillos da muller por quen sexa ou fose o seu cónxuxe" ou "mantivese con ela unha relación análoga de afectividade, aínda sen convivencia". Nos últimos anos foron varios os casos de agresións machistas na que os agresores mataron os fillos ou fillas das mulleres contra as que exercían violencia. No entanto, a lei galega contra a violencia de xénero aínda non recoñecía estas mulleres como vítimas.
A través da reforma promovida polo BNG, a lei galega contra a violencia de xénero recoñecerá a "violencia vicaria" ao mesmo nivel que o resto destas agresións para asistir as mulleres que a padecen. "É a forma máis cruenta e retorcida, a que se exerce contra a vida dos fillos e fillas para facer o maior dano á muller", resalta Pontón
A inclusión da violencia vicaria "dentro do concepto de violencia de xénero" foi a proposta defendida este martes polo BNG no pleno do Parlamento. Trátase de reformar a lei alega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que data do ano 2007 e que xa fora modificada en 2016, tamén a instancias do Bloque, para que as axudas para mulleres vítimas de violencia de xénero puidesen ser solicitadas en calquera momento do ano.
A reforma, exposta ante o pleno pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de iniciar o seu trámite avalada pola unanimidade do lexislativo galego. Sinala Pontón que a intención da modificación é recoñecer como vítimas ás mulleres que padecen a "forma máis cruenta e retorcida da violencia machista, aquela que se exerce contra a vida dos fillos e das fillas coa intención de facer o maior dano posíbel á muller". Pero ata agora, resalta, "a efectos legais", estas mulleres "non teñen recoñecida axuda económica, laboral, social ou psicolóxica" ao mesmo nivel que outras vítimas das agresións de xénero.
Incluír a violencia vicaria como unha das formas de violencia machista que deben ser contempladas pola lei, resalta a líder do Bloque, vai "en consonancia coa xurisprudencia dos tribunais" e "en aplicación do Convenio de Istambul", así como do vixente Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Existe tamén "abundancia de estudos que demostran que a finalidade destes actos é causar o maior sufrimento posíbel á muller".
"Son as familias e as amizades as que están suplindo a ausencia da Administración pública. Iso non é tolerábel nunha sociedade xusta que debe protexer os máis vulnerables", resalta a líder do BNG, que agradece o apoio de PP e PSdeG á tramitación da reforma
O texto que agora comeza percorrido parlamentario contempla dende "cuestións tan básicas" como o protocolo a seguir para "comunicar os feitos á vítima" ata a asistencia sanitaria ou a posibilidade de acollerse a axudas do Goberno galego para as mulleres que padecen violencia de xénero. Tamén outras medidas de asistencia legal e económica nun contexto no que, defende Pontón, "son as familias e as amizades as que están suplindo a ausencia da Administración pública. Iso non é tolerábel nunha sociedade xusta que debe protexer os máis vulnerables".
A líder do Bloque trasladou o seu "agradecemento" a PP e PSdeG por dar o seu voto favorable á toma en consideración dunha reforma legal que agora pode recibir emendas. O PP, que a través da deputada Paula Prado defendeu que a Xunta "xa está poñendo dende 2015 os medios necesarios á disposición destas vítimas", avanza que emendará o texto para, entre outros aspectos, "se recoñeza o dereito a prestacións aos familiares directos das vítimas mortais por violencia vicaria ata o segundo grao". Prado salferiu a súa intervención de críticas ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, polos seus comentarios a respecto da vestimenta da popular Elena Candia durante unha manifestación contra o goberno da institución lucense, palabras polas que o político monfortino se desculpou malia consideralas descontextualizadas polo PP.
O PSdeG, por medio da deputada Noa Díaz -que principiou lembrando as desculpas xa formuladas por Tomé e trasladando os seus "respectos" a Candia-, concorda na necesidade de que a violencia vicaria sexa contemplada pola lei contra a violencia machista. Este tipo de violencia, subliña, adoitan comezar a través das ameazas e ten a súa forma máis "cruel" a través do asasinato. "Do que se trata, é de que sexa recoñecida na lei para ser incuestionable", resalta.