As vítimas de violencia machista poderán solicitar as axudas da Xunta durante todo o ano

Carme Adán, no pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

As mulleres vítimas de violencia machista poderán solicitar axudas económicas da Xunta, o "salario da liberdade", durante todo o ano. O que, a priori, semella unha posibilidade lóxica, estaba ata agora limitado pola dispoñibilidade das axudas convocadas anualmente que, na práctica, impedían acceder a elas ás mulleres que as pedisen durante o último treito do ano e os primeiros meses do seguinte. A iniciativa do BNG destinada a abrir as axudas ao conxunto do ano, que comezara a súa tramitación avalada pola unanimidade da Cámara, ficou aprobada este martes, aínda que con modificacións, sen ningún voto en contra.

"Todas quixéramos chegar ao Parlamento e poder promulgar unha lei cun artigo único: queda derrogado o heteropatriarcado", sinalou durante o debate a autora da proposta, a deputada Carme Adán, para ilustrar a importancia de que recibise luz verde a reforma, aínda que sexa "pequena" e con mudanzas a respecto do texto inicial, máis específico en canto ao funcionamento das axudas -o PP defende que estas condicións se detallarán na propia convocatoria-. "A única posibilidade" de frear o machismo e as súas consecuencias, acrecenta, é con "traballo constante" para "conquistar cada vez máis espazos de igualdade" e avances coma este, di.

Ata agora, o "salario da liberdade" non estaba dispoñible varios meses ao ano

Despois de que, na rolda de intervencións dos grupos, a voceira do PSdeG, Carmen Acuña, censurase que o PP aproveitase o trámite parlamentario da proposta para minguar o seu contido, a parlamentaria nacionalista regresou á tribuna para deitar, alén da defensa da súa propia proposta, "unha reflexión". "Saben por que ás veces somos tan, entre aspas, odiosos para a sociedade?", cuestionou ao hemiciclo. "Porque non sabemos estar por riba das siglas, somos incapaces de actuar politicamente conforme a determinados principios", aínda que o que se formule sexa "chegar a un acordo para que as mulleres" vítimas de viilencia "poidan pedir unha axuda de novembro a marzo, iso é o que imos votar", resaltou.

Adán: "O que nos trae aquí é mellorar a vida das persas, senón non en sentido ser deputados e deputadas"

"Estamos abrindo un camiño e así se lexisla", enfatizou a parlamentaria, en cuxa opinión "se só unha muller pode mellorar a súa vida" accedendo a "unha prestación no tempo no que antes non podía, obxectivo cumprido". "O que nos trae aquí -agregou- é mellorar a vida das persoas que están aí fóra; senón, non ten sentido ser deputados e deputadas", advertiu entre aplausos procedentes de todos os grupos.

O desacordo do grupo socialista, que optou pola abstención -o PP, dixo Acuña, tivo "sete anos" para poder tomar esta medida sen agardar a que o fixese a oposición-, non impediu, no entanto, que a norma fose aprobada por un dos consensos máis amplos da lexislatura que remata e que, de agora en diante, estas axudas poidan ser solicitadas durante todo o ano e atinxan, explicitamente, tamén ás mulleres vítimas de trata. Ademais, segundo a reforma aprobada, a Xunta terá que remitir anualmente ao Parlamento un informe sobre a xestión das axudas.

Carme Adán, no pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.