O 18 de abril de 2009 o aínda presidente xuraba o cargo disposto a reformar o Estatuto, co obxectivo de converxer en renda co resto do Estado e cunha cita de Cunqueiro: “No tocante ao que unha patria pide aos seus, ou se é ou non se é. Eu quero ser”
O sábado 18 de abril de 2009 o aínda presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, xuraba por primeira vez o cargo e tomaba posesión no Salón dos Reis do Parlamento de Galicia. Facíao cun discurso no que aseguraba que asumía “o traballo máis honroso ao que un galego pode aspirar”. 13 anos despois disponse a deixalo en data aínda por concretar e tras dous meses que poden ser tres de prolongada despedida tras a crise interna aberta no PP a mediados de febreiro que o vén de levar á presidencia do partido.
Feijóo muda agora unha presidencia por outra tras chegar á da Xunta cun discurso no que se amosaba disposto a reformar o Estatuto e apuntaba o obxectivo de converxer en renda co resto do Estado, cuestións non alcanzadas durante os seus catro mandatos, entre outras das formuladas naquela intervención.
Aquel discurso [aquí o PDF] do 18 de abril de 2009, catro días despois de presentar o seu programa de Goberno ante o Parlamento e dous días despois de que este o votase coa maioría absoluta do PP, foi construído arredor dunha cita de Álvaro Cunqueiro. Feijóo comezou a súa intervención lembrando un artigo do escritor publicado en El Pueblo Gallego o 27 de xuño de 1936, véspera do referendo do primeiro Estatuto de autonomía de Galicia, no que dicía que “no tocante ao que unha patria pide aos seus, ou se é ou non se é. Eu quero ser”. Esa, dicía Feijóo, era a obriga que el asumía naquel momento, a de comprometerse “vitalmente coa tarefa da defensa da identidade de Galicia e dos seus intereses”
Naquel discurso de toma de posesión Feijóo identificou como o primeiro dos seus retos a crise económica, contra a que defendía loitar a curto prazo “pero tamén sentando as bases para a definitiva integración de Galicia entre as comunidades máis desenvolvidas de España”. Nesa liña, insistía en que Galicia “pese aos firmes pasos dados nos últimos quince anos cara á converxencia económica, aínda non ten alcanzado a media española de renda que debe ter”, para o que pedía unha maior contribución do Goberno de España, daquela con José Luis Rodríguez Zapatero á fronte.
13 anos despois, e coa metade do tempo con gobernos centrais populares e a metade socialistas, esa converxencia aínda non se logrou e no plan estratéxico que o Goberno galego vén de presentar para os próximos anos fíxase como novo obxectivo o ano 2030. [O mercado laboral que deixa Feijóo: menos paro e moita menos xente a traballar].
“Por vez primeira na súa historia os galegos podemos falar da reforma do noso Estatuto de autonomía”, dicía Feijóo hai agora 13 anos
A segunda das súas prioridades era para Feijóo uns “servizos públicos de calidade”, porque sen eles, dicía, “a igualdade crébase”. [A sanidade pública na 'era Feijóo': 13 anos de conflitos, obras novas e protestas contra a deterioración].
E el mesmo citaba como terceira prioridade “a reforma das nosas institucións e impulso da nosa cultura”. “Afortunadamente”, dicía, “por vez primeira na súa historia os galegos podemos falar da reforma do noso Estatuto de autonomía”. Galicia podía, “respectando a Constitución”, dicía, “mellorar a nosa norma institucional básica”. Unhas verbas que Feijóo pronunciaba tras bloquear a reforma que impulsara no mandato anterior o goberno de coalición de PSdeG e BNG e tras de asegurar catro días antes, na exposición do seu programa de goberno, que el mesmo realizaría unha proposta que despois mesmo fixou na primeira metade daquela lexislatura, algo que nunca cumpriu.
Na súa toma de posesión Feijóo prometía defender Galicia e “gardala viva para os que han de vir nos tempos, porque ben será que eles tamén a amen, a defendan e a garden"
Aquel discurso, no que Feijóo reservou un oco para amosar a lealdade e agradecemento ao rei Juan Carlos, completouno o presidente coas súas despois habituais referencias ao Camiño de Santiago como orixe da idea de Europa ou a Galicia “entendida como célula de universalidade”
E rematouno retomando a cita inicial de Cunqueiro e ratificando a súa “obriga” de defender Galicia e “gardala viva para os que han de vir nos tempos, porque ben será que eles tamén a amen, a defendan e a garden, polos séculos dos séculos”.
Este luns, 13 anos despois, o aniversario pasa pola celebración dunha xunta directiva do PPdeG que fixará a data do congreso extraordinario da formación que a finais de maio confirmará que Alfonso Rueda é o sucesor de Feijóo tanto á fronte da Xunta como do partido.