A deterioración da sanidade pública. Esa foi a principal crítica e o argumento das máis importantes protestas contra a xestión de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta que se deron nos últimos trece anos en Galicia. Desde que tomara posesión como presidente en abril de 2009, as mobilizacións de persoal sanitario e cidadanía contra os "recortes", a "privatización" ou a "precariedade laboral" foron constantes e repetidas. A poucas semanas de pór fin a 13 anos de goberno, o xefe do Executivo galego volveu ser recibido con pancartas e queixas de traballadores do Sergas, desta vez durante a presentación do novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) esta semana. Unha ducia de anos antes, milleiros de persoas ateigaban Compostela en defensa do sistema sanitario público como farían tantas veces despois na capital pero tamén na Mariña, en Vigo, Verín ou Valdeorras.
A resposta por parte do Executivo galego ás críticas á súa xestión da sanidade centrouse sempre en poñer o acento na inauguración ou proxección de novas infraestruturas, destacando as obras xa rematadas do HULA ou do Álvaro Cunqueiro, así como de numerosos centros de saúde, ou futuras como novo CHUAC da Coruña.
As mobilizacións de profesionais e cidadanía contra a deterioración da sanidade pública foron constantes nos 13 anos de Feijóo á fronte da Xunta
Máis aló das obras, das evidencias ou da percepción social, os fríos números indican que Galicia conta nesta altura con pouco máis persoal na sanidade pública que cando o actual presidente chegou ao poder -despois dunha grave pandemia- e con maior proporción de traballadores temporais, que ten menos camas hospitalarias que daquela, que o orzamento sanitario non deu superado o do goberno bipartito ata hai catro anos ou que o presuposto destinado á Atención Primaria deixou xa de subir na era Feijóo sen chegar a sobrepasar nunca o da coalición de PSdeG e BNG. A espera cirúrxica mellorou pero aínda é dunha media superior á que atopou o futuro líder do PP estatal ao chegar á Xunta e Galicia está a afrontar o impacto da COVID na saúde mental coa peor taxa, xunto a Andalucía, de psicólogos clínicos por habitante e menos número que hai 15 anos.
Velaquí un balance das políticas sanitarias e das súas consecuencias durante a era Feijóo:
Orzamento: recortes durante anos e menos cartos na primaria que en 2009
Unha das principais críticas que o goberno de Núñez Feijóo recibiu nestes trece anos foi o recorte de persoal e orzamentario no sistema sanitario público galego. Os datos son claros. Sanidade é sempre a partida máis cuantiosa do presuposto da Xunta, roldando neste 2022 os 4.400 millóns de euros, pero logo dun mínimo incremento interanual do 0,03% malia as denuncias de falta de investimento e as feridas que deixa a pandemia.
O orzamento sanitario -en euros correntes, sen incluír a inflación- mantense en suba desde 2015 pero non foi ata 2018 cando logrou superar a cifra que alcanzara o das últimas contas do bipartito: 3.766 millóns. Desde que Feijóo chegou ao poder e ata 2014 foron cinco exercicios continuados en descenso e houbo que esperar nove anos para alcanzar as cifras do anterior executivo.
O orzamento sanitario non superou ata 2018 a cifra da do último do bipartito; a partida para a Atención Primaria nunca igualou á do goberno de coalición
Peor foi a situación na parte do orzamento sanitario dedicado á Atención Primaria, onde as críticas pola falta de recursos, o empeoramento do servizo e a priorización da póla hospitalaria son continuados desde hai tempo. Así, os detalles dos fondos sanitarios proxectados pola Xunta para 2022 amosan detalles significativos nas súas dúas principais partidas: a dedicada á atención hospitalaria e a destinada aos centros de saúde.
No primeiro caso aumentou un 0,5% a respecto das contas de 2021, mentres que a Atención Primaria retrocede un 0,2%, ata os 1.391millóns de euros. Finaliza deste xeito media década de subas nunha partida que, así e todo, dende que Feijóo é presidente, nunca non chegou a igualar a asignación das derradeiras contas do Goberno de coalición PSdeG-BNG, que en 2009 consignara 1.436,8 millóns.
Algo máis de persoal pero tamén máis temporais
A datos de 1 de xaneiro de 2021, os últimos dispoñibles, o persoal ao servizo de institucións sanitarias públicas en Galicia alcanza os 37.840. Son uns 2.800 traballadores e traballadores máis que na mesma data de 2009, ano no que Feijóo accedeu á Xunta e no que o número de empregados era semellante ao que había a principios de 2019 e 2020, xusto antes da chegada da COVID.
O reforzo de persoal, xa que logo, apenas se notou ata a pandemia. O que si aumentaron, tanto entre o persoal sanitario como entre o non sanitario ao servizo do Sergas, foi a proporción de traballadores temporais. Así, no primeiro caso son uns 10.400 os englobados no persoal estatutario temporal, practicamente o dobre que a mediados de 2009. No segundo caso, son máis de 2.400 fronte aos 1.859 de hai trece anos.
Malia todo, a falta de persoal foi unha denuncia recorrente e unha realidade que levou en varias ocasións ao Sergas a denegar nalgunhas datas claves permisos, vacacións e días libres ás enfermeiras, o colectivo máis afectado por "anos de precarización e condicións laborais pésimas e inestables", así como por unha temporalidade e un modelo de contratación denunciado mesmo na UE. A súa situación foi denunciada durante anos polos sindicatos, pero a teimosía nun sistema que as obriga a asinar centos de contratos por ano en pésimas condicións fixo agromar un movemento, Eventuais en Loita, que rachou cos marcos de protesta establecidos e puxo o Sergas ante o espello dunha dura realidade.
O drama das enfermeiras eventuais: precariedade e temporalidade
"Estamos cansas de que se mostre cara á galería unha realidade ficticia dun sistema de sanidade pública que ten o 40% do persoal eventual. Recórtansenos en dereitos e os poucos que temos tamén os perdemos a cambio de continuar acumulando contratos sen descanso, repercutindo directamente na asistencia", lembraba o colectivo Eventuais en Loita, xurdido cando máis de 7.000 enfermeiras --a inmensa maioría mulleres-- apareceron vestidas de negro e tinguiron de loito o amplo recinto feiral de Silleda nunhas oposicións.
Desde aquela, levan case tres anos denunciando a súa dura realidade e poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", advertira unha das moitas profesionais que resumira o día a día de tantas. Porque mentres a Xunta presumía dunha estabilidade de ata o 90% do persoal, Eventuais en Loita tiraba de cifras oficiais ou de enquisas para situar en máis dun terzo a cantidade de traballadoras en situación de eventualidade ou no 44% a porcentaxe das que levan máis de dez anos nas listas de contratación.
A mobilización de Eventuais en Loita deita luz sobre as pésimas condicións laborais de boa parte da enfermaría
Coa chegada da COVID, a precariedade non só non desapareceu senón que se acentuou. Nos primeiros meses da pandemia, o Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras así que caían enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas COVID. En ambos casos, a Consellería de Sanidade recuou logo de facerse públicas as denuncias dun persoal que sufriu como poucos o impacto do coronavirus.
Saturación nas Urxencias e consecuencia fatal por falta de atención nun PAC
O sistema de contratos no Sergas, que tanto denuncian as enfermeiras pero tamén outros profesionais, foi posto en evidencia mesmo por ditames xudiciais nos que se responsabilizou o Servizo Galego de Saúde de que, por exemplo, o PAC da Estrada quedase sen médico na tarade na que un paciente morreu sen atención.
A sentenza transluciu un sistema de contratación que os profesionais cualifican de "precario", con "falta de previsión", "de última hora" e "baixo mínimos". Algunhas das consecuencias, máis ou menos directas, foron tráxicas. Unha delas, esa morte dun home no verán de 2018 no PAC da Estrada e sen atención e que causara un notable impacto social e político.
Non foi a única morte investigada e que se atribuíra á saturación ou falta de medios na atención sanitaria. Nos últimos anos foron moitas as denuncias sobre a situación no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), en especial nas Urxencias do Clínico. A Asociación de Pacientes e Usuarios e o propio persoal alertaron do estado deste servizo, con doentes que tiñan que agardar nos corredores do centro á espera de seren atendidos. Mesmo se denunciou que a morte de seis pacientes fora causada pola excesiva espera, aínda que a Fiscalía -que investigou os casos- determinou que esta relación non se puidera probar.
Unha das traballadoras que máis denunciou estas situacións foi Fátima Nercellas, médica de Urxencias no Clínico e delegada do sindicato O'Mega. Foi acusada de mentir por diversos cargos da Xunta e do PPdeG, a comezar polo presidente Feijóo e polo conselleiro Vázquez Almuíña. Porén, recibiu o apoio total da Asociación de Pacientes e Usuarios. En paralelo, abríuselle un expediente disciplinario, acusada de trasladar a observación para seren atendidos de forma inmediata a dous pacientes que se atopaban agardando a ser atendidos no corredor de entrada do servizo de Urxencias, pasando por riba do indicado no protocolo de actuación.
Verín, o epicentro dun conflito espallado
Non foi o único expediente a un profesional do Sergas crítico coa política sanitaria de Feijóo. En Verín, o xinecólogo que liderou a masiva protesta do persoal e cidadá polo peche do paridoiro do hospital da vila acabou sendo sancionado por Sanidade. Foi un dos últimos capítulos dun longo e intenso conflito no que a mobilización fixo recuar a Xunta.
Foi a finais de novembro de 2019 cando a xerencia da área sanitaria de Ourense anunciaba o peche da atención aos partos no Hospital Público de Verín. Entre a indignación da cidadanía e do persoal, o Sergas xustificou a medida no baixo número de nacementos atendidos pola baixa natalidade na zona, o que derivaría en problemas de “seguridade” para os pequenos e as nais pola falta de “pericia” e “perda de experiencia” dos profesionais, argumentos desmentidos desde sempre polos traballadores, que sinalaron a Consellería de Sanidade pola deficiente organización, a falta de pediatras derivada desta e unha xestión baseada na rendibilidade económica e nos recortes.
A enorme mobilización en Verín polo peche do paridoiro fixo recuar á Xunta, que afrontou 'revoltas' cidadás por falta de medios en toda Galicia
Logo de dous meses de intensa mobilización -mesmo por parte de alcaldes do PP ou o presidente da Deputación-, a Xunta recuou e reabriu o paridoiro en febreiro, non sen antes provocar a indignación dun persoal que cargou con dureza contra as acusacións da Consellería de Sanidade.
As mobilizacións na comarca de Monterrei non foi moi diferente ás que se deron noutras como A Mariña, O Salnés, Lemos ou Valdeorras cando a Xunta decidiu incluír na reforma da Lei de Saúde a supresión das súas áreas sanitarias. Advertían nesas zonas da desatención e falta de recursos que acentuaría esa decisión. Poucos meses despois, as deficiencias na pediatría estoupaban en moitos puntos de Galicia, especialmente no norte do país, onde a falta de médicos, os longos desprazamentos e os remendos con médicos "voluntarios" levaron moitas persoas á protesta. Tamén as queixas pola desatención e o abandono do sistema sanitario no rural, con paradigmas como o de Curtis ou a odisea de facer 140 quilómetros e tres horas de viaxe á procura dun pediatra para un bebé na Costa da Morte.
Máis adiante, foi a Atención Primaria quen acabou por rebentar as súas costuras.
O caos da Atención Primaria
Porque o caos, a saturación, a falta de persoal e as longas listas de espera na Atención Primaria son unha constante desde hai anos. Eivas agudizadas pola pandemia que xa viñeran precedidas de folgas e mobilizacións continuas por parte dos seus traballadores. A situación chegou a ser tal -e recoñecida pola propia Xunta- que o Sergas viuse obrigado a anular a actividade non urxente nalgúns centros, como ocorreu en 14 da área sanitaria de Vigo a principios deste ano.
A saturación e caos na Atención Primaria provocou a mobilización constante do persoal e grandes protestas cidadás
A precaria situación da Atención Primaria deu lugar a un clamor nas rúas, na primeira protesta multitudinaria pola sanidade pública dende o inicio da pandemia. Antes, polo mesmo motivo, xa saíron milleiros á rúa en cidades como Vigo, onde unha vintena de xefes de centros de saúde da cidade dimitiran pola "deterioración sanitaria" no Sergas. No fondo, todas as análises acaban coincidindo en que as eivas xorden de "falta de persoal, anos de recortes e desinvestimento".
Abrindo máis o foco, un problema fundamental e non tan abordado: máis da metade dos médicos de familia que rematan o MIR en Galicia rexeitan traballar na Atención Primaria. A "sobrecarga" de traballo e o "estrés" nos centros de saúde provoca que sexan maioría os que opten por traballar en Urxencias, no 061 ou en hospitalización domiciliaria... Ou por abandonar Galicia e mesmo cambiar de profesión.
A polémica do Álvaro Cunqueiro e os concertos coa privada
A pouco de abandonar a Xunta e na súa campaña por toda España para liderar o PP, Feijóo fixo referencia á inauguración dun hospital que non está pago como crítica á xestión do Goberno central, o que suscitou reaccións a medio camiño entre a indignación e a hilaridade entre representantes da oposición galega e nas redes sociais. Relaciónano co sistema elixido polo Goberno do propio Feijóo para construír e abrir o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, un modelo de colaboración público-privada con pagamento aprazado.
Na súa campaña para liderar o PP, Feijóo criticou que se inauguren hospitais sen estar pagos: a concesionaria do Cunqueiro recibirá 60 millóns anuais ata 2035
Como informou Praza.gal, pola execución material do hospital vigués, valorado nuns 300 millóns de euros, e a xestión dos seus espazos non sanitarios a empresa concesionaria do hospital -agora propiedade de fondos de investimento internacionais-, recibirá dende a súa apertura en 2015 e ata 2035, máis de mil millóns de euros mediante pagamentos anuais duns 60 millóns de euros.
O modelo elixido para a construción deste hospital -cuxo funcionamento e xestión foi moitas veces denunciado- foi un dos aspectos máis criticados do que os colectivos en defensa da sanidade pública de Galicia cualifican como "política privatizadora" por parte do Goberno do PP.
Nese ámbito, tal e como vén de contar Praza.gal, o convenio que o Sergas mantén coa multinacional estadounidense Medtronic contempla que esta poida manexar "datos persoais e xenéticos" de pacientes. Unha consecuencia máis dos acordos -algún secreto- que a Consellería de Sanidade mantén desde hai media década con esta empresa para que poida realizar diversas actuacións en hospitais públicos e que suscitaron diversos receos en asociacións de pacientes.
Ademais, e respecto aos polémicos concertos que o Sergas mantén coa sanidade privada, o Consello de Contas instou xa a Sanidade a "regulalos" tras detectar unha suba do gasto encabezada por Povisa, hospital agora propiedade de Ribera Salud, como o Polusa de Lugo ou o Cardona en Ferrol.
Escasa mellora na espera cirúrxica e menos camas hospitalarias
Tampouco lograron os 13 anos de Núñez Feijóo á fronte da Xunta aminorar o suficiente as listas de agarda, afectadas pola COVID. Logo do impacto da pandemia do coronavirus na actividade asistencial ordinaria, o Sergas asumiu o pasado verán que aínda tardará “polo menos un ano ou ano e medio” en lograr que a media de espera para unha operación cirúrxica volva situarse por baixo dos 60 días fixados como máximo pola propia Xunta na Lei de garantías sanitarias de 2014.
No último balance semestral de esperas sanitarias correspondente á primeira metade de 2021, o tempo medio para unha operación situouse en 70,2 días, algo menos que na segunda metade do pasado ano e moi por baixo do pico acadado na primeira vaga da pandemia hai un ano, pero aínda así dez días por riba do máximo legal. Cando Feijóo chegou ao poder, a media de días a agardar por unha intervención era de 67.
En canto ao número de camas hospitalarias en funcionamento, durante o tempo que Feijóo estivo á fronte da Xunta, Galicia baixou das 9.000 por primeira vez no que vai de século e só en 2010 se superaron as cifras do goberno bipartito.
A COVID: menos mortalidade, eivas nos rastrexadores e éxito na vacinación
O impacto da pandemia en Galicia golpeou de cheo no sistema sanitario público. Profesionais do Sergas denunciaron -e denuncian- o golpe que para unha sanidade que xa crían saturada e esgotada e acabou por rebentar, especialmente na Atención Primaria ou nas condicións do persoal eventual e sen estabilidade. Todo o mundo, no entanto, coincide na excelente resposta dos traballadores e traballadoras do Sergas nunha situación nunca vista e na súa encomiable achega para que procesos como o da vacinación fosen un éxito en Galicia, tanto polo labor organizativa da Administración como sobre o terreo. O país vacinou rápido e ben, liderando case sempre as estatísticas no Estado.
As cifras do impacto sobre a saúde, sendo malas coma todas, tamén deixaron Galicia nun bo lugar. A tal hora, mantense como a comunidade peninsular con menor número de mortes por cada 100.000 habitantes -só superada polas Illas Canarias e as Balears- e malia vivir momentos duros de saturación nos hospitais, o drama non alcanzou o doutras zonas.
A principal eiva deuse no seguimento dos positivos e dos contactos. Persoal que formou parte dos rastrexadores definiu o sistema como "caótico e desorganizado", centrado en subcontratas a empresas de telemárketing e en persoal insuficiente -cuxo número ademais se esaxeraba ou ocultaba- e sen experiencia sanitaria. Ademais, a Xunta non decidiu contratar un sistema estable de rastrexo da COVID ata que "a situación se complicou" no Nadal de 2020 e acabou por contratalo 20 meses despois da detección do prijmeiro caso de coronavirus en Galicia. As malas condicións laborais destes traballadores mesmo obrigara a reforzar o servizo con teleoperadores de Madrid.