Os datos da primeira metade do ano, habitualmente mellor que a segunda metade, están dez días por riba do límite fixado na lei de garantías sanitarias
Tras o impacto da pandemia do coronavirus na actividade asistencial ordinaria, o Sergas aínda tardará “polo menos un ano ou ano e medio” en lograr que a media de espera para unha operación cirúrxica volva situarse por baixo dos 60 días fixados como máximo pola propia Xunta na Lei de garantías sanitarias de 2014. Así o admitiu este martes o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, ao presentar o balance semestral de esperas sanitarias correspondente á primeira metade do ano, cando o tempo medio para unha operación se situou en 70,2 días, algo menos que na segunda metade do pasado ano e moi por baixo do pico acadado na primeira vaga da pandemia hai un ano, pero aínda así dez días por riba do máximo legal.
O límite de 60 días para unha operación cirúrxica fixado en 2014 foi rebaixado por primeira vez na media semestral facilitada polo Sergas -o que supón que hai casos con máis e casos con menos días- a comezos de 2018, pero a chegada da pandemia a comezos do pasado ano supuxo a paralización de toda a actividade sanitaria non imprescindible. O indicador disparouse na primeira metade do pasado ano ata os 101 días, e baixou na segunda metade a 72,6, lográndose agora unha nova baixada ata 70,2 días.
Hai que ter en conta que a primeira metade do ano adoita presentar mellores datos que a segunda metade, con máis períodos vacacionais, e que en 2014 a Xunta deixou de facilitar información trimestralmente, como viña facendo ata daquela, para ofrecela só semestralmente, o que supuxo eliminar os datos intermedios que tradicionalmente presentaban peores cifras.
A área de Ourense é a que máis espera media rexistra, con case 78 días, e a de Lugo a que menos, con 53
Canto ao detalle por áreas sanitarias, a de Ourense-Verín-O Barco, con 77,9 días, é a que presenta uns peores indicadores, mentres que a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 53 días, é a única que rebaixa o límite legal dos 60 días. Canto ao hospital privado concertado de Povisa, que atende a unha parte significativa da área de Vigo e que en anos anteriores presentaba esperas superiores á media, agora sitúase moi próximo a esta.
A espera por consultas especializadas volve a niveis previos á pandemia
O outro gran indicador da espera sanitaria, o das consultas especializadas, tamén mellorou na primeira metade do ano, con 42,6 días, e no seu caso si se aproxima aos niveis previos á pandemia tras descender do pico de 66 días ao que chegou a comezos do pasado ano.
Á marxe da media, preto de 2.700 persoas agardaron máis de medio ano por unha consulta externa, e delas a espera para máis de 800 persoas foi superior a un ano.
Por áreas sanitarias, ao contrario do que ocorre coas operacións, é a área de Lugo, con 65,8 días de espera, a que presenta peores cifras. Pola contra, a que mellor se sitúa é a de Santiago-Barbanza con 30,4 días.