Anatomía do colapso na saúde mental en Galicia: á cola do Estado en cobertura mentres a pandemia agrava os problemas

Consulta de atención psicolóxica CC-BY-SA Mentatdgt

O impacto da pandemia na saúde mental agrávase tras un ano de COVID en Galicia, que xa lideraba hai anos os casos de depresión e ansiedade no Estado

Na última Enquisa Nacional de Saúde difundida polo Instituto Nacional de Estadística (INE), Galicia situábase xunto á Asturias á cabeza nos casos de depresión e ansiedade no Estado, uns primeiros postos que tamén ocupa en canto ao consumo de antidepresivos. O aumento de problemas de saúde mental no país é "sostido", como advirten os profesionais, desde a anterior crise económica de 2008, momento no que comezaron os recortes que impactan agora nun ámbito que sofre como nunca a falta de recursos. 

Pasado máis dun ano desde o comezo da pandemia, o impacto das súas consecuencias na saúde mental en Galicia agrávase agora, cun importante aumento da sintomatoloxía ansiosa e depresiva, con especial influxo na mocidade, ademais dun forte incremento nas consultas de atención psicolóxica, saturadas e con interminables listas de espera. 

Galicia afronta o impacto da pandemia na saúde mental coa peor taxa, xunto a Andalucía, de psicólogos clínicos por 100.000 habitantes: menos de 4

Na sanidade pública, a escaseza de profesionais de psicoloxía clínica é desacougante, como relataron en Praza.gal varios profesionais, que advirten de esperas de catro meses para a primeira cita e de alongadas frecuencias nas consultas que restan eficacia aos tratamentos. A finais de 2018, e segundo datos achegados polo Sergas, a espera media para consulta de psicoloxía en Galicia xa era de máis de 60 días. 

Logo de máis dunha década de recortes e non reforzamento do sistema, Galicia afronta os problemas na saúde mantal, agora empeorados pola pandemia, nunha precaria situación: con menos de catro psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, a taxa máis baixa de España, só empeorada pola de Andalucía, máis de dous puntos por baixo da media estatal e moi afastada das cifras recomendadas.  

"En Galicia, temos unha das peores taxas do conxunto de España, cando o razoable e recomendado é entre 12 e 20 por cada 100.000 habitantes", advirten Víctor Torrado e Carlos Losada, psicólogos clínicos do Sergas. Ambos sitúan en arredor de 3,7 a taxa no país, onde os últimos datos das asociacións profesionais falaban de algo máis do 3,5 sen contabilizar as últimas incorporacións levadas a cabo polo Sergas. 

Na sanidade pública galega hai algo máis dun cento de psicólogos clínicos entre unha maioría de fixos e os de reforzo. Do total de 31 novas incorporacións previstas polo Sergas entre 2021 e 2022, ao abeiro do Plan Galego de Saúde Mental, 13 foron xa incorporados, segundo avanzou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a pasada semana no Parlamento. 

"Son aínda insufientes, hai que revisar á alza o plan porque non é dabondo", coinciden varios profesionais, entre eles Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica do Sergas e portavoz do Movemento Galego de Saúde Mental (MGSM), que xa advertira nun informe que o Sergas só conta cun 60% do persoal que recomenda a propia Xunta

As comparacións son impactantes. Segundo os últimos datos difundidos pola Asociación Nacional de Psicólogos y Residentes (ANPIR) e pola maioría das comunidades nun informe feito público polo Defensor del Pueblo, Galicia baixou nos últimos anos a súa ratio de psicólogos clínicos na sanidade pública por 100.000 habitantes, fronte aos ascensos noutros autonomías, consolidándose como un dos peores territorios dentro dun Estado que está tamén entre os peores colocados de Europa, cunha media tres veces inferior á Europa, que rolda os 18. 

Galicia ten agora menos psicólogos clínicos no Sergas que hai 15 anos

Grecia, Italia ou Portugal, dos peores colocados tamén, están aínda por riba de España, mentres que Irlanda alcanza os 21 psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, Reino Unido os 25 e países nórdicos como Dinamarca ou Suecia achéganse aos 60. 

Segundo os datos do Observatorio de Saúde Metal da Asociación Española de Neuropsiquiatría (ANE), Galicia ten agora peor ratio de psicólogos clínicos por habitante e menos profesionais no Sergas que hai 15 anos. De ter en conta todos os profesionais colexiados, a taxa en Galicia tamén é das peores de España segundo os últimos datos do INE, só po riba de catro comunidades. 

"Xa estabamos nun estado de alerta en Galicia polo aumento sostido de problemas de saúde mental, xa antes da pandemia e desde a anterior crise, combinado coa importante falta de recursos", resume Cerqueiro, que advirte de que o país chega a esta nova crise pandémica "partindo dunha grande escaseza". 

"Sabemos que a saúde mental vai reflectir todo o estado de tensión que sofre a sociedade", advirte Rosa Cerqueiro

"Sabemos que a saúde mental vai reflectir todo o estado de tensión que sofre a sociedade e que hai unha serie de colectivos que se ven especialmente afectados, máis aqueles que o serán axiña polos problemas económicos derivados da COVID", insiste quen lembra que, malia os anuncios do Sergas, "Galicia segue tendo a metade dos recuros profesionais que a propia Xunta recomendaba hai máis de vinte anos". En 1997, unha comisión asesora cifraba en 170 o número de profesionais de psicoloxía clínica necesarios. 

Desde o MGSM advírtese da "necesidade perentoria" de incorporar psicólogos clínicos á Atención Primaria e critican que "o gran logro que difunde a Xunta" é a implantación dun profesional de enlace por cada área sanitaria. O "colapso" é tal, di Cerqueiro, que o reforzo en persoal anunciado polo Sergas "non vai ser suficiente nin se vai notar nas consultas diarias no que ten que ver co alivio da carga asistencial, coa redución das listas de espera ou coa frecuencia dos tratamentos". 

Persoas agardando consulta nun centro de saúde CC-BY-SA Xunta

E pon un exemplo claro: "Se unha persoa xa tarda meses en ser atendido no psicólogo e igual logo tarda outro tanto en volver á consulta, non se poderá ofrecer a terapia recomendada con criterios de calidade e coa mesma eficacia". Non pode ser, explica, que un tratamento que implique consultas en oito ou dez semanas poida ter que alongarse dous anos. 

A escaseza de psicólogos clínicos na Atención Primaria provoca o abuso de consumo de psicofármacos en Galicia

As consecuencias, explica Cerqueiro, chegan tamén en forma de abuso de psicofármacos, tal e como advirten tamén Víctor Torrado ou Carlos Losada. "A xente acaba acudindo á Atención Primaria e alí non hai psicólogos, así que o recurso é recetar psicofármacos, o que non contribúe a resolver o problema senón, moitas veces, a cronificalo", explica o primeiro. "Galicia é a autonomía onde máis psicofármacos se consomen, cando o recomendable é un traballo multidisciplinar e non renunciar nunca ao tratamento psicolóxico", engade o outro. 

Á saturación das consultas de psicoloxía --tamén nas privadas, cun prezo que vai desde os 50 aos 100 euros por sesión-- engádese a que sofren na Atención Primaria, a onde cada vez chegan máis casos relacionados coa saúde mental que teñen que ser tratados en atencións cada vez con menos tempo ou coa dificultade que impón o impulso á preferencia da atención telefónica.  

O conselleiro de Sanidade recoñece que "as incertezas económicas, sanitarias e sociais" derivadas da pandemia "terán consecuencias na saúde mental a medio e longo prazo"

"Cada día atendo tres ou catro pacientes con problemas psicolóxicos: de depresión, ansiedade, insomnio... Todo derivado desta pandemia ou do confinamento", explicaba en Praza.gal Xosé María Dios, médico en Outes e membro da plataforma SOS Sanidade Pública. "Moitos doentes con problemas de mobilidade e moitos con afectación psicolóxica, temor excesivo, actitudes paranoides ou de abuso de ansiolíticos", engadía Pablo Vaamonde, doutor no centro de saúde de Labañou, na Coruña. 

Con todas estas eivas e precariedade no sistema chega Galicia a uns tempos que serán aínda máis complexos, como o propio conselleiro de Sanidade recoñeceu no Parlamento hai só uns días. "Hai medo, dificultades para durmir, máis preocupación pola saúde que antes da pandemia, incertezas económicas, sanitarias e sociais que terán consecuencias na saúde mental a medio e longo prazo", dixo. 

Núñez Feijóo e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita a un hospital CC-BY-SA Xunta

Logo anunciou que o Sergas amplía en 2021 o seu cadro de persoal coa incorporación de 32 facultativos da área de psiquiatría, 31 especialistas en psicoloxía clínica, 12 traballadores sociais, 32 profesionais de enfermaría en saúde mental, 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e dous terapeutas ocupacionais. 

O Parlamento aprobou unha moción do PSdeG para que a Xunta desenvolva "de maneira efectiva e real o Plan de Saúde Mental" e "equipare o número de profesionais á media estatal"

Fíxoo en resposta a Julio Torrado, voceiro sanitario do PSdeG, que presentou unha moción sobre as actuacións que debe levar a cabo o Goberno galego en materia de saúde mental. Foi finalmente aprobada, instando así o Parlamento á Xunta a "desenvolver de maneira efectiva e real o Plan Galego de Saúde Mental", comprometéndose, como mínimo, a desenvolver un plan de contratación de persoal sanitario de profesionais que "implique a creación de 120 novas prazas antes da fin de  2021" e que se estenda para "equiparar o volume de profesionais de saúde mental no Sergas á media estatal en todas as categorías de maneira efectiva ao inicio de 2024". 

Na mesma proposición, entre outras reivindicacións, reclámase tamén ao Goberno galego que acorde coa Fegamp "o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais" e ordenar así a atención para que "dependa do organismo competente en asistencia sanitaria que é a Administración autonómica”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.