O Servizo Galego de Saúde só conta co 62% dos e das profesionais dedicados á atención á saúde mental que serían recomendables segundo os propios criterios da Xunta. O Movemento Galego da Saúde Mental vén de elaborar un informe, Recursos en Saúde Mental en Galicia, que analiza o estado da rede pública asistencial neste ámbito e que alerta da eivas en todas as profesións (traballo social, terapia ocupacional, enfermaría...) e en todo o país, nomeadamente na Coruña.
Ningunha categoría profesional cumpre coas propias recomendacións da propia Comisión Asesora da Consellería de Sanidade
O informe conclúe que durante a última década o estado da saúde mental da poboación residente en Galicia foi a peor "sensiblemente" e que nese tempo "a calidade asistencial non se viu incrementada, como recomendaron institucións internacionais de referencia como a propia Organización Mundial da Saúde, se non todo o contrario".
O MGSM conclúe que ningunha categoría profesional cumpre coas propias recomendacións da propia Comisión Asesora da Consellería de Sanidade, situándose a dotación real nun 62% sobre os mínimos apropiados. A categoría de traballo social é a peor dotada, cun 26,8%; seguida pola de terapia ocupacional (32,7%); celadores (49,2%), enfermaría (49,6%); psicoloxía clínica (54,2%); psiquiatría (68,1%); e a mellor dotada é a de técnicos/as en coidados auxiliares de enfermaría, que se sitúa a un 85% do recomendable.
Esta infradotación prodúcese en todo o país, pero de forma desigual: dende a EOXI da Coruña, que se atopa a un 41% do persoal recomendado, seguida de Pontevedra, cun 52,5%; Ourense, cun 62,4%; Vigo, cun 65%; Ferrol, cun 65,6%; Lugo, cun 65,7%; mentres que Santiago de Compostela presenta un cadro ao 70,8% do recomendado.
Para o MGSM, "as estatísticas en relación á situación mental da poboación galega non convidan ao optimismo, xa que desde o comezo da crise económica produciuse un notable deterioro neste ámbito". Se se compara a lista de espera de pacientes para a súa primeira cita nos servizos de psiquiatría, practicamente duplicouse: pasouse de 4.623 persoas en xuño de 2008 a 8.094 en xuño de 2018. Estímase que un de cada cinco galegos/as experimentou algún trastorno mental ao longo da súa vida, un 7% no último ano, e máis de 6.000 persoas padecen trastorno mental grave no noso país.
En Galicia no período 2011-2017 aumentou un 45% as persoas con problemas de saúde mental diagnosticadas por un médico/a
De acordo tanto coa Enquisa Europea de Saúde como as propias sondaxes do Instituto Nacional de Estadística, desde 2006 o número de persoas que refiren problemas de saúde mental está en constante incremento. Por exemplo, en Galicia, no período 2011-2017 aumentou un 45% as persoas con problemas de saúde mental diagnosticadas por un médico/a, unha cuestión na que as mulleres practicamente duplican aos homes.
Ao contrario das tendencias do conxunto do Estado, en Galicia tamén se produciu un aumento dos trastornos psíquicos e psicolóxicos na poboación infantil e xuvenil. Entre os menores de 14 anos, incrementáronse un 66% os problemas de tipo ansioso ou depresivo e un 17% os trastornos de conduta. En cambio, só existe unha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infantoxuvenil, situada en Compostela e con 7 camas, a metade das mínimas que recollía o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011. Comprometérase unha nova Unidade para a zona sur de Galicia, pero desde o MGSM non se ten constancia da súa posta en marcha efectiva.
"Isto sitúa a calidade asistencial en cifras moi inferiores en comparación tanto co resto do Estado"
O MGSM advirte de que "é imposible prestar atención á saúde mental sen profesionais". "Isto sitúa a calidade asistencial en cifras moi inferiores en comparación tanto co resto do Estado como con Europa, o que implica que a poboación galega está vendo conculcados os seus dereitos no relativo á atención á saúde mental", engade.