A calidade asistencial no ámbito da saúde mental está en risco en Galicia, nomeadamente por mor dos recortes decididos nos últimos anos polo Goberno, polas redución dos dereitos laborais dos profesionais sanitarios, e tamén polo anteproxectos de lei de reforma do Código Penal. É a principal conclusión da xornada de debate que o pasado sábado celebrou en Compostela o Movemento Galego da Saúde Mental e na que participaron ao redor de 200 persoas, entre profesionais, expertos legais, sindicatos, afectados e familiares, baixo o lema “Unidos para defender o dereito a un futuro con saúde”.
Convocouse a todo o sector a organizar diferentes actos reivindicativos de cara ao 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental
Nas cinco mesas de debate temáticas que ocuparon as sesións de mañá e tarde sinaláronse "as graves consecuencias" que a actual situación está provocando para as persoas con enfermidade mental e as súas familias, que reclamaron un papel máis activo na asistencia. Así mesmo, subliñouse "a falta de planificación na reforma dos hospitais psiquiátricos" e denunciouse "que se están a seguir criterios económicos e non clínicos desde a Administración". As consecuencias na sociedade deste deterioro na calidade asistencial provocado pola diminución de recursos, destaca o Movemento nas súas conclusións, "son graves e visibles e ocupan primeiras planas dos xornais". O MGSM establece "un vínculo evidente entre a suba das cifras de suicidio" en Galicia e o contexto económico, "agravadas aínda máis pola falta de medidas sanitarias e sociais que podan paliar situacións de estrema desesperanza e necesidade". Finalmente, convocouse a todo o sector a organizar diferentes actos reivindicativos de cara ao 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental.
Na Xornada denunciouse a volta ao concepto de “perigosidade social”, o que implica que "recae sobre os profesionais médicos e da xustiza a responsabilidade de decidir quen é ou non perigoso", explican dende o Movemento
Na xornada debatéronse tamén as consecuencias do anteproxecto de lei de reforma do Código Penal, considerado "un grave retroceso lexislativo" que afecta especialmente ás persoas con enfermidade mental, ao propoñer a eliminación das faltas e a volta ao concepto de “perigosidade social”, o que implica que "recae sobre os profesionais médicos e da xustiza a responsabilidade de decidir quen é ou non perigoso", explican dende o Movemento. Ademais, denunciouse que co cambio lexislativo estaríase a vulnerar a esencia das penas privativas de liberdade, que debera ser a reinserción social e rehabilitación, substituíndo estes principios polos de segregación do diferente. Os profesionais non só non atopan nesta reforma resposta aos baleiros legais cos que se atopaban ata o momento (os da contención física) senón que se declaran "aínda máis desprotexidos".
Tamén se tratou a polémica reforma da estrutura do sistema de atención á saúde mental en Galicia, que debe implicar o peche dos vellos hospitais psiquiátricos e a inserción dos e das pacientes nos centros convencionais de atención sanitaria. Os profesionais denuncian que esta reforma "foi feita sen planificación nin obxectivos", situando como exemplo o caso do centro compostelán de Conxo. Os propios profesionais de Conxo destacaron que non teñen coñecemento da existencia dun plan para o hospital psiquiátrico, e que ao progresivo peche de camas non seguiu unha implementación de recursos comunitarios, senón que os pacientes foron trasladados a outros dispositivos residenciais, na maior parte dos casos concertados con empresas privadas, e con menor calidade asistencial. Segundo os traballadores do centro, para os usuarios que quedan no hospital non existen programas definidos, nin liñas de actuación nin directrices, máis alá do esforzo e do traballo de cada profesional individual. Os usuarios reivindicaron un papel máis activo tanto das persoas con enfermidade mental como dos seus familiares na asistencia. En moitas zonas, indicaron, non existen alternativas residenciais ou ocupacionais que non pasen polas asociacións de familiares, amosando de novo o abandono por parte da Administración.
Os propios profesionais de Conxo destacaron que non teñen coñecemento da existencia dun plan para o hospital psiquiátrico, e que ao progresivo peche de camas non seguiu unha implementación de recursos comunitarios
Profesionais de áreas como Psicoxeriatría e Saúde Mental Infanto-xuvenil subliñaron nas súas intervencións que nos seus ámbitos sofren os mesmos problemas "debido ao abandono institucional", xa que se atopan "desbordados e non recoñecidos, con equipos infradotados e sen planificación". Neste senso, Madó Domínguez, psiquiatra infantil, profesora de Psiquiatría da USC, que foi presidenta da Asociación Galega de Saúde Mental, salienta que "a nosa área nunca tivo moitos recursos, e na actualidade seguimos cos instrumentos e servizos que tiñamos hai moitos anos: temos unidades ambulatorias e unha unidade de hospitalización para toda Galicia". A pesar destas dificultades, Domínguez salienta "o grande éxito" que significa o feito de reunirse todos os actores do ámbito da saúde mental "nun momento no que parecía que non pasaba nada". "Posiblemente nalgunha época baixamos moito a garda, pero agora o importante é que continuemos por este camiño, organizados", conclúe.
"Este investimento en tempo, en profesionais, parece que é caro a curto prazo, pero a longo prazo constitúe un aforro evidente"
Madó Domínguez destacou a importancia de manter e reforzar a estrutura profesional do servizo: "este investimento en tempo, en profesionais, parece que é caro a curto prazo, pero a longo prazo constitúe un aforro evidente. É de grande utilidade que existan os fármacos que hoxe temos. Pero iso non quere dicir que se poidan descoidar aspectos da terapéutica, que requiren fundamentalmente tempo por parte dos profesionais".