A comezos de de decembro o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) iniciou a denuncia pública da utilización da contención mecánica na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC). Trátase dun procedemento polo que unha persoa é inmobilizada con correas, fixándoa xeralmente a unha cama e o MGSM alertaba de que no centro herculino existía "un cuarto con tres camas, de uso mixto e simultáneo, para a contención mecánica de persoas ingresadas, e non poucas veces realizada por períodos de tempo prolongados".
O CHUAC defende que "a contención forma parte dos recursos terapéuticos cos que contan os profesionais da saúde mental"
A entidade levou a cabo concentracións semanais no Obelisco da Coruña para concienciar á sociedade sobre o carácter negativo deste procedemento, que definía como unha "violación dos Dereitos Humanos Fundamentais" ademais de ser "unha vulneración flagrante das recomendacións do Consello de Europa". Finalmente, a pasada semana o CHUAC optou por transformar este cuarto de contención en "dous cuartos para ocupación individual, no suposto de uso de contención mecánica, con previsión de instalación de cámaras para a realización de vixilancia intensiva".
O MGSM celebra o peche e afirma que "parece que os xestores do CHUAC entenderon algo". Porén, esixe que o hospital poña en marcha "un plan para a redución desta práctica" e pide "reformar e dotar material e profesionalmente dun xeito adecuado a esa Unidade", pois "as súas condicións son evidentes facilitadoras de tratamentos irrespetuosos coa igualdade de tódalas persoas atendidas no CHUAC e os dereitos humanos das persoas ingresadas", afirma.
O MGSM celebra o peche e esixe que o hospital poña en marcha "un plan para a redución desta práctica"
"Que doado era pechar ese cuarto! Por que tardaron tanto? Por que non fixeron nada dende que hai case tres anos comenzamos a denunciar esta situación?", pregunta a entidade, que engade que "a realidade da existencia dese cuarto era inaceptable dende o respecto obrigado á dignidade humana, e máis aínda por funcionarios públicos". "A mesma présa que se deron os xestores do CHUAC para modificala dende que o problema se puxo na rúa co acto do Obelisco, e se comenzou a difundir na sociedade, dinos ata que punto sabían que esto era intolerable. Pero non facían nada", di.
Mentres, o CHUAC defende en conversa con Praza.gal que "a contención forma parte dos recursos terapéuticos cos que contan os profesionais da saúde mental, xunto cos fármacos e as terapias psicolóxicas e debe dimensionarse na súa correcta medida" e sinala que "hai que ter en conta que cando se recorre á contención é porque se superaron outras actitudes terapéuticas".
"Que doado era pechar ese cuarto! Por que tardaron tanto? Por que non fixeron nada dende que hai case tres anos comenzamos a denunciar esta situación?", pregunta a entidade
O centro hospitalario é moi crítico co Movemento Galego de Saúde Mental e as denuncias públicas realizadas nas últimas semanas. Afirma que "este tipo de accións só contribúen a potenciar a estigmatizacion dos pacientes con problemas de saúde mental, mostrándoos como persoas agresivas, que precisan deste tipo de atencións" e engade que "a realidade é que os pacientes que nalgún momento necesitan -pola súa seguridade e a de quen os atenden- de contención son só casos moi excepcionais". "Non se pode permitir que se mostre aos profesionais sanitarios (psiquiatras, enfermeria, etc..) dunha unidade de Saúde Mental como persoas que non queren o mellor para a seguridade dos pacientes e dos propios profesionais", engade o CHUAC.
O CHUAC acusa o MGSM de "potenciar a estigmatizacion dos pacientes con problemas de saúde mental" coas súas denuncias
Miguel Anxo García Álvarez, voceiro do MGSM, afirmaba entrevistado por Praza.gal que "a vivencia dunha persoa que é sometida a esta práctica é de absoluta indefensión. O paciente perde mesmo valor en tanto que persoa. Pode danar gravemente a súa dignidade" e sinalaba que "pensabamos que era algo do pasado, que non estabamos neste nivel de gravidade das cousas. Foi algo que nos removeu".
O Movemento Galego de Saúde Mental destaca que o sucedido salienta "o valor da mobilización, de sair á rúa, de informar á sociedade, de non calar" e, igualmente, "o efecto balsámico sobre persoas que sufriron esta práctica e que sentiron que alguén lles recoñeceu que foran inxustamente tratadas". O MGSM lembra que puxo a situación en coñecemento do Defensor del Pueblo , do que espera unha acción nos vindeiros meses, e que tamén agarda a apertura de dilixencias de investigación penal pola Fiscalía Provincial da Coruña.