A contención mecánica é un procedemento polo que unha persoa é inmobilizada con correas, fixándoa xeralmente a unha cama. Trátase dunha técnica habitual ata hai algunhas décadas na atención a persoas con trastornos psíquicos, pero que hai tempo que foi desbotada, considerada unha vulneración da Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade e unha violación dos dereitos humanos.
A contención mecánica é un procedemento polo que unha persoa é inmobilizada con correas, fixándoa xeralmente a unha cama
Porén, o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) leva dous anos denunciando a súa utilización na Unidade de Hospitalización Psiquiátrica do Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC), onde segundo a entidade existe un cuarto con tres camas, de uso mixto e simultáneo, para a contención mecánica de persoas ingresadas, "e non poucas veces realizada por períodos de tempo prolongados".
O MGSM alertou da situación en febreiro de 2016, en decembro de 2017 e máis tarde en outubro de 2018, poñéndoo en coñecemento da Xefatura de Servizo, da Xerencia do hospital e do propio conselleiro de Sanidade, sen que de momento se adoptase a decisión de deter esta práctica. "Cualificamos o que se estaba a facer alí como violación dos Dereitos Humanos Fundamentais, ademais de ser unha vulneración flagrante das recomendacións do Consello de Europa", destacan.
A entidade reclama o "peche" do cuarto de contención e esixe que a Consellería de Sanidade aplique a política de "contencións cero"
O pasado sábado día 8 o MGSM levou a cabo unha concentración no Obelisco da Coruña para denunciar publicamente o que está a suceder no Hospital de Oza. A entidade reclama o "peche" do cuarto de contención e esixe que a Consellería de Sanidade aplique a política de "contencións cero" e repetirá esta concentración todos os sábados á unha do mediodía "ata que os gobernantes clausuren ese cuarto do Hospital de Oza e cesen a quen goberna ese Servizo e a quen dende a Xerencia e a Consellería están a permitir que isto ocorra". Falamos con Miguel Anxo García Álvarez, voceiro do MGSM.
En que consiste a contención mecánica? Que efectos pode ter nos e nas pacientes?
A contención mecánica implica en si mesma unha gravísima restrición da liberdade dunha persoa, que queda reducida ao espazo que fisicamente ocupa o seu corpo. É un mecanismo grave en si mesmo, debido a que a propia vivencia dunha persoa que é sometida a esta práctica é de absoluta indefensión. O paciente perde mesmo valor en tanto que persoa, pode danar gravemente a súa dignidade. A medida tamén violenta aos profesionais, fainos entrar en contradición coa misión que os define, que é a de coidar e tratar as persoas cun importante sufrimento psíquico.
"A vivencia dunha persoa que é sometida a esta práctica é de absoluta indefensión. O paciente perde mesmo valor en tanto que persoa. Pode danar gravemente a súa dignidade"
Ademais, as alteración mentais poden verse agravadas e hai mesmo riscos físicos importantes: aparecen casos de lesións graves e mesmo de mortes. A contención convértese nun acontecemento verdadeiramente traumático de cara ao futuro.
Que está a suceder nese cuarto do Hospital da Coruña?
A nós produciunos unha total repugnancia atoparnos con que nun hospital de elevado nivel, como é o CHUAC, na súa unidade de hospitalización psiquiátrica hai unha habitación con tres camas na que se realizaba -e aínda a día de hoxe non se dixo que se deixara de realizar- contención mecánica, en ocasións por períodos prolongados. De súpeto atopámonos cunha realidade que pensabamos que estaba superada, que era propia das institucións manicomiais. Pensabamos que era algo do pasado, que non estabamos neste nivel de gravidade das cousas. Foi algo que nos removeu.
"Pensabamos que era algo do pasado, que non estabamos neste nivel de gravidade das cousas. Foi algo que nos removeu"
Hai dous anos e medio comezamos a denunciar esta situación. Denunciámolo en tres ocasións ante a Consellería de Sanidade e ante a Xerencia do Hospital. Reclamamos o cese do Xefe de Servizo e estamos xa reclamando o cese do xerente e do propio Conselleiro de Sanidade, porque cremos que se están vulnerando gravemente os dereitos humanos.
É unha técnica que, polo tanto, debería ter sido superada, substituída por outros procedementos...
É unha práctica que atravesa a psiquiatría ao longo dos tempos e que chegou ata o presente sendo profundamente cuestionada. Hoxe en día xa non é unha elección dos profesionais, senón que se entende como un fracaso da atención ás persoas ingresadas e do fracaso das medidas terapéuticas que se deben aplicar.
"Atopamos un endurecemento das prácticas de atención á saúde mental cun predominio de tratamentos biolóxicos e químicos"
O obxectivo que está trazado neste momento, con iniciativas en todo o Estado e no resto de Europa, é o de Cero Contencións e é un obxectivo coincidente no tempo cunha evolución no terreo profesional e que segue as recomendacións da ONU, do Consello de Europa e doutros organismos internacionais.
Como se enmarca no contexto de recortes e deterioro do sistema de saúde mental, que levades tempo denunciando?
Dada a gravidade da limitación de recursos en saúde mental, sabemos que nos últimos anos se foi producindo un gran deterioro na atención. Temos un contexto de risco, de endurecemento das prácticas asistenciais que se aplican sobre persoas que non están en condicións de defender os seus dereitos, persoas vulnerables.
Atopamos un endurecemento das prácticas de atención á saúde mental cun predominio de tratamentos biolóxicos e químicos para dar resposta a situacións de sufrimento humano, cando as técnicas que demostraron a súa eficacia van por outro camiño, polos tratamentos psicosociais. Temos, ademais, unha redución dos tempos de atención nas unidades de atención psiquiátrica e danse, igualmente, restricións no acceso a recursos de hospitalización para tratar os procesos agudos.
"Temos unha sospeita fundada de que as prácticas de contención están nun nivel grave e fóra de control en Galicia. O grao de deshumanización incrementouse"
Tedes constancia ou sospeitas de que isto podería estar sucedendo noutros lugares de Galicia?
Por todo o contexto que acabo de explicar, temos signos que indirectamente nos dan a entender que se está incrementando o risco de que se aumente o uso de prácticas como a contención mecánica. O problema é que non temos un rexistro das prácticas de contención, a pesar de que o Consello de Europa o recomenda explicitamente.
Non temos constancia de que noutros hospitais se estean a dar casos desta gravidade, pero si temos unha sospeita fundada de que as prácticas de contención están nun nivel grave e fóra de control en Galicia. Estamos en risco de que se estean vulnerando dereitos fundamentais das persoas nas prácticas asistenciais no ámbito da atención á saúde mental. O grao de deshumanización incrementouse.