O xinecólogo que liderou a protesta polo peche do paridoiro de Verín é sancionado polo Sergas e prevé recorrer á xustiza

Javier Castrillo, con compañeiras no servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín © Xosé Lois Colmenero

A Xunta sanciona o xinecólogo que liderou a protesta contra o peche do paridoiro de Verín. A Secretaría Técnica da Consellería de Sanidade confirmou a Javier Castrillo, xefe de Xinecoloxía do hospital comarcal, a multa que a instrutora propuxera contra el tras a discusión que o 1 de decembro de 2019, en plena polémica pola decisión e clausurar a sala de partos, mantivo cunha compañeira pediatra ao negarse ao traslado a Ourense dun neonato: dous días de suspsensión de emprego e soldo. 

"Tanto me ten que a sanción sexa moito ou pouco porque é inxusta; seguirei pelexando para defender a miña inocencia", advirte Castrillo

"Dous días non supoñen nada, pero como considero que é inxusto, tanto me ten que sexa moito ou pouco; seguirei pelexando para defender a miña inocencia", aclara en conversa con Praza.gal Castrillo, que anuncia que presentará recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tal e como permite o proceso sancionador, pero que advirte de que acudirá á xustiza ordinaria, mediante recurso contencioso-administrativo, de manterse, como prevé, a sanción.

Mobilización ante o hospital de Verín contra o expediente contra o doutor Castrillo CC-BY-SA PSdeG

Javier Castrillo é sancionado como autor dunha "falta grave" con dous días de suspensión de emprego e soldo

A instrutora do expediente aberto contra Castrillo propuxo que se declarase o xinecólogo como "autor dunha falta grave" tipificada no Estatuto Marco do persoal estatutario sanitario por "grave desconsideración cos superiores, compañeiros, subordinados ou usuarios". E así é como se pecha finalmente o expediente. 

Non prosperaron as alegacións que o afectado presentou á proposta asinada o pasado 17 de febreiro por unha das inspectoras médicas do Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios do Sergas, que mantivo a consideración de "falta grave" o que o médico afectado considerou sempre unha "diferenza de criterio" habitual no seu labor profesional. 

"Tan só defendín o dereito dos pacientes á información, solicitando que lles explicasen aos pais e a min porque se derivaba un neno a Ourense que en Verín considerabamos que estaba perfectamente san", argumenta Castrillo, que critica a "dobre vara de medir" da Xunta. "Os mesmos que promoveron a sanción, días antes, diante dun auditorio, defendían o peche do paridoiro argumentando que os profesionais do hospital comarcal perdéramos pericia... E iso non se considerou nunca grave desconsideración", explica. 

"É unha vinganza por ter sido un estorbo para os plans que tiñan algúns dirixentes do Sergas", di o xinecólogo

Malia que finalmente foi unha sanción mínima, xa que había a posibilidade dunha suspensión de funcións de ata dous anos ou o traslado forzoso durante un máximo de 24 meses a outra localidade, Castrillo sempre considerou "inexplicable" que o Sergas "cualificase como falta grave o acontecido", sobre todo, dicía, tendo en conta as declaracións e o relato dos feitos que acompañaban o expediente.

Ademais, Castrillo sempre cualificou o expediente aberto como algo "inxusto" e unha "chafullada", pero "sobre todo unha vinganza por ter sido un estorbo para os plans que tiñan algúns dirixentes do Sergas", advertira quen xa denunciara o que consideraba represalias pola súa oposición ao peche do paridoiro, que permaneceu finalmente aberto logo da intensa mobilización cidadá e política --mesmo de cargos e alcaldes do PP-- contra a decisión da Xunta. "Se ben a discusión [entre a pediatra chegada de Ourense e o xinecólogo de Verín] non é xustificable, si que se pode chegar a 'explicar' ante a situación de conflito dos profesionais que traballaban no hospital", dicía o documento, que advertía do "conflito" entre o persoal do hospital comarcal e o do CHUO logo de que este último asinase a prol do peche do paridoiro.

Mobilización ante o hospital de Verín contra o expediente contra o doutor Castrillo CC-BY-SA PSdeG

Críticas de BNG e PSdeG

Coñecida a sanción, o BNG lamentou a "vinganza" contra o doutor Castrillo e advertiu de que o expediente "non vai amordazar a loita por unah sanidade pública digna e próxima". A deputada Noa Presas cualificou de "escandalosa" a conclusión de sanción e pedirá explicacións no Parlamento do que "parece unha mensaxe para amedrentar ante a contestación social que ten a deterioración da sanidade nos hospitais e centros comarcais ao longo do país".

Desde o PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, denunciou as "impresentables represalias de Feijóo" contra o xinecólogo "que defendeu o paridoiro de Verín". O líder dos socialistas galegos asegura que a sanción "é unha frasa que demostra o peor da política de desquite e o abuso de poder por parte do PP". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.