O fío que une o peche do paridoiro de Verín coa sanción ao seu xinecólogo: o Sergas asume que o "conflito" creado "pode explicar" o expediente

Mobilización contra o expediente ao xinecólogo Javier Castrillo, no hospital de Verín © Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei

O Sergas propón sancionar por unha "falta grave" o xinecólogo que liderou a loita contra o peche do paridoiro en Verín

O Sergas propuxo sancionar por unha "falta grave" o xefe de servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín. A instrutora do expediente disciplinario aberto a Javier Castrillo, referente da mobilización contra o peche do paridoiro no hospital comarcal, instou a Consellería de Sanidade a sancionalo con dous días de suspensión de funcións tras a discrepancia que o 1 de decembro de 2019, o mesmo día no que a Xunta pechou a sala de partos, mantivo cunha compañeira pediatra ao discutir o traslado a Ourense dun neonato. 

Castrillo insiste en considerar a apertura de expediente e a proposta de sanción "unha vinganza" por ter sido "un estorbo para os plans de peche" do paridoiro que a xefatura da área de sanitaria de Ourense tiña en Verín e que foron cancelados tras a importante mobilización social. Ademais, advirte de que na recolida de información feita pola Inspección sanitaria "ninguén apoia a versión" da denunciante. 

Extracto da proposta de resolución do expediente disciplinario ao doutor Castrillo CC-BY-SA Praza Pública

O relato dos feitos que recolle a proposta de resolución do expediente disciplinario, á que tivo acceso Praza.gal, apunta a unha clara discrepancia entre Castrillo e a pediatra enviada desde o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), ademais de advertir por parte de todas as persoas declarantes do influxo que na situación tivo o "mal ambiente" e a "tensión" creada polo peche do paridoiro impulsado pola Xunta. 

A instrutora do expediente asume que o "mal ambiente" e as "suspicacias" creadas polo peche influíron e supoñen un "atenuante" para a sanción de Castrillo

Mesmo a instrutora do expediente advirte do "mal ambiente existente" e a "suspicacia entre o persoal de Verín e o de Ourense" creado polo peche do paridoiro --confirmado aquel mesmo día-- e que supuxo un "atenuante" aínda que "non un eximente" para a sanción de Castrillo. E chega a asegurar que a discusión entre o xinecólogo e a pediatra do CHUO "se ben non é xustificable", si que "se pode chegar a 'explicar' ante a situación de conflito que estaban vivindo os profesionais que traballaban no hospital nese momento"

A instrutora critica que enfermería, matrona e xinecólogo cuestionaran a decisión da pediatra sen ter competencias para facelo pero volve advertir de que "existía unha situación de conflito nese momento co peche do paridoiro de Verín que podería aumentar as susceptibilidade entre os profesionais deste hospital". 

"Se ben a discusión non é xustificable, si que se pode chegar a 'explicar' ante a situación de conflito dos profesionais que traballaban no hospital", di a instrutora

A Inspección e as diferentes testemuñas aluden ás "suspicacias" e ao enfrontamento existente entre os profesionais de Verín e os dos servizos de Xinecoloxía e Pediatría do CHUO, logo de que estes últimos apoiasen o argumento esgrimido pola Xunta para clausurar a atención aos parto: a suposta falta de pericia do persoal do hospital comarcal. 

A matrona presente aquel día, nunha das súas declaracións, insiste en que naquel momento "o ambiente non era bo polo tema do peche do servizo sen protocolos nin regulación". "Castrillo, como xefe dun servizo que pecharan da noite á mañá sen previo aviso, estaba enfadado", asume. 

Mobilización no CHUO contra o peche do paridoiro de Verín © MMM Galiza

"Había tensión polo tema do peche do paridoiro; esa mesma profesional asinara un escrito a favor do peche cuestionando a validez dos profesionais, entre eles eu", di tamén Castrillo na instrución. 

Porque naquel outono de 2019, e mentres a mobilización contra o peche do paridoiro medraba, uns 40 facultativos dos servizos de Pediatría e Obstetricia e Xinecoloxía de Ourense –todos menos os que non estaban traballando– asinaron un escrito apoiando a decisión do Sergas e asumindo as súas acusacións aos profesionais de Verín. Entre eles, a denunciante que, na primeira declaración, asegurara que impulsou o expediente ao doutor Castrillo "non por iniciativa propia" senón por ordes do seu xefe do servizo e da xerencia da área sanitaria. 

A Inspección tamén advirte do conflito entre o persoal de Verín e o de Ourense logo de que este último asinase a prol do peche do paridoiro

Esa declaración, feita ás poucas semanas da discusión, foi ratificada case un ano despois pola pediatra ante a instrutora e logo de que Feijóo a responsabilizase de ser a impulsora do expediente disciplinario. Só uns días despois de facerse público que a profesional decargaba a responsabilidade no Sergas, mudouna para "puntualizar" que en realidade redactara o escrito "voluntariamente e con coñecemento da súa repercusión". "Tanto a iniciativa inicial como o proceder final é baixo a miña decisión", corrixe respecto do seu primeiro testemuño. 

Ademais, a proposta de resolución tamén se advirte da modificación da historia clínica do neonato sobre o que se discutía a necesidade ou non de traslado a Ourense. A pediatra, segundo o documento, fixo unha anotación posterior aproximadamente dúas horas despois da primeira, polo que a instrutora intentou coñecer que anotara nos sistemas informáticos na primeira versión. Non foi posible. Ante as súas demandas, desde o servizo de informática do Sergas avisaron de que non se puido porque "a nota orixinal sufiru unha modificación/versión e non é accesible". "A versión indica que foi modificada unha vez", aclara. 

A pediatra, que asegurara que impulsou o expediente por ordes do Sergas, mudou a versión e di que presentou o escrito "voluntariamente" e por inciativa propia

O relato que describe a proposta de resolución advirte dunha discusión. A pediatra enviada desde Ourense a Verín decide optar polo traslado do neonato ante a súa situación clínica e en aplicación dos protocolos específicos do hospital comarcal pola ausencia dos medios requiridos polos seus profesionais. Enfermeira, matrona e o xinecólogo Castrillo discuten a decisión. 

A pediatra denunciante define unha "situación violenta" e declarou sentirse "humillada e impotente" ante unha actitude que considerou "despectiva" e de ton "agresivo", aínda que "sen erguer a voz" por parte do xinecólogo de Verín. A supervisora e unha matrona, testemuñas, negaron que houbese actitudes "violentas". "Non era un problema persoal, foron os actores dun enfrontamento que mantiñan os xestores de saúde cos profesionais e a poboación", explicou unha delas. 

Mobilización ante o hospital de Verín contra o expediente contra o doutor Castrillo CC-BY-SA PSdeG

"Despectivo, non. Son dous profesionais discutindo, con dous puntos de vista distintos, sobre unha cuestión. Non lembro ningún tipo de frase fóra de ton", insisten as testemuñas. 

"O ambiente polo peche tamén influía"

A propia denunciante asume que "o ambiente que había debido ao peche do paridoiro tamén influía" e recoñece que o doutor Castrillo pediulle "perdón a posteriori", algo que para a instrutora é un dos atenuantes da gravidade dos feitos xunto coa "constatación de que o neonato estivese en todo momento asintomático e que o atraso no seu traslado non supuxese ningún tipo de incidencia na súa saúde", ademais de que "logo de aquel incidente puntual existise unha colaboración tanto por parte dos pais como do doutor Castrillo para que se realizase o traslado ao CHUO". 

"Non era un problema persoal, foron os actores dun enfrontamento que mantiñan os xestores de saúde cos profesionais e a poboación"

Con todo, propoñe que se declare o doutor Castrillo "autor dunha falta grave" por "grave desconsideración cos superiores, compañeiros, subordinados ou usuarios", e que se lle impolña a sanción de "dous dís de suspensión de funcións". 

O xinecólogo, en declaracións a Praza.gal, considera "inexplicable" que o Sergas siga "cualificando como falta grave o acontecido" e xa anuncia que alegará e que, no caso de que se confirme a sanción, acudirá aos tribunais. "Porque non é xusto e porque non teño por que ter antecedentes deste tipo no meu expediente", di. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.