O proxecto de Orzamentos Xerais da Xunta para 2022 dedica 4.379,6 millóns de euros a sanidade, a que cada ano é a máis cuantiosa. É apenas un 0,03 máis que en 2021, o que supón manter esta partida practicamente plana nos seus maiores niveis -sen ter en conta variables como a inflación-. Nese mesmo exercicio, as contas do Servizo Galego de Saúde (que non manexa unicamente fondos da partida sanitaria, senón tamén doutras como investigación) están dotadas iniciamente con 4.494,9 millóns de euros, un 0,2% máis que nos orzamentos aprobados para 2021.
Máis alá de que, ano tras ano -como veñen amosando as sucesivas modificacións orzamentarias e constatando regularmente o Consello de Contas- a Xunta teña que inxectar fondos adicionais no Sergas ao longo do exercicio para cadrar as contas de áreas como persoal ou gasto farmacéutico, os detalles dos fondos sanitarios proxectados polo Goberno para 2022 amosan detalles significativos nas súas dúas principais partidas: atención hospitalaria (ata 2013, denominada "especializada") e atención primaria.
Mentres que a hospitalaria aumenta un 0,5% a respecto das contas de 2021 (na liña do incremento global do total dos Orzamentos Xerais), ata os 2.970,9 millóns, a primaria retrocede un 0,2% ao estar dotada inicialmente con dous millóns menos que o ano pasado: de 1.391 a 1.389 millóns de euros. Finaliza deste xeito media década de subas nunha partida que, así e todo, dende que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta aínda non chegou a igualar a asignación das derradeiras contas do Goberno de coalición PSdeG-BNG, que en 2009 consignara 1.436,8 millóns para atención primaria do Sergas.
O plan que financia equipamento, mobiliario e reformas en centros de saúde pasa de 27,4 millóns en 2021 a 7,6 millóns en 2022 e é determinante na diminución global do orzamento de atención primaria. A Xunta incrementárao nos últimos anos tras practicamente eliminalo na década pasada
Nun contexto no que persoal e pacientes da atención primaria veñen retomando as protestas en diferentes puntos do país entre advertencias de "saturación" agravada por case dous anos de pandemia, as razóns desta diminución atópanse, fundamentalmente, na redución da dotación do denominado "plan de necesidades" de atención primaria nos Orzamentos Xerais de 2022. Trátase da partida que cobre equipamento, mobiliario e dotacións informáticas, así como as pequenas reformas en centros de saúde.
Este plan de necesidades fora perdendo peso entre 2011 e 2016, ata practicamente desaparecer, como dera en admitir o pasado 2019 o ex-conselleiro Jesús Vázquez Almuíña. Nos anos seguintes e entre protestas crecentes, o Goberno galego foi aumentando a súa dotación e o pasado 2021 chegou a contar con 27,4 millóns de euros. Tras tocar teito, para 2022 o Sergas prevé destinar a este plan de necesidades uns 7,6 millóns de euros.
É unha cantidade notablemente máis elevada que en exercicios anteriores (de 2013 a 2019 non chegou ao millón anual), pero esa perda de case 20 millóns de euros, por riba do 70%, provoca un descenso no orzamento global da atención primaria, xa que non é compensado por outras partidas que si ascenden, tales como algúns gastos de persoal ou a partida de construción de centros (gaña un millón, ata 24,9). O Goberno galego, pola súa banda, vén poñendo o foco en que nos últimos anos renovou ou construíu múltiples novos centros de saúde.
As obras, clave no incremento de fondos na partida de hospitais
A construción e equipamento de centros foi, precisamente, clave no notable incremento no orzamento de atención hospitalaria entre 2020 e 2021, cando se situou por riba dos 2.900 millóns de euros, nivel que conserva e mesmo aumenta un chisco cara a 2022, roldando os 2.971.
As subas dos fondos para construcións, ampliacións e equipamentos de hospitais, con importantes inxeccións de cartos da UE, son esenciais no mantemento da partida de atención hospitalaria no seu nivel máis alto
Así, por exemplo, nos Orzamentos que a Xunta deseñou para o ano 2020, o Sergas tiña asignados dentro da súa partida de atención hospitalaria un total de 90,4 millóns para conceptos como construcións de centros, ampliacións e melloras e mais equipamentos. Esta partida pasou a ser en 2021 de 206 millóns de euros e en 2022 ten asignados 239,5 millóns de euros.
Deses fondos de atención hospitalaria saen dende 37,7 millóns de euros para atender un novo prazo do pagamento adiado do novo hospital de Vigo, 12,5 millóns para o plan director do Arquitecto Marcide de Ferrol, 35 millóns para a ampliación do hospital Montecelo de Pontevedra, 25 millóns para equipamentos de bloques cirúrxicos (14 deles, de fondos europeos) ou case 62 millóns de euros para equipos de alta tecnoloxía financiados con fondos europeos de recuperación tras a COVID.