Protestas en Marín, Vigo ou A Coruña alertan dunha atención primaria "ao borde do colapso"

Concentración en defensa do Centro de Saúde do Seixo, en Marín © Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

A situación da atención primaria tense convertido nun dos principais asuntos de protesta social este verán en Galicia. Dende a comarca de Vigo á da Coruña, en Ponteareas, en Marín, Ribadeo ou Castro de Rei, cada semana reprodúcense as noticias e as denuncias sobre as prazas non cubertas, os atrasos nas concesións de citas ou a saturación dos distintos equipos e servizos. Os sindicatos e colectivos como SOS Sanidade Pública levan meses denunciando a situación, provocada pola "falta de persoal e anos de recortes e desinvestimento"

Este xoves, en Vigo, CIG-Saúde alertou en rolda de prensa de que a Atención Primaria na Área Sanitaria "está ao borde do colapso", describindo como a "maioría" dos centros de saúde contan con menos do 50% do seu persoal médico

Este xoves, en Vigo, CIG-Saúde alertou en rolda de prensa de que a Atención Primaria na Área Sanitaria "está ao borde do colapso", describindo como a "maioría" dos centros de saúde contan con menos do 50% do seu persoal médico e sinalando ademais "demoras nas listas de agarda de máis de 15 días de media", esperas que chegan a superar, en determinados centros, "máis de un mes", con profesionais que mesmo chegan a sufrir "ataques de ansiedade".

CIG-Saúde detallou os peches puntuais -a pasada semana- dos centros de saúde de Oia e Pazos, aos que se lles sumou estes días Covelo. Ou a situación, por exemplo, en Pediatría do centro de saúde de Coia onde a atención concentrouse na mañá o que, sumado a que coa pandemia se centralizou a atención pediátrica nas cabeceiras de comarca, "empeorou a capacidade de atención".

Encontro do BNG con doentes a carón do centro de especialidades do Ventorrillo © BNG

CIG-Saúde denuncia que “non se substitúen as vacacións e baixas e hai centros nos que o resto do persoal leva absorbendo esta atención a maiores desde vai meses”

As representantes de CIG-Saúde atribuíron esta situación á falta de persoal porque “non se substitúen as vacacións e baixas e hai centros nos que o resto do persoal leva absorbendo esta atención a maiores desde vai meses”. O sindicato demanda do SERGAS "atraer as profesionais que marcharon procurando unhas condicións dignas", coa contratación estable do persoal necesario para "normalizar" a actividade nos centros "que pasa por convocatorias de OPE ambiciosas que cubran estas necesidades estruturais e que se reforce a estrutura de xestión de Atención Primaria".

O vindeiro martes 17 está convocada unha concentración no Centro de Saúde de Coia, en denuncia do "deterioro da atención primaria provocada pola mala xestión da consellaría de Sanidade, que fai que a situación das profesionais sexa de total desesperación".

 

Denuncias tamén na Coruña, Ponteareas, Ribadeo ou Castro de Rei

Este venres na Coruña o BNG mantivo un encontro aberto con doentes nas inmediacións do centro de especialidades do Ventorrillo, denunciando "esperas de 3 anos para ser atendido por un especialista"

A situación reprodúcese, de xeito semellante noutras comarcas. Este mesmo venres na Coruña o BNG mantivo un encontro aberto con doentes do SERGAS nas inmediacións do centro de especialidades do Ventorrillo, denunciando "esperas de 3 anos para ser atendido por un especialista" ou "avaliacións por teléfono da evolución dunha esclerose dexenerativa".

Ao pé do centro de especialidades do Ventorrillo, o voceiro do BNG na cidade herculina, Francisco Jorquera, denunciou que "A Coruña e a súa área sanitaria sofren listas de agarda inasumíbeis para un sistema sanitario que quere ser universal e de calidade", subliñando que "o sistema sanitario galego non funciona, e cando o fai, faino en grande medida pola profesionalidade dos seus profesionais".

Tamén Ponteareas acolleu mobilizacións, este mércores, en protesta polo "desmantelamento" do servizo de atención primaria na localidade, denunciando a eliminación das consultas da tarde no centro de saúde, un asunto que o BNG anunciou que levaría ao Parlamento a través da presentación dunha serie de iniciativas. O Bloque denuncia que “por falta de persoal, a partir do día 15 a Xunta elimina consultas de Atención primaria na quenda de tarde, atendendo só as urxencias ou excepcións. Deste xeito, as pacientes con citas xa asignadas para as tardes vense obrigadas a desviar as súas citas á quenda de mañá ou a atrasalas cando menos por un mes”.

Tamén Ponteareas acolleu mobilizacións, este mércores, en protesta polo "desmantelamento" do servizo de atención primaria na localidade, denunciando a eliminación das consultas da tarde no centro de saúde

As protestas chegan tamén do PSdeG-PSOE, que a través do seu líder, Gonzalo Caballero, denunciou que a Xunta "ten á sanidade galega metida na UCI con listas de espera inasumibles”. Caballero afirmou que "no eido sanitario existe unha situación gravísima con 600 camas menos este verán", con comarcas e vilas de Galicia "nas que hai que esperar 26 días, como en Carballo, ou 20 días, en Tui". "Son cifras que demostran que son as políticas do PP as que están atacando duramente á sanidade pública, o que tamén é un ataque a todos os galegos e galegas”, dixo o líder dos socialistas galegos.

Concentración en defensa do Centro de Saúde do Seixo, en Marín, este xoves © Plataforma pola defensa do Centro de Saúde de Seixo

Nova protesta en Marín en defensa do Centro de Saúde do Seixo

Dende o comezo do verán a veciñanza de Marín, especialmente a das parroquias do Seixo, O Campo, Santomé ou Ardán, ás que dá servizo o Centro de Saúde do Seixo. Este xoves unha nova concentración fronte á Casa do Concello, coincidindo coa celebración do pleno municipal, volveu alertar da "grave situación" do consultorio, que sofre notables eivas de persoal.

Este xoves unha nova concentración fronte á Casa do Concello de Marín volveu alertar da "grave situación" do consultorio, que sofre notables eivas de persoal

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias, denuncia que "se están dando citas para setembro para cousas tan básicas como receitas". "Temos que presionar para que haxa contratación de persoal no Centro de Saúde de Seixo e tamén en Marín”, sinala a entidade, que critica que “a directora asistencial que substitúe ao xerente non queira reunirse con nós antes dos recortes do 15 de agosto” e que o goberno municipal e a Alcaldesa de Marín “sigan sen apoiar a veciñanza, que deixen o despacho e as fotos e se poñan a facer presión á Xunta”

"Neste momento só temos un facultativo no Centro do Seixo, que se fai cargo dos dous cupos como pode. As persoas do seu cupo agardan de 2 a 4 días pero os do outro, dende comezos de agosto xa os están citando para setembro, porque a partir do 15 de agosto só haberá catro horas de médico para un cupo e máis de 1000 persoas quedarán sen nada. Isto é intolerable", di a Plataforma, que engade que “en Marín a cousa non está mellor. Calquera pode mirar as longas colas para pedir unha cita e tampouco están contratando o persoal necesario para o funcionamento normal do Centro, nunha vila de case 25.000 habitantes".

"A partir do 15 de agosto só haberá catro horas de médico para un cupo e máis de 1000 persoas quedarán sen nada. Isto é intolerable", di a Plataforma

A plataforma celebrou a masiva participación na concentración convocada, a pesar de estar en pleno mes de agosto. Na protesta puideron escoitarse -ou lerse en distintas faixas- lemas e mensaxes como “Ramallo escoita o pobo está en loita”, “sanidade, pública e de calidade”, “non aos recortes no Centro de Saúde” “os do rural, tamén temos dereitos”,  “queremos pediatra en Seixo” ou “Eu quero centro de Saúde en Seixo”. A concentración estivo presidida pola pancarta “pola defensa do Centro de Saúde de Seixo, contra os recortes e privatizacións da sanidade pública”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.