Vivenda e enerxía encabezan as subas no orzamento da Xunta para 2022 polo impulso dos fondos estatais e da UE

Feijóo observa o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tras a aprobación dos Orzamentos de 2022 no Consello da Xunta CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

No vindeiro ano 2022 a Xunta manexará un orzamento de gastos de 11.627 millóns, un 0,56% máis que o deste ano. Incluíndo a débeda e outros gastos financeiros, os recursos dos que disporá o Goberno galego son duns 12.777 millóns de euros, case un 3% menos que nas contas públicas definitivas de 2021, segundo o proxecto de Orzamentos Xerais que o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou este 20 de outubro ao Parlamento.

Os fondos de vivenda medran un 28% sobre o previsto para 2021 polo impulso das achegas do Estado e da UE e, así e todo, seguen case un 50% por baixo das derradeiras contas do Goberno de coalición PSdeG-BNG

Alén da distribución por consellerías, a partida orzamentaria que en termos porcentuais aumenta máis os seus fondos para 2022 é a de Vivenda. Son 109,8 millóns de euros, un 28% máis do previsto inicialmente en 2021 e, así e todo, case un 50% menos que nos últimos orzamentos consolidados do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, en 2009. 

O incremento débese, en boa medida, a que o programa de fomento da rehabilitación de vivendas pasa de 73,9 a 90,2 millóns de euros e o de acceso á vivenda, de 11 a 19. Eses fondos son xestionados polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e inclúen 22 millóns de euros en transferencias finalistas do Estado e outros 25 dos fondos europeos de recuperación. En 2020 -último con datos pechados-, o IGVS deixou sen gastar 19,5 millóns de euros, case a quinta parte do seu orzamento.

O impulso das achegas externas fai que os fondos que o Instituto Enerxético de Galicia recibe da Vicepresidencia Segunda pasen de 36 a 50 millóns

Como amosa a táboa interactiva sobre estas liñas, a segunda partida dos Orzamentos Xerais de 2022 que máis se incrementa porcentualmente a respecto de 2021é a de industria, enerxía e minas. Dentro dela, a suba concéntrase sobre todo nos fondos destinados ao fomento da eficiencia enerxética e as enerxías renovables, que pasa de 41 a 58 millóns de euros. 

Dentro desta partida, o incremento conflúe nas transferencias ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega), que en 2021 recibiu da Vicepresidencia Segunda 36,6 millóns de euros e para 2022 ten asignados algo máis de 50. A causa, como no IGVS, atópase tamén nunha inxección estatal de 3,5 millóns que non existía en 2021 e, sobre todo, en fondos europeos de recuperación por importe de 24,5 millóns de euros. De feito, a partida máis relevante de fondos propios da Xunta que chegan ao Inega diminúe e onde en 2021 había 21,7 millóns en transferencias de capital (para investir), en 2022 haberá apenas 11.

Como cada ano, sanidade é a partida máis cuantiosa do orzamento e o seu incremento interanual é de apenas un 0,03%. Tras ela vólvese situar educación, cun 2,4% máis. A continuación segue o pago da débeda malia caer un 20%

Por tras destas partidas destaca tamén o incremento dos fondos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), que se concentran sobre todo na Vicepresidencia Segunda -con competencias en Economía e Industria- (126 millóns de euros) e mais na de Educación (78,9). Neste punto son tamén clave os incrementos das achegas comunitarias. Así, por exemplo, as transferencias de capital que ten consignadas a Axencia Galega de Innovación para 2022 pasan de 115 a 139 millóns de euros e nelas, os fondos propios da Xunta aumentan en 7 millóns (de 44 a 51) mentres que a inxección procedente da UE aumenta en máis de 20.

No capítulo dos incrementos figuran tamén as dúas partidas que, como cada ano, absorben máis recursos públicos, sanidade e educación, pero con avances moito máis discretos. Os fondos sanitarios serán uns 4.380 millóns de euros, apenas un 0,03% máis do consignado nos orzamentos definitivos de 2021 (ao longo do ano, como vén sendo habitual, ese montante foi aumentando pola vía das modificacións orzamentarios. Educación, pola súa banda, avanza un 2,4%, ata os 2.684 millóns. En ambos casos, son totais superiores aos do ano 2009.

Tras Sanidade e Educación, a terceira partida máis cuantiosa volve ser a dedicada ao pagamento da débeda pública. Son algo máis de 1.300 millóns de euros que, así e todo, supoñen un 20% menos do previsto para 2021. Supoñen tamén un 237% máis que nos derradeiros orzamentos do Goberno de coalición.

Menos fondos en desenvolvemento empresarial e lingua

Fronte ás devanditas subas, na banda contraria están as partidas que en 2022 contarán con menos fondos asignados que nos Orzamentos Xerais aprobados para 2021. A partida que máis perde en termos porcentuais é a de actividades financeiras, cunha caída de case o 70% ata quedar nos 76 millóns. Trátase, non obstante, dun apartado do orzamento que é especialmente flutuante entre anos, porque inclúe gastos de diversas consellerías e a partida de gastos imprevistos, especialmente avultada en 2021 a causa da pandemia.

As principais caídas porcentuais rexístranse na partida que inclúe o fondo para imprevistos e nos fondos de desenvolvemento empresarial xestionados polo Igape 

Fóra desta partida, entre as ordinarias a que máis fondos perde en 2022 a respecto do ano anterior é a de desenvolvemento empresarial, dependente da Vicepresidencia Segunda, cuxos 146 millóns de euros supoñen case un 50% menos que en 2021. Boa parte da caída atópase nos fondos dedicados ao "apoio á modernización, internacionalización e mellora da competitividade das empresas", que en 2021 sumaban 261 millóns de euros e en 2022 son 124 millóns. Trátase dunha partida xestionada case integramente polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que neste 2022 verá reducidos os seus fondos para conceptos como avais ou apoios ás empresas, entre outros, que en boa medida se viran incrementados pola pandemia da COVID.

Tras medrar en 2021 por incluír os fondos para "reactivación cultural" pola pandemia, a partida de normalización lingüística perde un 22% nos Orzamentos de 2022

A pandemia tamén está relacionada coa segunda partida ordinaria do orzamento que máis caerá porcentualmente en 2022, a dedicada á normalización da lingua galega. No ano 2021, este apartado do orzamento foi dos que máis medrou (de 8,5 millóns a máis de 13) porque a Xunta incluíra nel a partida "reactivación cultural e dinamización lingua galega", que financiou proxectos como O teu Xacobeo e outras accións que o Goberno galego presentou como compensacións pola parálise no sector cultural a causa da COVID. 

En 2022 esa partida desaparece e outras ligadas á normalización lingüística diminúen, aínda que en menor medida (a dotación das campañas a prol do uso do galego pasa de 2 millóns a algo máis de millón e medio, por exemplo) e por iso o total do programa de fomento da lingua galega perde algo máis dun 20%. En caídas porcentuais semellantes sitúanse -sempre tomando como referencia os orzamentos definitivos de 2021, as partidas de comercio e a devandita da débeda pública.

Incremento dos fondos europeos e estatais e de ingresos por impostos e taxas

Estes e os demais gastos e investimentos previstos nos Orzamentos Xerais da Xunta para 2022 baséanse nunhas previsións de ingresos nas que, alén de partidas con peso relativamente escaso, os maiores incrementos se atopan nas chegadas de fondos europeos e tamén en maiores previsións de ingresos por varios impostos. O cadro baixo estas liñas resume as previsións de ingresos plasmadas por Facenda nas contas que vén de comezar a tramitar. 

Neste eido, e malia ás previsións de máis ingresos, a Consellería de Facenda subliña que "a nova rebaixa da tarifa autonómica do IRPF" incluída nestas contas beneficia a "máis do 90%" da poboación con medidas como "rebaixar os tipos en todos os tramos inferiores a 60.000 euros". O novo conselleiro, Miguel Corgos, asegura que, a xuízo do Goberno, o groso dos "beneficios fiscais" teñen "carácter social".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.