Como aconteceu hai un ano, como pasa acotío cando chega o verán ou mesmo durante masivas probas de oposición, o Sergas vese obrigado a denegar permisos para poder cubrir as quendas. Desta vez, de cara ao Nadal. O aumento da carga de traballo pola COVID, a campaña de vacinación ou a marcha de profesionais á privada ou a outras comunidades en busca de estabilidade e mellores condicións afonda na escaseza estrutural de persoal, sobre todo en enfermería.
Varias áreas sanitarias están xa sen persoal do que tirar nas listas de contratación e o Sergas vese obrigado a denegar permisos para cubrir as quendas no Nadal
En varias áreas sanitarias de Galicia están xa sen profesionais das que tirar nas listas de contratación, o que obriga ás xerencias a prohibir coller días libres de cara ás festas e a negar os descansos requiridos ou mesmo xa aceptados. En moitos casos, as opcións de gozar da libranza solicitada pasa porque o traballo sexa cuberto entre compañeiros a costa de ampliar xornadas ou dobrar quendas.
A denuncia parte dos propios profesionais e de sindicatos que coinciden en sinalar, "unha vez máis", outra das graves consecuencias "de anos de precarización e de condicións laborais pésimas e inestables no Sergas". Todo malia que a Xunta presumiu de renovar a maioría de contratos de emerxencia pola COVID, aínda que foron o 60% e case todos por tres meses.
"É unha situación habitual que se agrava de cara ao Nadal; denéganche días libres soltos e tamén está a ocorrer coas vacacións que moitos tiñan previstas para as festas porque non hai xente nas listas... A reflexión que deberían facer é por que non a hai", explica a Praza.gal unha enfermeira da área sanitaria de Lugo afectada pola suspensión de permisos.
Sindicatos e profesionais aseguran que a falta de persoal débese a "anos de precarización e de condicións laborais pésimas e inestables no Sergas"
O sindicato de enfermería Satse cifra en máis do 30% o persoal eventual que se atopa en suspensión de chamamentos, ben sexa por conciliación ou por ter un contrato na sanidade privada ou noutra comunidade autónoma. E advirte de que as pegas para solicitalo son cada vez máis por parte do Sergas.
"Como vas estar pendente do teléfono para que te chamen para ir traballar un só día? Como non van marchar moitas, por exemplo a Cantabria, se alí che ofrecen un ano de contrato? Como non van apostar outras pola privada se polo menos poden organizar algo a súa vida?", pregúntase esta profesional, que advirte do problema engadido no Nadal e as datas sinaladas, por cuestións obvias.
"É a historia de sempre, agravada pola COVID", asegura Malules Carbajo, secretaria autonómica de Satse en Galicia. "Ante a falta de persoal, suspenden os días de libre disposición e mesmo vacacións pendentes, ofrecendo pagarchas cando o persoal, maioritariamente, quere descansar despois de tantos meses de presión e loita contra a pandemia", explica.
Desde CIG-Saúde reclamaron xa unha reunión urxente co Sergas para amañar unha situación "xeneralizada" de denegación de descansos e un problema "que vén de lonxe e ao que Sanidade non dá posto solución". Unha das alternativas, aínda que non a desexada, é que persoal que está disposto faga algunha xornada máis para que así compañeiras poidan desfrutar dos días libres que agora se lles negan. A cambio, e dependendo da xerencia, un día libre por cada xornada extra ou o pagamento das horas.
Satse cifra en máis do 30% o persoal eventual de enfermería en suspensión de chamamentos, moitos deles porque marchan a outro territorio ou á privada
"Pero esas horas a maiores están tan mal pagadas que nin tan sequera é viable... Noutros casos, nin sequera se ofrece esta opción por non ter que abonalas", explica María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que denuncia a "política de custo cero coa que o Sergas intenta arranxar os problemas". "O criterio economicista e de aforro é a clave de todo", insiste, tras denunciar tamén que hai profesionais con días pendentes de 2020 e deste mesmo ano.
"Nalgunhas áreas sanitarias están ofrecendo liquidar e abonar as vacacións en lugar de desfrutalas porque non hai datas onde colocalas ante a falta de persoal", engade quen alerta tamén da denuncia de profesionais que aseguran que permisos solicitados desaparecen xa do rexistro oficial do Sergas: "O que non consta é como se non existise".
Un problema que vén de lonxe
"Non somos partidarios de que os días se cubran con persoal que aumenta a súa xornada sempre que haxa xente nas listas, pero se non a hai, hai que tomar medidas", conta Abuín. "O problema é que o Sergas non quere pagar máis", di.
"A COVID e a vacinación incrementan o traballo, pero o problema é de antes e non se deu solucionado"
No caso de que o persoal fixo si poida alongar a súa xornada ou dobre quenda ante a falta de enfermeiras nas listas de contratación, o problema volve agromar: acumulan días libres pendentes que non dan collido porque non hai quen os substitúa. E o ofrecemento maioritario das direccións de Recursos Humanos é pagárllelos en lugar de gozar deles. "Todo en época de pandemia e cos profesionais máis necesitados de descanso que nunca", relata un sanitario.
"A COVID e a vacinación incrementa o traballo, pero o problema é de antes e non se deu solucionado. No Sergas non poden esperar que a xente perda outra oportunidade laboral ou un día sinalado do Nadla por un contrato dun día", explica a enfermeira da área de Lugo.
"É certo que o persoal é o que é, pero se non hai máis é polas políticas de precarización que a Xunta levou a cabo na última década; hai máis xubilacións que non se dan cuberto mentres o persoal marcha en busca de mellores condicións", conclúe Abuín.