"O Plan de Continxencia é unha farsa para maquillar a falta de profesionais", di Eventuais en Loita
"Plan de pantomima". Así cualifica o colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita o Plan de Continxencia COVID de Recursos Humanos polo que a Xunta contratara 1.200 profesionais sanitarios de emerxencia pola pandemia. Menos dun mes despois de que Feijóo asegurase que o obxectivo da Xunta era manter o 80% deste persoal tras a fin da emerxencia sanitaria, o Sergas confirmou que será finalmente sobre o 60% o que se manteña (738) e a maioría cun contrato de só tres meses. 462 profesionais non renovaron; practicamente a metade do total incorporado en xaneiro, 623, farano cun vínculo temporal que non superará o mes de marzo.
"É prorrogar a precariedade mentres se fai propaganda", denuncian desde un colectivo que mobiliza milleiros de enfermeiras eventuais do total de 11.000 das listas do Sergas e que advirte agora dunha situación "que non só non mellora senón que vai a peor". "O Plan de Continxencia é unha farsa para maquillar a falta de profesionais", din sobre unhas contratacións que "o único que fan é tapar a falta de persoal que hai diariamente". "Non son empregados para cubrir novas necesidades derivadas da COVID, senón necesidades diarias que levamos anos denunciando".
Moito tempo. Aínda o pasado xullo, a enfermaría eventual clamou ante un sistema de contratación "insostible" e ante a escaseza de profesionais. Xa no inicio da pandemia, advertían dunha precariedade "agravada" polo impacto da COVID.
"Falta persoal diariamente pero empregar este tipo de contratos non é máis que unha nova artimaña na gran campaña de márketing do señor presidente", din en referencia ás promesas de Núñez Feijóo. E aseguran que é "humillante" que contratos de seis a tres meses "se consideren estabilidade por parte do Sergas". "É admitir a precariedade nos coidados", insisten.
Só o 60% do persoal contratado de emerxencia pola COVID manterá o seu posto, a maioría para tres meses: "Outra artimaña da gran campaña de márketing"
A Consellería de Sanidade decidiu prorrogar por tres meses 284 profesionais de enfermería que finalizan o seu contrato entre o 30 de novembro e o 31 de decembro logo de seren incorporados ao Sergas ao abeiro do Plan de Continxencia en xaneiro. Ademais, prorrogará tamén seis meses 115 contratos de continuidade que rematan a final de ano. A efímera estabilidade -de 12 meses- vira agora en contratacións por un ou dous trimestres e tan só para unha parte do persoal. O resto volve aos contratos por días ou semanas, ás chamadas de última hora e á falta de previsión.
Eventuais en Loita advirte de que os profesionais máis novos prefiren a sanidade privada malia teren peores salarios por darlles maior estabilidade
"Véndese unha cousa e faise outra diferente; todo menos procurar un plan a medio ou longo prazo como levamos anos pedindo", comentan a Praza.gal desde Eventuais en Loita, que asegura que "xusto agora, con menor presión e a maioría da xente vacinada, é a oportunidade de abordar esa estabilización". "Xa non se ofrecen contratos nin de un ano e só se renova a unha parte, os primeiros na lista, mentres o persoal máis novo volve aos contratos por días ou semanas", explican. E aí, din, comeza a fuga de profesionais cara a outros territorios ou cara á privada.
"A maioria de xente que vén de rematar a carreira e empeza na profesión ten que resolver un dilema: ou na privada con soldos precarios pero estabilidade ou no Sergas con mellores salarios pero sen estabilidade nin seguridade; a maioría decántase polo primeiro", explica persoal de enfermería que insiste en que a falta de profesionais xa non afecta "só ao persoal eventual senón tamén ao fixo, porque se reduce a calidade asistencial e impacta nos coidados, ademais de afectar na saúde dos traballadores".
"Cada vez temos máis compañeiras de baixa por estrés e ansiedade", relatan, tras alertar das mobilizacións que nos últimos días se volven dar en varias áreas sanitarias en protesta pola escaseza de recursos humanos.
Sen renovar por enfermar de COVID
Alén disto, Eventuais en Loita pon sobre a mesa tamén casos que exemplifican os efectos da precariedade laboral nos profesionais, como o dunha enfermeira que traballou durante seis meses contratada de emerxenciapero que non foi renovada aos seis meses por "estar de baixa por COVID persistente". "Ese foi un caso pero hai moitos máis semellantes e as secuelas do coronavirus entre os profesionais con moito máis habituais do que se cre", engaden.
"Nós non podemos coidar se non se nos coida a nós, un persoal aplaudido e premiado pero á vez tratado por Feijóo cun desdén propio dun político de segunda división e cunha campaña de marketing excelente", asegura Eventuais en Loita, que insiste en que "na maioría de áreas do Sergas falta persoal".
"Non é ningún segredo, é a realidade que se recolle tras anos e anos de recortes en persoal e permitindo a fuga de profesionais que non son quen de aturar esta política de contratación", din desde un colectivo que se amosa decepcionado, unha vez máis, e que prepara xa novas mobilizacións, ademais de solicitar unha xuntanza co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e coa directora de Recursos Humanos do Sergas, Ana María Comesaña.
"Iamos saír mellores da pandemia e coido que nin a sociedade está saíndo mellor nin mioto menos o Sergas está mellorando o trato aos seus profesionais", remata un profesional.