A enfermería eventual volve clamar ante un sistema "insostible": "Non hai persoal suficiente, non podemos máis"

Mobilización do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita © Eventuais en Loita

Dobrando quendas ante a falta de persoal e a imposibilidade de subtituír os profesionais de vacacións, facendo sete traballadoras o labor de dez, acumulando meses sen descanso en pandemia, exercendo en varios centros de saúde no mesmo día ou buscando o seu futuro noutras comunidades autónomas con mellores condicións laborais. Esa é a realidade que insiste en denunciar a enfermaría da sanidade pública en Galicia, que volve lanzar unha voz de alarma ante unha situación "insostible". 

"O sistema de contratación do Sergas é insostible e non hai persoal suficiente na maioría das áreas", denuncia Eventuais en Loita

"Non podemos máis", aseguran. "Levamos anos denunciando a falta de enfermeiras, levamos anos denunciando a precariedade laboral a que estamos sometidas, levamos anos pedindo máis persoal para a sanidade pública, avisando de que este sistema de contratación é insostible", advirte o colectivo Eventuais en Loita, en representación dunha enfermaría eventual que en Galicia suma unhas 7.000 traballadoras e leva anos reclamando solucións á "precariedade". 

Profesional sanitaria nun hospital do Sergas durante a pandemia CC-BY-SA Sergas Ourense

Logo de ano e medio de pandemia, e tras denunciar "declaracións ofensivas" de diferentes cargos públicos, Eventuais en Loita advirten nun comunicado que levan "anos e décadas aturando precariedade laboral" e que a "vocación e o compañeirismo non implican permitir sumisión nin precarización nin antes nin durante a pandemia". 

"Unhas foxen a outras comunidades ou países e outras escollen a sanidade privada coa esperanza de ter unhas condicións de traballo máis dignas"

Ademais, denuncian que "a falta de enfermeiras para cubrir as necesidades, xa non só estivais senón asistencias, derivadas da propia pandemia é unha realidade". "Non hai persoal suficiente na maioría das áreas", advirten, asegurando que esta eiva non se debe a que as profesionais non queiran traballar, senón a que "non acceden á precarización laboral do Sergas". "Unhas foxen a outras comunidades ou países e outras escollen a sanidade privada coa esperanza de ter unhas condicións de traballo máis dignas", din, tras preguntarse "de que serven as medallas e premios" se no día a día non saben "nin cando hai que traballar". 

Eventuais en Loita insiste no persoal insuficiente e na acumulación de contratos "de días soltos, unha semana, quince días ou un mes". "Así desde hai máis dunha década", denuncian, tras alertar do "esgotamento mental" que sofren "grazas ao sistema de contratación da Xunta". 

"Estamos cansas de que se mostre cara á galería unha realidade ficticia dun sistema de sanidade pública que ten o 40% do persoal eventual. Recórtansenos en dereitos e os poucos que temos tamén os perdemos a cambio de continuar acumulando contratos sen descanso, repercutindo directamente na asistencia", lembran. 

Refírense á dura realidade que a enfermería eventual leva xa anos denunciando, poñendo datos e testemuños á súa situación. "11 anos, 557 contratos e 5 e medio cotizados", advertira unha das moitas profesionais que resumira o día a día de tantas. Porque mentres a Xunta presumía dunha estabilidade de ata o 90% do persoal, Eventuais en Loita tiraba de cifras oficiais ou de enquisas para situar en máis dun terzo a cantidade de traballadoras en situación de eventualidade ou no 44% a porcentaxe das que levan máis de dez anos nas listas de contratación

Unha enfermeira, nun centro hospitalario CC-BY-NC-ND Ariadna Creus e Àngel García (Banc d’Imatges Infermeres)

Ao tempo, din ser "as grandes olvidadas" nos cribados da COVID e nunha pandemia onde aseguran estar "sometidas a sobreesforzos que se converterán de novo nunproblema de déficit de persoal". 

"Desde marzo de 2020 dobrando quendas"

Porque coa chegada do coronavirus, a precariedade non só non desapareceu senón que se acentuou. Nos primeiros meses da pandemia, o Sergas decidiu non prorrogar contratos de enfermeiras así que caían enfermas infectadas polo coronavirus. Semanas despois sóubose que Sanidade decidira tamén rescindir de súpeto contratos xa prorrogados a outro grupo de enfermeiras en plantas COVID. En ambos casos, a Consellería de Sanidade recuou logo de facérense públicas as denuncias dun persoal que sufriu como poucos o impacto do coronavirus

"Levamos desde marzo de 2020 dobrando quendas e non podendo dar a a asistencia que queremos aos doentes, xa sen falar da nosa vida familiar e a nosa saúde física e mental. Ata onde quere estirar a corda, señor Feijóo?", pregúntanse nun colectivo que aínda esta semana alertou da "saturación" que a falta de persoal e a vaga estival de COVID está a acentuar tamén na Atención Primaria

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.