O Sergas recoñece que a maioría dos médicos de familia que rematan o MIR rexeita traballar nos centros de saúde

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nunha comparecencia de prensa CC-BY-SA Xunta

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñece que arredor da metade do persoal residente que acaba a súa formación en Medicina Familiar non queda nos centros de saúde. Tal e como explicara Praza.gal, en base aos datos recompilados por profesionais, máis do 50% dos profesionais que finalizaron o MIR en Galicia desde 2017 rexeitaron traballar na Atención Primaria, unha porcentaxe que baixa ao 44% neste ano. 

As cifras, que non son feitas públicas polo Sergas, aproxímanse aos datos facilitados este pasada luns por Comesaña no Foro Salud de Nueva Economía Fórum en Madrid. Alí, asegurou que o 62% dos especialistas que se formaron en Medicina de Familia quedaron na Atención Primaria, ao mesmo tempo que aclarou que "o 48% marchou á especialidade de Urxencias", aínda que non fóra de Galicia. 

Centro de saúde da Valenzá, en Barbadás CC-BY-SA Sergas Ourense

Comesaña recoñece que o 48% dos especialistas formados en Medicina de Familia "marchou á especialidade de Urxencias"

Tendo en conta que Urxencias é só unha das alternativas que escollen ao finalizar a súa formación os residentes -que tamén optan polo servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO), o 061 ou a privada- e que esa opción xa cobre case a metade, as contas semellan claras: a maioría dos MIR rexeitan quedar nos centros de saúde. Segundo Comesaña, máis do 60% quedan na Atención Primaria, pero unha parte deles faino nos Puntos de Atención Continuada (PAC), centros que atenden problemas de saúde non vitais fóra do horario de atención dos ambulatorios. 

A imposibilidade do Sergas de reter o persoal residente nos centros de saúde de Galicia "é o gran problema" da sanidade pública galega, segundo coinciden profesionais, colectivos como Precarias pola Atención Primaria ou os colexios de médicos. Comesaña recoñece que "a situación empeza a ser máis preocupante pola avalancha de xubilacións de médicos desa especialidade nos vindeiros anos". 

De feito, a preferencia dos médicos de familia polas Urxencias e non polos centros de saúde, da que advirten os profesionais, é tamén asumida pro Comesaña, que presume de que "o 90% dos especialistas formados" en Galicia, case un milleiros nos últimos dez anos, quedan a traballar en Galicia, pero que a maioría faino na atención urxente. 

Para os colexios médicos e os profesionais mobilizados contra a situación na Atención Primaria, a situación débese, fundamentalmente, ás "mellores condicións económicas, laborais e de conciliación" que ofrecen as Urxencias fronte aos centros de saúde. 

Colexios médicos e profesionais aclaran que as mellores condicións de estabilidade e económicas das Urxencias provoca a fuxida da Atención Primaria

"Os residentes viven agora, de primeira man, unha das etapas máis complicadas nos centros de saúde, con gran volume de traballo e con ata 40 ou 50 pacientes diarios por médico... E decátanse de que están sós para afrontar a situación", explicaba a Praza.gal José Luis Jiménez, presidente do Colexio de Médicos de Ourense e vogal do Consello Galego de Colexios Médicos. "Pola contra, nas Urxencias, están máis arroupados, con máis compañeiros arredor aínda que as patoloxías que atendan sexan máis graves", dixo. 

Ante esta situación, o conselleiro de Sanidade insistiu en que Galicia posta por un incremento do 45% das prazas de formación de médicos para a Atención Primaria e destacou o proxecto XIDE, que analiza primeiro "a que vén o paciente ao centro de saúde" para decidir "cal é o profesional que mellor" resolverá as súas necesidades. 

Suavizar o réxime de incompatibilidades coa privada

Ademais, Comesaña reivindicou a figura dos xefes de servizo nos centros de saúde a recuperación do técnico de saúde co fin de "reforzar" a Atención Primaria en Galicia. Respecto do contrato de continuidade, con retribucións de 62.000 euros brutos ao ano con dúas gardas aomes, "funcionou razoablemente ben". 

Tamén insistiu na proposta do Sergas de 65 novas prazas que solicitou ao Ministerio de Sanidade para autorizar "unha incorporación extraordinaria de prazas MIR". 

Por outra banda, tamén apuntou que a Consellería de Sanidade suavizará o réxime de incompatibilidades do persoal médico do Sergas para facilitar que poidan compaxinar o seu labor na sanidade pública coa privada. "Nun contexto de escaseza de facultativos temos que poñer elementos para que a xente non teña que escoller entre os dous sistemas", dixo respecto a unha situación cada vez máis habitual: a de profesionais que elixen os centros privados pola maior estabilidade pero que ven como tamén se están a mellorar os salarios para captar especialistas da pública. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.