Nos últimos anos foron moitas as denuncias sobre a situación da atención sanitaria no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), en especial nas Urxencias do Clínico. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o propio persoal sanitario alertaron do estado de "saturación" deste servizo, con doentes que tiñan que agardar nos corredores do centro á espera de seren atendidos. Mesmo se denunciou que a morte de seis pacientes fora causada pola excesiva espera, aínda que a Fiscalía -que investigou os casos- determinou que esta relación non se puidera probar.
O Sergas propón sancionala con 17 días sen emprego e soldo por dúas faltas graves, por trasladar a observación dous pacientes que se atopaban agardando a ser atendidos no corredor
Unha das traballadoras que máis denunciou estas situacións foi Fátima Nercellas, médica de Urxencias no Clínico de Santiago e delegada do sindicato O'Mega. Nercellas, con 30 anos de experiencia, foi acusada de mentir por diversos cargos da Xunta e do PPdeG, a comezar polo presidente Feijóo e polo conselleiro Vázquez Almuíña. Porén, recibiu o apoio total da Asociación de Pacientes e Usuarios.
En paralelo con estas críticas, a Fátima Nercellas abríuselle un expediente disciplinario, acusada de trasladar a observación para seren atendidos de forma inmediata a dous pacientes que se atopaban agardando a ser atendidos no corredor de entrada do servizo de Urxencias, pasando por riba do indicado no protocolo de actuación.
"Nun servizo de Urxencias deben existir normas e protocolos, pero por riba diso sempre debe primar o benestar e auxilio do paciente", subliñaron os seus compañeiros do CHUS nun escrito de apoios
Despois de que este proceso disciplinario ficase paralizado temporalmente por mor dunha demanda xudicial presentada por Nercellas, finalmente hai unhas semanas coñeceuse a proposta de sanción da Secretaría Técnica da Consellería de Sanidade. O Sergas propón sancionala con 17 días sen emprego e soldo por dúas faltas graves, a "falta de obediencia debida aos superiores" e o "incumprimento das súas funcións ou das normas reguladores do funcionamento dos servizos".
O propio instrutor do expediente disciplinario recoñece no seu escrito que a sanción está matizada "ante o estado de sufrimento dos pacientes". E Nercellas reafírmase na decisión adoptada no seu momento: "o paciente sempre é o primeiro, ao paciente hai que darlle prioridade sempre, sempre está por diante dos protocolos. Os protocolos están ben para organizar o traballo, pero son simplemente iso", di en conversa con Praza.gal.
Nas alegacións á proposta de sanción, que presentará nos vindeiros días, lembra tamén que "Inspección de Traballo presentou varios requirimentos instando a que non se acumulasen pacientes no pasillo", pois "non poden estar no corredor porque é unha vía de tránsito ou evacuación".
"Inspección de Traballo presentou varios requirimentos instando a que non se acumulasen pacientes no corredor", advirte
Finalmente, destaca que "todos os médicos pasan os pacientes que se atopan no corredor se consideran que é necesario facelo. Buscámoslles sitio aos pacientes onde sexa". Así o recoñecen os seus compañeiros e compañeiras do servizo de Urxencias, que nas últimas semanas publicaron unha carta de apoio. "Nun servizo de Urxencias deben existir normas e protocolos, pero por riba diso sempre debe primar o benestar e auxilio do paciente. O Xuramento Hipocrático obríganos como médicos a socorrer o enfermos por riba de calquera norma e protocolo. Polo tanto, entendemos que por riba de protocolos, normas e instrucións, o criterio médico debe primar á hora de atender un paciente", escriben.
A Xunta de Persoal da área Sanitaria de Santiago e Barbanza cre que o expediente é "un intento de calar a súa voz" e de "silenciar as súas reiteradas denuncias e declaracións públicas en defensa da sanidade"
Así mesmo, cualifican a Fátima Nercellas de "traballadora incombustible e tenaz, loitadora, que ao longo da súa dilatada traxectoria demostrou velar especialmente polo interese dos pacientes así coma dos seus compañeiros". De igual xeito, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS iniciou unha recollida de sinaturas en change.org que superou xa os cinco mil apoios. A petición denuncia que "dende hai anos a doutora Nercellas sofre unha continua persecución pola súa loita para mellorar a atención aos pacientes, a situación no servizo de urxencias e as condicións laborais dos seus compañeiros. Por todo iso, a doutora Nercellas, resulta incómoda para a administración e queren silenciala con este expediente". Nos vindeiros días farase unha presentación pública das sinaturas recollidas.
A médica recibiu tamén o apoio da Xunta de Persoal da área Sanitaria de Santiago e Barbanza, que pediu o arquivo do expediente disciplinario, que cualifican como "un intento de calar a súa voz", denunciando "o ataque patronal que sofre como traballadora e representante dos traballadores con intención de silenciar as súas reiteradas denuncias e declaracións públicas en defensa da sanidade".
En termos semellantes exprésase a propia doutora Nercellas ao ser preguntada sobre as razóns da reactivación da proposta de sanción, que se mantivera conxelada nos últimos meses. "Por que se reactiva agora a proposta de sanción? Porque non o ían deixar pasar. Téñenme moita manía por dicir a verdade", di en conversa con Praza.gal.
"Por que se reactiva agora a proposta de sanción? Porque non o ían deixar pasar. Téñenme moita manía por dicir a verdade"
Fátima Nercellas reafírmase nas súas denuncias sobre a situación das Urxencias do CHUS. "Isto vén pasando nos últimos dez anos e así o vimos advertindo. Morreron xa seis pacientes por agardar de máis nese corredor, aínda que a Fiscalía non atopou responsabilidade penal para o médico ou para a Xerencia porque segundo os informes forenses non había maneira de probar que a espera puido ser fatal", explica. "En xaneiro do ano 2020 morreu o sexto paciente e iso xa foi o que rebordou o vaso, levándome a presentar a denuncia", di, engadindo que non se arrepinte de ter atendido eses pacientes. Ademais, advirte de que -no caso de que se confirme a sanción- chegará á vía xudicial para defender a súa posición.