Marta Fernández-Tapias faise coa presidencia do PP de Vigo con chamadas á "unidade" para "conectar" coa cidade, mentres Feijóo salienta que é "o primeiro paso para superar os humillantes resultados das eleccións municipais"
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, resultou gañadora do 13 congreso local do Partido Popular de Vigo celebrado este sábado. Só 615 militantes, dos 5.000 afiliados do partido na cidade, puideron votar nesta elección que deixou fóra da presidencia a Javier Guerra.
Con 523 votos emitidos nas catro mesas habilitadas, o reconto deixou 300 votos para a candidata co respaldo do vicepresidente primeiro da Xunta e presidente do PP da provincia de Pontevedra, Alfonso Rueda; e 222 para o ex conselleiro de Economía, que contaba co apoio da ex alcaldesa de Vigo e presidenta da xestora da formación nos últimos dous anos, Corina Porro. Houbo un voto en branco.
"Para ser unha nova alternativa para todas as viguesas e vigueses temos que ter un partido unido. Debemos volver conectar coa cidade e que esta, á súa vez, conecte de novo co Partido Popular. Neste partido non necesitamos salvadores, necesitamos servidores e eu estou aquí ao servizo do partido e de Vigo. Hoxe, e aquí, deben rematar as discrepancias previas", afirmou a nova presidenta do PP de Vigo despois dunhas semanas moi tensas entre as dúas candidaturas.
"Non queremos un alcalde que reclama para si todo o protagonismo e nolo quita á cidade e aos vigueses" sinalou Fernández-Tapias
No seu discurso diante da militancia presente na Estación Marítima de Vigo, Marta Fernández-Tapias propuxo un "pacto" por un partido unido e quixo deixar claro que sabe quen son os seus "rivais" a partir de agora. "Non queremos un alcalde que reclama para si todo o protagonismo e nolo quita á cidade e aos vigueses. Nin queremos un alcalde que estea pelexado con todo o mundo. Tampouco queremos unha tenente de alcalde, Carmela Silva, manchada pola corrupción co caso da súa cuñada", asegurou.
O presidente e o vicepresidente primeiro da Xunta participaron na clausura do congreso e arrouparon á nova responsable local. "É importante contar con referentes na vida", sostivo a nova presidenta do PP de Vigo, "e creo que non podería contar con mellores referentes que volos dous. Número un e dous do Goberno galego, para min sodes básicos e un exemplo. Non vos vou fallar. Prométovos unha lealdade inquebrantable, que tamén incluirá discrepancias, pois creo que son sas".
Xa nesas primeiras palabras, Fernández-Tapias avanzou que convertirá en presidente de honra do PP de Vigo a Chema Figueroa, que foi presidente local da formación entre a saída de Corina Porro e a chegada da ex conselleira de Facenda, Elena Muñoz.
"Hoxe non gaña Marta, gaña o PP de Vigo. Hoxe non perde Javier, perde o PSOE de Vigo", defendeu Feijóo
"Un congreso nunca é o final de nada, ten que ser simplemente o principio de todo. E este, tamén", sinalou Alberto Núñez Feijóo, que engadiu que ten que ser "o primeiro paso para superar os humillantes resultados das eleccións municipais de 2019". "Se pensamos que o obxectivo é outro –incidiu–, ímonos volver equivocar. O inicio da remontada do PP de Vigo ten que ser este congreso".
Feijóo non esquivou a división interna da formación viguesa e comparou a tensión vivida coa do congreso do PP galego de 2006, cando el se converteu en líder da formación despois dos anos de Fraga. "Non é malo que houbera tensión ou equipos. Isto só significa que o partido non se resigna ao pequeno e confinado resultado das eleccións municipais anteriores", defendeu. "Hoxe non gaña Marta, gaña o PP de Vigo. Hoxe non perde Javier, perde o PSOE de Vigo", resumiu.
"Vigo é moito máis que unhas luces e tamén merece ser moito máis que uns enchufes", dixo Feijóo
"Non creo noutra cousa que non sexa a lealdade", manifestou Feijóo, "a lealdade incondicional da inmensa maioría do PP é a que nos levou a gañar catro maiorías absolutas". Así, reclamou "unidade" e "humildade" para esta "nova etapa", pese a non ter unha "receita máxica" para pasar dos catro concelleiros actuais do PP no Concello de Vigo aos 14 necesarios para gobernar. "Temos a obriga moral de contruír unha alternativa sólida e solvente para Vigo", indicou.
"Vigo é moito máis que unhas luces e tamén merece ser moito máis que uns enchufes. E por iso, é un deber moral para o PP ofrecer unha alternativa crible, democrática e decente", salientou Feijóo, para incidir en que é preciso "escoitar máis", pero non "aos de sempre", senón "aos que xa non veñen por aquí". Abogou por achegarse ás "parroquias e aos barrios" de Vigo para "saber o que quere a cidade".
Na mesma liña, o presidente do PP provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda, aseverou que o congreso foi un "revulsivo" para o partido e que agora irán "coa bandeira e a cabeza alta". "Facía falta chamar a atención e dicir que o PP está moi vivo na primeira cidade de Galicia", defendeu, para engadir que este proceso de "exame" interno era necesario, pero que "as discrepancias" remataron con el.
Na clausura do congreso estaban presentes membros do Goberno galego como o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ou o conselleiro de Medio Rural, José González. Tamén os ex alcaldes Manuel Pérez e Corina Porro, así como o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo –e ex conselleiro de Sanidade– Jesús Vázquez Almuiña e o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Javier Guerra, que perdeu o congreso fronte a Fernández-Tapias, tamén se quedou ata o final dos discursos.