Escala a pugna no PP de Vigo coa denuncia de afiliacións "irregulares" mediante a conta bancaria do ex-conselleiro Guerra

Presentación da candidatura de Guerra ao liderado do PP de Vigo e fragmento da circular interna sobre as supostas irregularidades nas afiliacións CC-BY-SA Foto: PP Vigo | Montaxe: Praza.gal

O vindeiro 18 de decembro, o PP de Vigo celebra o seu décimo terceiro congreso. Enfrontaranse pola presidencia local dúas candidaturas. Unha, a impulsada polos dous ex-membros do Goberno de Alberto Núñez Feijóo que pugnaran polo liderado en 2016, Javier Guerra (conselleiro de Economía 2009-12) e Elena Muñoz (conselleira de Facenda 2012-15). A outra, a avalada polo presidente provincial do partido e vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, coa delegada do Executivo galego na cidade á fronte, Marta Fernández-Tapias.

A comisión organizadora do congreso do PP de Vigo asegura que o partido detectou ata 35 intentos de afiliacións "irregulares", dezanove deles con cotas cargadas á conta do ex-conselleiro Javier Guerra, que se enfronta polo liderado á delegada da Xunta na cidade, apoiada por Rueda

As sucesivas crises internas dos populares vigueses, acrecentadas polas derrotas nas eleccións municipais ante Abel Caballero -en 2015 pasaron de 13 a 7 edís mentres o PSdeG de Caballero ascendía de 11 a 17, en 2019 quedaron con 4 e o rexedor subiu ata 20- desembocaron nunha fenda aínda maior que non deixa de escalar. O último episodio vén de producirse neste 30 de novembro, ao asegurar a comisión organizadora do congreso que vén de detectar ata trinta e cinco intentos de afiliacións "irregulares" ao partido en vésperas do conclave. Ata dezanove delas, aseguran nunha nota oficial, mediante a conta bancaria do ex-conselleiro Guerra, candidato ao liderado e actual senador.

Fragmento da circular da comisión organizadora do congreso do PP de Vigo coa denuncia de afiliacións irregulares, que liga a Guerra CC-BY-SA Praza.gal

Segundo a circular desa comisión organizadora, foi a secretaría de organización estatal do PP -actualmente comandada pola deputada navarra Ana Beltrán- a que detectou, "nas últimas semanas", ese "intentos de afiliacións ao PP de Vigo de maneira irregular". "Esas irregularidades -abondan- consistían en domiciliar as cotas nunha conta cuxa titularidade non pertencía á persoa que solicitaba a afiliación", sen que "existise, presuntamente, ningún tipo de vinculación familiar ou análoga entre a persoa que solicitaba a afiliación" e a titular da conta. Nese suposto, especifica, os estatutos do PP permiten facelo.

A circular interna afirma que as outras dezaseis solicitudes "irregulares" ían domiciliadas a contas de persoas que "nalgúns casos, ostentan postos de representación do PP no Concello de Vigo", onde actualmente teñen 4 edís

"Á vista da documentación -continúa a nota interna-, resulta que en dezanove solicitudes" o titular da conta era a mesma persoa, "o vicepresidente da xestora do PP de Vigo e posible candidato", Javier Guerra. Noutras dezaseis solicitudes, abonda, sucedía algo "similar", se ben neses casos as contas correntes eran de "persoas que, nalgúns casos, ostentan postos de representación do PP no Concello de Vigo". Eses "postos de representación" son actualmente 4, os membros do grupo municipal conformado despois de que a dirección do partido impuxese como voceiro a quen fora número 20 na lista electoral, o ex-alto cargo da Xunta Alfonso Marnotes, forzando a dimisión de ata 16 persoas.

Segundo a comisión organizadora do congreso, "a admisión desas solicitudes podería supoñer unha alteración no censo de afiliados" e polo tanto, condicionar o corpo electoral encargado de elixir entre Guerra ou Fernández-Tapias. Esa é a razón pola que "se denegaron, por ser irregulares" atendendo aos estatutos do PP, que vetan estas prácticas para "evitar que se produzan pagamentos masivos, máis aínda en momentos precongresuais", especifican".

Guerra e Fernández-Tapias, nas presentacións de cadansúas candidaturas á presidencia do PP de Vigo CC-BY-SA Imaxes divulgadas polas candidaturas

Neste contexto, conclúen, para compatibilizar o freo ás "prácticas irregulares", a "limpeza do proceso" e a posibilidade de "facilitar que aqueles afiliados que desexen" pagar cotas atrasadas "poidan facelo", a comisión organizadora abre un prazo extraordinario de ingreso ata o 2 de decembro. Para poderen participar, subliñan, "os afiliados con máis dun ano de antigüidade" deberán ter pagas as cotas correspondentes aos anos transcorridos dende o anterior congreso, isto é, 20 euros anuais de 2017 a 2020 e 36 para 2021. "En caso de que non se cumpran estes requisitos, incluído o da achega do xustificante da titularidade da conta dende a que se realiza a transferencia, non se admitirá a inscrición", conclúe.

Guerra nega irregularidades, pero admite as altas

Horas despois de que a comisión organizadora fixese públicas estas acusacións, a candidatura de Javier Guerra negounas. Nun escrito remitido á militancia, a facción do ex-conselleiro e candidato á presidencia local do PP vigués asegura ter a "sensación" de que "hai persoas que, dende fóra de Vigo, teñen medo aos votos dos afiliados vigueses e queren gañar nos despachos o que saben que non poden gañar nas urnas".

O grupo do ex-conselleiro di ter a "sensación" de que "hai persoas que, dende fóra de Vigo, teñen medo aos votos e queren gañar nos despachos o que saben que non poden gañar nas urnas"

"Non nos van amedrentar con este tipo de de acusacións", agrega a candidatura de Guerra, que así e todo admite as altas de "familiares e achegados" que se deron de alta no PP de maneira "voluntaria". "Da mesma maneira que tiveron que dar marcha atrás e corrixir o erro" no que atinxe aos prazos para regularizar cotas, "tamén terán que desmentir esa acusación, que rompe a imparcialidade do comité e utiliza unha verdade a medias para poñer en dúbida a limpeza do proceso", auguran, ao tempo que advirten de que continuarán a campaña interna "coa verdade e sen caer en provocacións".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.