“Garantimos a estabilidade do Goberno de Galicia”, insiste o aínda presidente máis dunha semana despois de confirmar que el mesmo provocará unha crise de goberno para a que aínda se reserva a data
A finais deste ano o Goberno galego aprobará unha nova lei de igualdade. E en 2024 a Xunta elaborará uns orzamentos da Xunta non definicitarios para o ano seguinte. Os anuncios foron lanzados nas últimas horas polo aínda presidente Alberto Núñez Feijóo, pero os prazos que dá neles serán posteriores aos prazos que el mesmo se pon para deixar o Goberno galego, antes do verán.
Os anuncios que Feijóo segue realizando de medidas políticas que asegura que adoptará o Goberno galego cando el xa non o presida sumáronse este xoves a unha contradición expresa: “Garantimos a estabilidade do Goberno de Galicia”, asegurou o aínda presidente sobre a súa anunciada marcha, que por si soa supón o cesamento inmediato de todo o Goberno galego e o nomeamento dun novo presidente.
O mércores da pasada semana, o mesmo día que anunciou a súa marcha a Madrid, Feijóo avanzou nun foro privado o plan estratéxico da Xunta ata 2030. Como toda planificación estratéxica, non supón que a vaia executar o goberno que a realiza nunha lexislatura con data de caducidade. Pero este xoves, ao aprobar finalmente ese plan, que debía estar rematado hai meses, Feijóo fixou unha folla de ruta de aplicación progresiva do mesmo que implicará ao executivo que siga á fronte da Xunta o que resta de lexislatura, que se pode prolongar aínda máis de dous anos, ata 2024. Ese ano, chegou a dicir Feijóo, elaboraranse os orzamentos para 2025, nos que espera que se poida consignar o "déficit cero" nas contas da Xunta, promesa similar á que formulou cando chegou ao Goberno galego en 2009.
Un día antes, este mércores, Feijóo asegurou no Parlamento que a finais deste ano aprobarase unha nova lei de igualdade. O que vén de facer a Xunta é iniciar a recollida de suxestións entre a cidadanía para elaborar esa norma, pero o texto non será remitido polo Goberno galego ao Parlamento para a súa aprobación ata dentro de varios meses, cando el xa non estará á súa fronte.
Feijóo, que comeza unha xira que o levará por todas as comunidades durante 8 dos 10 próximos días, deixa no aire a súa posible tutela sobre quen quede á fronte da Xunta ao tempo que minimiza o seu propio papel na sucesión
Nos últimos días o presidente tamén vén reuníndose con alcaldes de diversos concellos e realizando visitas a empresas ou institucións ás que tamén formula promesas de futuras actuacións da Xunta, o que deixa no aire a súa posible tutela sobre quen quede á fronte do Goberno galego tras a súa anunciada dimisión. Porén, ao mesmo tempo minimiza o seu propio papel na súa sucesión, da que fai responsable ao PPdeG.
Polo pronto, para as próximas semanas o PP xa avanzou unha previsión da que será a axenda da campaña interna de Feijóo para facerse coa presidencia do PP estatal, coa que prevé percorrer todas as comunidades durante oito dos dez próximos días, o que limitará a súa presenza en Galicia. Este mesmo venres comézaa en Murcia e Valencia, onde non só atenderá da crise no seu partido senón que tamén está previsto que asista á mascletà das Fallas. Durante ese tempo, e cando menos ata que non dimita como presidente da Xunta, Feijóo, dixo tamén esta semana o seu vicepresidente Alfonso Rueda, seguirá gobernando "en contacto telefónico permanente".