O presidente pide “non utilizar a muller para facer política” e asegura que “Galicia en termos de igualdade está mellor que a media de España e que moitos países da UE”
“Do feminismo respectuoso, do feminismo igualitario, do feminismo real, do feminismo da liberdade, son absolutamente militante de todos eses feminismos, pero do feminismo sectario, do feminismo instrumental, non conte comigo para iso”. Así respondeu este mércores o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á pregunta directa que por dúas veces lle tivo que formular no Parlamento o portavoz do PSdeG, Luis Álvarez: “É vostede feminista?”
Se o BNG centrou a súa pregunta na sesión de control ao presidente na súa anunciada pero aínda non concretada dimisión do cargo, o PSdeG puxo o foco no 8M e preguntou polas políticas de igualdade da Xunta. Álvarez e Feijóo coincidiron en que aínda queda camiño por recorrer para acadar a igualdade, pero reprocháronse datos dispares sobre o avance ou retroceso do páis na última década. “Galicia en termos de igualdade está mellor que a media de España e que moitos países da UE”, chegou a dicir o presidente.
Feijóo pediu novamente ao resto de partidos políticos "non utilizar a muller para facer política"
Malia que Feijóo xa anunciou que o seu obxectivo é deixar a presidencia do Goberno galego antes do verán, este mércores asegurou que a Xunta aprobará a finais deste ano unha nova lei de igualdade. Porén, o portavoz socialista reprochoulle os pactos que o PP estatal que quere presidir mantén en diversos lugares con Vox, formación que rexeita as políticas de igualdade.
A resposta de Feijóo foi pedir ao resto de partidos políticos “non utilizar a muller para facer política”, apelación que o presidente vén repetindo desde hai anos ao tempo que se gaba das políticas de igualdade do seu goberno.