As empresas públicas da Xunta empeoraron aínda máis a falta de paridade nos seus consellos de administración no último ano

Constitución hai un ano só por homes do consello de administración da sociedade de maioría privada impulsada pola Xunta para xestionar fondos europeos CC-BY-SA Xunta

Sete das trece sociedades nas que a administración galega é maioritaria teñen moitos máis homes que mulleres, e catro delas agravaron esa diferenza nos últimos meses

A Lei de Igualdade estatal aprobada hai agora 15 anos establece como baremo xeral de paridade unha relación entre homes e mulleres de 60/40 ou 40/60 que é obrigatoria nas empresas públicas estatais e unha recomendación para o resto de administracións e sociedades, ao igual que a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) recomenda cando menos un 30% de mulleres nos consellos de administración. 

Esas cifras incúmprense claramente en 7 das 13 empresas públicas que son propiedade da Xunta ou nas que esta é o socio maioritario, unha máis que hai un ano, cando eran 6 as que incumprían a paridade. Ademais, entre as que incumpren, a situación mesmo empeorou no último ano en catro das empresas, con aínda máis homes e menos mulleres. E só unha das 13 empresas viu mellorado o número de mulleres a respecto do de homes.

Imaxe de arquivo dun Consello de Administración de Sogama, empresa pública da Xunta, no que as mulleres seguen a ser minoría CC-BY-SA Xunta de Galicia

A propia Xunta identifica na súa web de Transparencia as súas 13 sociedades mercantís públicas autonómicas. Non todas elas comunican abertamente nas súas páxinas web a composición no momento actual dos seus consellos de administración, polo que esta análise realízase con ese dato cando é público ou co indicado nos últimos informes de resultados económicos dispoñibles de cada empresa. Similar metodoloxía empregou Praza.gal para analizar a situación hai dous anos e medio, e novamente hai un ano, sen que neste tempo a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta quixese realizar ningunha valoración ao respecto.

Ademais, a análise ten en conta as vogalías deses consellos de administración que son designadas pola Xunta, diferenciando das que son nomeadas por outros socios privados, que na maioría do caso adoitan ser homes, polo que os incumprimentos da paridade serían aínda superiores.

Das 13 empresas públicas, só nunha Sogama, hai máis mulleres, 3, que homes, 2, nas vogalías nomeadas pola Xunta, pero nela tamén é socia Naturgy, cuxos cinco vogais son todos homes, o que novamente racha a paridade do consello de administración

  • Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo: 8 homes e 2 mulleres. Empeorou a súa situación a respecto da que tiña hai dous anos, con 4 homes e 4 mulleres, e mantense igual á de hai un ano.
  • Seaga, empresa pública de servizos agrarios: A empresa non transparenta o seu consello de administración, pero nas súas últimas contas anuais presentadas figuran 9 homes e ningunha muller. Hai dous anos tiña 3 mulleres e 2 homes pero hai un ano pasou a estar composto por 8 homes e 1 muller. Agora empeora aínda máis.
  • Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI), encargada dalgunhas obras públicas: 6 homes e 2 mulleres. A situación é igual á de hai un ano pero peor que a de hai dous, cando eran 4 homes e 2 mulleres.
  • Xesgalicia: Unha das dúas sociedades públicas que xestionan investimentos de risco conta con 7 homes e 1 muller por designación da Xunta, ao que se engade outro home máis por designación dun socio privado. A situación empeorou aínda máis a respecto de hai un ano, cando había 6 homes e 1 muller, e volve á de hai dous anos, cos mesmos 7 homes e 1 muller que agora.
  • Sodiga: A outra sociedade pública de xestión de investimentos de risco ten no seu consello de administración 4 homes e 1 muller por designación da Xunta e outro home máis nomeado por un socio privado. Empeorou a respecto de hai un ano, cando eran 2 homes e 2 mulleres os nomeados pola Xunta.
  • Retegal, empresa de redes de telecomunicacións: 5 homes e 2 mulleres. Empeorou a respecto de hai un ano, cando tiña 4 homes e 3 mulleres.
  • Xestur, empresa de xestión de solo: 4 homes e 2 mulleres, mantense igual que hai un ano.
O presidente Feijóo lendo un libro sobre o patriarcado e Emilia Pardo Bazán nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia
  • Galaria, empresa encargada da alta tecnoloxía sanitaria: Non transparenta directamente os nomes do seu Consello de Administración, pero nas súas últimas contas presentadas había 4 homes e 3 mulleres, co que mellora a situación a respecto dos 5 homes e 2 mulleres de hai un ano.
  • Galicia Calidade: 4 homes e 3 mulleres. Segue igual que hai un ano.
  • Tecnópole, parque tecnolóxico de Galicia: 3 homes e 2 mulleres nomeados pola Xunta. Igual que hai un ano. A empresa tamén ten outros socios que designaron outros 2 homes e 2 mulleres.
  • Sogama, empresa de xestión de residuos: 3 mulleres e 2 homes nomeados pola Xunta. Igual que hai un ano. Pero nesta empresa controlada pola Xunta cun 51% participa tamén Naturgy cun 49% e a súa representación son 5 homes.
  • Xenética Fontao, empresa gandeira: 2 homes e 2 mulleres. Segue igual que hai un ano.
  • CRTVG: 3 homes e 3 mulleres, polo que segue igual que hai un ano, nun Consello de Administración conformado por persoas designadas polos partidos políticos: 3 homes e 1 muller polo PP, e unha muller en cada caso por BNG e PSdeG.

Esta é a situación nas empresas propiedade total ou maioritariamente da Xunta, analizando mesmo por separado as vogalías nomeadas polos posibles socios privados. Pero o Goberno galego participa en moitas outras empresas de capital maioritario privado en cuxos consellos de administración tamén propón vogalías, como é o caso da sociedade creada hai un ano para a xestión de fondos europeos, na que a Xunta participa cun 40% do capital e cuxa constitución foi especialmente polémica pola ausencia de mulleres. Meses máis tarde acabarían incorporándose tres mulleres á directiva desa empresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.