Alén da foto de señores da sociedade para os fondos da UE: a Xunta incumpre a Lei de Igualdade na metade das empresas públicas

Consello de administración da sociedade impulsada pola Xunta para xestionar fondos europeos, composto só por homes CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego empeorou a disparidade nos últimos anos nomeando aínda máis homes como conselleiros en varias sociedades que antes si eran paritarias, como o Xacobeo ou Seaga

O pasado luns 3 de maio celebrouse a reunión constitutiva da sociedade de maioría privada creada pola Xunta para captar fondos europeos de recuperación, un acto do que o Goberno galego divulgou imaxes e a composición do seu consello de administración “formado por nove membros”, segundo salientou, todos eles homes. 

Tras as críticas chegadas de diversos eidos pola ausencia de mulleres, o xoves o presidente Feijóo asegurou que o presentado tres días antes non será o consello de administración definitivo e pediu agardar a que se coñeza tamén a executiva que dirixa a sociedade para “avaliar se hai mulleres”. Porén, máis alá da situación desa sociedade de maioría privada na que participa a Xunta, a metade das empresas públicas nas que a administración galega ten a participación maioritaria incumpren a Lei de Igualdade no que á paridade dos seus consellos de administración se refire e varias delas, como a que xestiona o Xacobeo ou Seaga, empeoraron a disparidade nos últimos anos.

A Lei de Igualdade estatal aprobada hai 14 anos establece como baremo xeral de paridade unha relación entre homes e mulleres de 60/40 ou 40/60 que é obrigatoria nas empresas públicas estatais e unha recomendación para o resto de administracións e sociedades, ao igual que a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) recomenda cando menos un 30% de mulleres nos consellos de administración. Pero esas cifras incúmprense claramente en 6 das 13 sociedades mercantís públicas autonómicas que a propia Xunta recoñece ter na súa web de transparencia. A cifra de empresas de maioría pública que incumpren a paridade é aínda maior se ademais de ter en conta as vogalías deses consellos de administración que nomea directamente a Xunta se contabilizan tamén as designadas por empresas privadas que participan de xeito minoritario.

Imaxe de arquivo dun Consello de Administración de Xestur, empresa pública da Xunta, no que as mulleres seguen a ser minoría CC-BY-SA Xunta de Galicia

No consello de administración da sociedade de xestión do Xacobeo había hai ano e medio catro mulleres e catro homes e agora son dúas mulleres e oito homes

Non todas as empresas públicas da Xunta comunican abertamente nas súas páxinas web a composición no momento actual dos seus consellos de administración, polo que esta análise realízase con ese dato cando é público ou co indicado nos últimos informes de resultados económicos de cada empresa. Similar metodoloxía empregou Praza.gal hai ano e medio, momento desde o que segue agardando por unha valoración da situación por parte da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

Especialmente significativo é o caso do consello de administración da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Hai ano e medio ese órgano tiña catro mulleres e catro homes. Neste tempo foi ampliado e hoxe conta cun total de dez postos, dous máis, pero agora as mulleres son dúas e os homes oito.

Similar situación se produce en Seaga, a empresa pública de servizos agrarios, na que hai dous anos o consello estaba composto por tres mulleres e dous homes e pasou a estar formado por oito homes e unha muller. E na Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI), onde daquela había dúas mulleres fronte a catro homes e o consello foi ampliado con dous homes máis, ata un total de seis, fronte ás mesmas dúas mulleres.

A situación contraria, pero sen lograr aínda así a paridade, prodúcese en Xesgalicia, unha das dúas sociedades públicas, tamén con participación privada, encargadas de xestionar os investimentos de risco de iniciativas privadas nos que participa a Xunta. No seu consello de administración os homes nomeados pola Xunta son seis fronte a unha soa muller, aos que hai que sumar un conselleiro máis nomeado por un socio privado. Hai ano e medio a disparidade era algo maior xa que a Xunta tiña un conselleiro home máis, ata un total de sete, fronte á mesma única muller. Na outra sociedade de capital risco da Xunta, Sodiga, hai dous homes e dúas mulleres nomeados pola Xunta, pero a paridade acaba desaparecendo ao sumar outros tres homes designados por socios privados.

Tampouco cumpren coa paridade Xestur, a empresa de xestión de solo da Xunta, con dúas mulleres fronte a catro homes, nin Galaria, a empresa pública encargada de xestionar alta tecnoloxía sanitaria. Alí, segundo as súas últimas contas presentadas -a empresa non transparenta directamente os seus órganos de goberno-, os homes son cinco e as mulleres dúas.

Imaxe de arquivo dun consello de administración do Parque Tecnolóxico de Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Si se cumpriría a paridade segundo os datos facilitados pola propia Xunta, aínda que nalgún caso con algún home máis que a cifra de mulleres, na CRTVG (3 homes e 3 mulleres), Galicia Calidade (4 homes e 3 mulleres), Retegal (4 homes e 3 mulleres) e Xenética Fontao (2 homes e 2 mulleres). Pola súa banda, como xa se indicou para o caso de Sodiga, en Sogama cumpriríase a paridade se se teñen en conta só os vogais nomeados pola Xunta (3 mulleres e 2 homes), pero nesa empresa controlada pola Xunta tamén é socia ao 49% Naturgy e os seus vogais no consello de administración son cinco homes. Algo similar pasa co Parque Tecnolóxico de Galicia, con 3 homes e 2 mulleres entre os membros nomeados pola Xunta pero con máis homes entre os conselleiros nomeados por empresas privadas.

A Xunta tamén participa noutras empresas privadas de xeito minoritario, como en Reganosa, onde as vogalías que designa o Goberno galego son para catro homes e unha muller

Esta é a situación nas empresas propiedade total ou maioritariamente da Xunta, analizando mesmo por separado os vogais nomeados polos posibles socios privados. Pero o Goberno galego participa en moitas outras empresas de capital maioritario privado en cuxos consellos de administración tamén propón vogalías, como é o caso da sociedade agora creada para os fondos europeos. Esas empresas non están identificadas na web de transparencia da Xunta, pero por exemplo nunha das máis importantes, Reganosa, na que é socia do grupo Tojeiro, a Xunta ten no Consello de Administración a cinco homes e unha muller.

Imaxe de arquivo dun Consello de Administración de Sogama, empresa pública da Xunta, no que as mulleres seguen a ser minoría CC-BY-SA Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.