BNG e PSdeG reprochan á Xunta a ausencia de mulleres na sociedade para captar fondos da UE e instan a Feijóo a rectificala

Membros do consello de administración da sociedade impulsada pola Xunta para os fondos da UE, o 3 de abril na Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta

A pasada semana, a Xunta concretou a constitución da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, empresa público-privada promovida polo propio Goberno galego para a captación dos fondos europeos de recuperación NextGeneration. É unha sociedade limitada que naceu cun capital inicial de 5 millóns de euros e na que a Xunta achega a maior porcentaxe, o 40%, pero na que o resto de socios encabezados por Abanca (38%) xunto a Reganosa (de maioría privada) e Sogama (de maioría pública) controlarán, en última instancia, a toma de decisións.

A sociedade nace cunha directiva de nove membros, tantos representantes de Abanca como do Consello da Xunta e ningunha muller

Tras a ratificación da constitución da sociedade -e mentres o Goberno galego segue sen revelar por "confidencialidade" a relación completa de proxectos privados aos que avalará para tentar obter fondos-, este luns a propia Xunta anunciaba a composición do seu primeiro consello de administración. Está presidido polo vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde e nel, os directivos de Abanca son tantos como os membros do Consello da Xunta. Alén da presidencia, os executivos da entidade bancaria son máis que os conselleiros do Goberno galego. En total, nove membros entre os que non figura ningunha muller.

No anuncio dos nomes, a Xunta puxo o foco na incorporación do ex-presidente Fernando González Laxe (que encabezou o Goberno galego polo PSdeG entre 1987 e 1989 e tamén é catedrático de Economía Aplicada da UDC) e mais do catedrático de Economía da Universidade de Vigo Santiago Lago, tamén asesor do Goberno de España para a reforma tributaria. Así mesmo, citou -sen concretar- algúns dos proxectos que xa bosquexara, como unha planta para "converter a celulosa en fibras téxtiles".

Tras o anuncio da constitución da nova sociedade, deputadas do BNG e do PSdeG  e o colectivo Xornalistas Galegas puxeron o foco na evidencia de que o consello de administración é integramente masculino

Paralelamente, dende a oposición parlamentaria, a líder do BNG, Ana Pontón, e deputadas como Olalla Rodil (BNG) ou Noa Díaz (PSdeG), entre outras, puñan o foco na evidencia de que o órgano de goberno da sociedade promovida pola Xunta nace sen unha soa muller. O mesmos sucedeu co colectivo Xornalistas Galegas. Horas despois, chegaba o primeiro pronunciamento institucional ao respecto dende a Deputación de Pontevedra, que a través da súa presidenta insta formalmente a Alberto Núñez Feijóo a "rectificar de inmediato" esa composición integramente masculina.

Nunha carta datada neste 4 de maio, a socialista Carmela Silva sinala que na institución que preside en coalición co BNG "recibimos con desagradable sorpresa e moito malestar" a composición do consello de administración da nova sociedade. "Como administración pública que defende a igualdade, a paridade e a visibilización das mulleres en todos os eidos, parécenos insólito e incomprensible" que no órgano de goberno da entidade "non figure unha soa muller".

O conselleiro Francisco Conde, presidindo a constitución do consello de administración da sociedade para os fondos da UE, o 3 de abril de 2021 CC-BY-SA Xunta

Carmela Silva, a Feijóo: "É inaudito, rectifique de inmediato e incorpore mulleres ao Consello para que sexa paritario"

"Resulta inaudito -considera Silva- que en pleno século XXI" tanto a Xunta como as empresas privadas que compoñen a sociedade "se permitan o luxo de desperdiciar o enorme talento de moitas mulleres galegas" en ámbitos "como a economía, a industria, o ambiente, o urbanismo, a mobilidade a demografía, a transición ecolóxica, a dixitalización ou a enxeñaría". "En definitiva, en todos os ámbitos de actuación" dunha compañía na que tamén, destaca, "por non estar, nin figura unha soa conselleira" do propio Goberno galego.

Nun contexto no que, resalta a presidenta da institución pontevedresa, "un dos grandes obxectivos" dos fondos de recuperación é precisamente a igualdade de xénero, "a falta de representación nesta sociedade do 50% da poboación resulta intolerable e non pode representar de ningunha das maneiras á sociedade galega". Por todo isto, conclúe a misiva, "solicitámoslle, como presidente da Xunta", que "rectifique de inmediato" e "proceda á incorporación de mulleres ao consello de administración" para que sexa paritario. "Unha administración pública que defende a igualdade, polo menos nos discursos públicos, debe predicar co exemplo", mantén.

Nun sentido semellante, dende o Grupo Parlamentario Socialista, a súa voceira de Igualdade, Noa Díaz, reiteraba este martes as súas críticas ao considerar a composición integramente masculina do consello da sociedade promovida pola Xunta como "propio dunha mentalidade machista do século XIX". "A reactivación de Galicia non pode facerse excluíndo a máis da metade da sociedade galega", subliña Díaz, quen tamén pon o foco no "escurantismo" co que, di, o Goberno galego segue xestionando "todo o que ten que ver cos fondos europeos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.