As mulleres son moitas menos que os homes en Galaria, Xestur, SPI e Xesgalicia, e a situación amplíase a Sogama e Sodiga se se contan tamén as vogalías nomeadas por socios privados
Doce anos despois da aprobación da Lei de Igualdade estatal, que estableceu obrigas para a administración xeral do Estado e as súas empresas públicas e recomendacións para o resto de administracións e sociedades anónimas, tanto públicas como privadas, a Xunta aínda incumpre coa paridade na relación entre homes e mulleres en varias das empresas públicas propiedade por completo da administración autonómica ou nas que é a socia maioritaria.
Das 13 sociedades mercantís públicas autonómicas que a propia Xunta recoñece ter na súa web de transparencia, en catro delas os homes membros dos consellos de administración nomeados pola propia Xunta superan ás mulleres nunha relación porcentual superior ao 60/40 establecida como baremo de paridade desde a Lei de Igualdade. En dúas delas, ademais, as mulleres non chegan ao 30% recomendado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). A situación é aínda peor se ademais de ter en conta as vogalías deses consellos de administración nomeadas pola Xunta se contabilizan tamén as designadas por empresas privadas naquelas sociedades anónimas de titularidade maioritaria pública pero nas que tamén participan socios privados.
Este diario preguntou o pasado novembro sobre a falta de paridade nos consellos de administración das empresas públicas autonómicas á Vicepresidencia da Xunta, da que depende a Secretaría Xeral de Igualdade, sen obter aínda ningunha resposta.
A situación máis dispar prodúcese en Xesgalicia, sociedade encargada de xestionar os investimentos de risco da Xunta, en cuxo Consello de Administración nomeado polo Goberno galego hai sete homes e unha soa muller
Segundo a información facilitada pola propia Xunta a través da súa web de transparencia, na que remite aos apartados específicos das respectivas webs de transparencia de cada empresa pública ou ás últimas contas anuais nas que se detallan eses datos, as mulleres son moitas menos que os homes nos consellos de administración de Galaria, Xestur, SPI e Xesgalicia.
A situación máis dispar prodúcese en Xesgalicia, unha das dúas sociedades públicas, tamén con participación privada, encargadas de xestionar os investimentos de risco de iniciativas privadas nos que participa a Xunta. En Xesgalicia os conselleiros nomeados pola Xunta son sete fronte a unha soa muller, aos que hai que sumar un conselleiro máis nomeado por un socio privado. Na outra sociedade de capital risco da Xunta, Sodiga, hai dous homes e dúas mulleres nomeados pola Xunta, pero a paridade acaba desaparecendo ao sumar outros tres homes designados por socios privados.
Tampouco chegan as mulleres ao 30% que recomenda a CNMV ás empresas no consello de administración de Galaria, a empresa pública encargada de xestionar alta tecnoloxía sanitaria. Alí os homes son cinco e as mulleres dúas.
Nos consellos de administración de dúas empresas da Xunta as mulleres non chegan sequera ao 30% recomendado pola CNMV ás sociedades privadas ante a súa reducida implicación coa Lei de Igualdade
A cifra do 30% que recomenda a CNMV ás empresas chegou como intento de mobilizar o sector privado ante a súa reducida implicación coa paridade nos órganos de dirección varios anos despois da entrada en vigor da Lei de Igualdade. Pero o que di a norma xeral é que “entenderase por composición equilibrada a presenza de mulleres e homes de xeito que, no conxunto ao que se refira, as persoas de cada sexo non superen o 60% nin sexan menos do 40%”. Esa relación tampouco se cumpre na Sociedade Pública de Investimento (SPI), encargada pola Xunta de acometer diversas obras públicas, en cuxo consello hai catro homes e dúas mulleres. Tampouco en Xestur, a sociedade de xestión do solo da Xunta, tamén con catro homes e dúas mulleres.
Si se cumpriría a paridade, segundo os datos facilitados pola propia Xunta, na Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, a CRTVG, Galicia Calidade, Retegal, Seaga, Xenética Fontao e Parque Tecnolóxico de Galicia. Pola súa banda, como xa se indicou para o caso de Sodiga, en Sogama cumpriríase se se teñen en conta só os vogais nomeados pola Xunta, pero nesa empresa controlada pola Xunta Naturgy é socia ao 49% e os seus vogais no consello de administración son catro homes e unha muller.
A Xunta tamén participa noutras empresas privadas de xeito minoritario, como en Reganosa, onde as vogalías que designa o Goberno galego son para catro homes e unha muller
Esta é a situación nas empresas propiedade total ou maioritariamente da Xunta, analizando mesmo por separado os vogais nomeados polos posibles socios privados. Pero o Goberno galego participa en moitas outras empresas de capital maioritario privado en cuxos consellos de administración tamén propón vogalías. Esas empresas non están identificadas na web de transparencia da Xunta, pero por exemplo nunha das máis importantes, Reganosa, na que é socia do grupo Tojeiro, a Xunta ten no Consello de Administración a cinco homes e unha muller.