A empresa público-privada promovida pola Xunta para captar fondos europeos, encabezada por Abanca, naceu arrodeada de controversia non só polo control privado da sociedade ou pola opacidade que segue arrodeando os plans que o Goberno galego se brinda a apoiar -alega "confidencialidade"-. Tamén polo feito de que, o pasado maio, o Goberno galego anunciou a composición do seu consello de administración cun 100% de homes neste órgano.
A sociedade, impulsada pola Xunta e con control privado encabezado por Abanca, terá a Enyd López como directora xeral e suma ao seu consello á catedrática da UDC Amparo Alonso e mais a Rosa Sánchez-Yebra, antiga alto cargo do Goberno de Rajoy
A composición integramente masculina da directiva da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia foi rexeitada por parte da oposición parlamentaria galega e por institucións como a Deputación de Pontevedra ou colectivos como Xornalistas Galegas. Alén doutras consideracións sobre a xestión da Xunta neste eido, argumentaron que resulta "inaudito" que un organismo coma este nacese sen ningunha muller nos seus postos de mando.
Este 12 de xullo, a Xunta anunciou a incorporación de tres mulleres, unha delas como directora xeral. Así, a sociedade xa non terá un consello de administración integramente masculino, aínda que si o seguirá sendo maioritariamente, nunha proporción de 9 a 3.
A nova directora xeral é Enyd López. Informa a Xunta que, ata agora, era a responsable en Galicia do grupo Saica, unha empresa de produción de embalaxes e xestión de residuos. O Goberno galego destaca desta directiva que é "experta en economía circular".
A segunda incorporación notificada este luns pola Xunta é a de Amparo Alonso, catedrática do departamento de Ciencias da Computación da Universidade da Coruña. É ademais presidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, destaca.
O organigrama complétase con Rosa María Sánchez-Yebra, vicegobernadora do Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa. Sánchez-Yebra foi designada para este posto polo Goberno de España en 2016, na etapa de Mariano Rajoy, no que ata ese momento fora secretaria xeral do Tesouro e Política Financeira.
Segundo anunciou a Xunta no momento da súa creación, o cometido desta sociedade público-privada é "apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation" e despois, "axudar na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento". Aínda que a porcentaxe da Xunta no capital desta sociedade é a máis elevada, a súa participación é minoritaria. Os investidores privados son maioría e entre eles, a porcentaxe máis elevada é a de Abanca. Séguena Reganosa, cun 12% e Sogama, cun 10%.
A Xunta vén sinalando que o cometido desa sociedade é "apoiar a maduración das propostas" para optar aos fondos Next Generation, cuxa parte ligada ao sector privado non revela por "confidencialidade"
Nos últimos meses, o Goberno galego foise referindo en declaracións públicas a algúns destes posibles proxectos tractores, tales como unha fábrica dde fibras téxtiles a partir da madeira, o impulso da reciclaxe e a economía circular, a produción a partir de fontes enerxéticas renovables de hidróxeno ou a instalación de máis parques eólicos. Tamén o o denominado polo aeroespacial no que a Xunta leva xa anos traballando, entre outros.
Non obstante, non existe unha relación pública e completa dos proxectos privados que o Goberno galego avala para obter fondos europeos. O conselleiro Francisco Conde negouse a revelala alegando "confidencialidade e a Xunta só vén indicando que se trata de 107 proxectos privados que poden "acadar unha mobilización" duns 13.000 millóns de euros, asegura.
Como informou Praza.gal, a Xunta si elaborou unha listaxe dos proxectos públicos para os que quere captar fondos europeos de recuperación. Esta relación non foi divulgada ao público xeral, pero si entregada aos grupos do Parlamento de Galicia [pódela consultar íntegra nesta ligazón].