Non hai moitos movementos sociais que sexan quen de sacar milleiros de persoas ás rúas en mobilizacións multitudinarias por toda Galicia dúas veces en apenas doce meses. Posiblemente, só un; o movemento feminista. Así o fixo na histórica folga do 8M de 2018 e, un ano despois, noutro 8M desbordante. Tamén foron masivas as mobilizacións do 2020, pero cunha asistencia xa condicionada pola pandemia que viña. E de aí, a un 2021 de manter a chama acesa, pero tamén de freo ás manifestacións concorridas por mor das restricións da COVID.
Tampouco hai moitos movementos sociais que sexan quen de retomar o paso despois dunha paréntese obrigada coma esta. Pero o movemento feminista vén de volver facelo en múltiples puntos do Estado e tamén en Galicia. Malia á pandemia e malia tamén ás tensións internas, o serán deste 8 de marzo volveu virar nun masivo berro feminista nas rúas de vilas e cidades.
Respondendo á convocatoria da plataforma Galegas 8M, xunto con organizacións como a Marcha Mundial das Mulleres ou asociacións feministas locais, mais tamén con sindicatos, partidos políticos ou o movemento asociativo de diversos eidos, a ausencia dunha única convocatoria central non impediu o éxito da mobilización. Mesmo ao contrario. Con voces diversas, pero tamén con moitos berros comúns.
En boa parte da trintena de mobilizacións do serán deste 8M en Galicia ecoaron as reivindicacións do manifesto de Galegas 8M, redactado neste 2022 baixo o lema Nin escravas nin heroínas, mulleres con dereitos xa!. O documento di "basta" aos "remendos e tutelas institucionais" que actúen a xeito de "floreiro" dunhas políticas públicas que "deben ser deseñadas polos feminismos e veladas na súa eficacia e cumprimento". As diversas mobilizacións estiveron secundadas polos dous grupos da oposición galega, BNG e PSdeG.
Educación non sexista, "unha vida sen violencias", "dereito de vivir, amar, criar, da maternidade, da sexualidade", "loita sen cuartel contra a industria da trata" ou "erradicación da fenda salarial, da precariedade, do teito de cristal da división do traballo por xéneros, do chan pegañento e da feminización da pobreza". Son só algúns dos aspectos reivindicados nunhas mobilizacións nas que, desta volta, nalgúns casos ás consignas do movemento se engadiron as letras das Tanxugueiras. Veñen para quedar.